Ter sentidiño é algo básico para a vida. Xa din as vellas, “con sentidiño, rapaz!”. Pensar as cousas dúas veces. Espremer os miolos para tomar a mellor decisión. Facer as cousas con sentido ou ter bo senso á hora de coller un ou outro vieiro.
E, segundo afirman desde O Portal das Palabras, “despedímonos deste 2019 con moito sentidiño!”
Porque sentidiño é a palabra do ano 2019 elixida a través dunha votación pública neste sitio web, sendo a máis votada e impóndose a outras opcións que previamente foron propostas por parte dos internautas.
Neste artigo falamos de...
Como gañou sentidiño?
‘Sentidiño’ impúxose co 51% dos votos, superando amplamente a ‘feminicidio’ ou ‘narcosubmarino‘, que foron a segunda (co 20% dos votos) e a terceira (co 15%) respectivamente.
Seguíronlle, segundo indican desde O Portal das Palabras, ‘quecemento global’, ‘ecocidio’ e ‘negociación’, as outras verbas que foron escollidas finalistas. Sentidiño sucede así a deseucaliptización, a gañadora en 2018.
Desde un punto de vista lingüístico e etimolóxico, sentidiño é unha palabra derivada de sentido, orixinada a partir do verbo sentir (procedente do latino sentire). Á mesma ponse o sufixo ‘-iño‘, non indicando pequeno senón complicidade e cercanía coa persoa que se fala.
Que é o Portal das Palabras?
O Portal das Palabras é unha iniciativa conxunta da Real Academia Galega e a Fundación Barrié desde a cal se abordan diferentes aspectos que teñen que ver coa lingua galega.
Segundo indican eles mesmos, o proxecto ten un dobre obxectivo:
Por unha banda a posibilidade de acceder a novos contidos publicados e continuar descubrindo moito máis sobre a lingua galega.
Pola outra, ten un potente dicionario electrónico que contén procuras de sinónimos e antónimos. Ademais, teñen unha versión do mesmo adaptada a Android e iOS, para que o leves enriba sempre que queiras.
Polémica nas redes sociais a conta do sentidiño
As redes sociais non tardaron en facerse eco deste fallo. E non sempre para ben.
Varios usuarios indicaron en diferentes grupos de Facebook adicados a falar dos acontecementos da nosa terra, que non é unha palabra seria. É máis, que incide na caracterización infantil e nos tópicos máis degradantes da nosa lingua, ao rematar todas as palabras en ‘-iño’.
A RAG, pola contra, sinala que o “sentidiño galego” pode considerarse simplemente un sinónimo de sentido común ou, como afirma o dicionario, “calidade ou capacidade de xulgar e actual cabalmente”.
Ante isto varios perfís volven sinalar a semellanza entre esta escolla e os tópicos contidos nos populares anuncios dunha coñecida marca de supermercados.
Ti que pensas?
Orgullo Galego non foi seleccionada
Por últimos temos que indicar que Orgullo Galego non foi seleccionada para pasar á votación final.
Desde a administración propuxemos o noso nome, un concepto agregador onde todas e todos nos sentimos a gusto, orgullosas e orgullosos de ser nós mesmos, da nosa terra, da nosa fala, das nosas tradicións, da nosa lingua e do noso xeito de ver e entender o mundo.
Por desgraza, non pasamos á fase final. Non tivemos o apoio suficiente. Para o ano que vén volverémolo intentar ?
Noutra orde de cousas, sabes que o día 24 de decembro fixemos Apalpador tendencia en Twitter?
Esa si que se merece ser a Palabra do Ano!
5 comentarios en “‘Sentidiño’, a “polémica” escolla da palabra galega do ano”
A min non é que me guste moito moito pero si que a uso habitualmente. Gustábame máis que fose ecocidio que o mundo está omi mal e a selva queimase en brasil
O planeta está a ser destruído sen piedade, e nós debemos ser conscientes diso e actuar en consecuencia.
A min sempre me dixeron: “sentidiño pouco pero que dure muito”.
A min si que me gusta e tamén me gusta moito orgullogalego. Felicidades pla páxina eu xa son suscriptora.
Moitas grazas, María :). Agardamos non defraudar nesta nova xeira!