Santa Clara: un tesouro de 750 anos

Publicidade

Até hai ben pouco o centro de Pontevedra contaba con 12.575,21 metros cadrados de edificios, bosque e xardín que estiveron pechados durante 750 anos á cidadanía. Este espazo do que falamos é o Convento de Santa Clara, recuperado a finais do ano 2021 polo Concello de Pontevedra por 3,2 millóns de euros. Esta operación foi unha das maiores en materia de recuperación de patrimonio das últimas décadas en Galiza.

As orixes do Convento

O asentamento da orde das Clarisas na Península Ibérica vén da man da expansión dos Franciscanos, xa que estas dúas ordes están profundamente ligadas. O século XIII foi o  de maior expansión para a comunidade das clarisas, é no que comeza a fundación de centros e mosteiros en moitas cidades, especialmente ao redor do camiño de Santiago, desde o Reino de Aragón cara as Coroas de Castela, Galiza e Portugal.  As Clarisas son unha das tres ordes mendicantes instaladas extramuros, instaladas, neste caso,  na cidade do Lérez ao carón do coñecido como Camiño de Castela.

O convento de Santa Clara, de estilo gótico, comezou a súa construción no ano 1271 despois da doazón da nobre pontevedresa Mayor Pérez, muller de Fernán Núñez de Aldán.  A localización do convento na cidade de Pontevedra é estratéxica, xa que se atopa no Camiño de Castela, ruta que continúa cara Compostela. 

Data do ano 1274 a primeira confirmación documentada da construción do convento que, xunto á posterior instalación da comunidade dominica mostra a importancia social, económica e política da vila de Pontevedra. Cabe sinalar tamén que o Convento de Santa Clara foi o segundo convento que abría orde no Reino de Galiza despois do de Compostela, que foi fundado no 1260.

A importancia na cidade

O crecemento e a importancia do Convento foi a máis nos seguintes séculos, este era considerado un espazo predilecto polas máis importantes liñaxes da cidade para o retiro das súas fillas que “prolongaban en exceso a súa solteiría”, destacamos os exemplos de Falcoa, Aldán ou Da Ponte entre outras; naquela altura, a visión da vida de clausura era radicalmente diferente á que temos na actualidade, era visto como unha saída de prestixio para as mulleres de clase alta mais tamén para evitar todo o que significaba formar parte das grandes familias.

Desde a súa fundación o Convento recibiu numerosas doazóns privadas que contribuíron ao seu mantemento e ampliación patrimonial. Grazas a estas doazóns puideron ser ampliados o xardín e a horta, que tan importantes serían na vida de clausura e tamén grazas a elas foi  construída a cabeceira da que falaremos máis adiante..

A importancia do Convento visibilizabase tamén na esmola que recibía a cidadanía, a cal foise transformando en especie, especialmente en ovos, algo que acabou por converterse en tradición e logo xa era habitual levar varias ducias de ovos cada vez que queráin que fixese bo tempo nun día ou días determinados, como por exemplo un día de voda ou mesmo para as colleitas. Estas esmolas quedaban no torno.

Non podemos deixar atrás a importancia do poder económico do Convento, que durante moito tempo actuou como unha especie de banco que outorgaba créditos á xente en momentos de necesidade polas malas colleitas, para mercar ferramentas necesarias para o traballo e para outras necesidades que fosen xurdindo.

A arquitectura do Convento

O Convento de Santa Clara podería ser definido desde un estilo medieval gótico, mais ao falarmos dun lugar con tanto tempo tamén debemos destacar a forte influencia do barroco na construción. No século XVI tivo lugar unha das primeiras ampliacións coa construción da igrexa, de estilo gótico, que tamén tivo influencia barroca e viviu varias ampliacións ao longo dos séculos.

Queremos destacar a ábside poligonal da igrexa, o arco que preside a fachada da igrexa e o arco de entrada ao propio mosteiro. A nave e a porta lateral norte son de estilo gótico, franqueada por columnas nas que podemos ver a representación do xuízo final. O retablo maior desta igrexa, de estilo churringueresco, é hoxe centro de actividades mais o conxunto conta con numerosos retablos de estilo barroco no que podemos atoparnos un relicario da Virxe dos Desamparados ou de San Vicente Mártir.

Un dos espazos máis impresionantes da igrexa é o coro, lugar de recollemento, oración mais tamén música xa que conta cun órgano perfectamente conservado e do que falaremos máis adiante. Na fachada da igrexa que dá cara a rúa de Santa Clara, temos numerosas labras heráldicas, a escultura de Santa Clara ou canzorros con distintas representacións animais, humanas, florais ou vexetais, cada unha representaba situacións da época. 

Un dos espazos máis visibles e recoñecibles do exterior é a cabeceira. A súa edificación comezou no ano 1362, grazas fundamentalmente a unha doazón de Aldonza Fernández de Churruchao.

Coa chegada do barroco o espazo sufriu varias modificacións e xa no século XIX medra coa construción do último edificio anexo, a que sería a residencia do cardeal Quiroga Palacios e que hoxe o Concello está estudando poder adquirir. Exemplos da influencia do barroco son a escultura de Santa Clara no exterior da igrexa, a propia fonte da horta, a sillería do coro ou o órgano entre outros exemplos.

Estas transformacións ao longo da súa historia reflexan nada máis e nada menos que a transformación da sociedade, a chegada de novas ideas e correntes que aínda na actualidade podemos estudar grazas as súas pedras e  aos distintos estilos que posúe o Convento. Ao longo dos séculos foron engadindo, modificando e mesmo ampliando espazos para chegar ao que é hoxe.

Tamén no exterior, e concretamente no acceso á igrexa podemos observar dúas portadas. A que está cara a dereita foi renovada cun arco de medio punto mais a da esquerda conserva a decoración orixinal e nela podemos ver a representación do Xuízo Final.

Por último, non podemos esquecer unha das partes máis importantes do interior do convento, o claustro, cunha fonte moi semellante á da Praza da Ferraría, un cruceiro e uns xardíns que aínda na actualidade locen esplendorosos. Tamén nos grandes xardíns hai unha horta, lavadoiros, unha capela e mesmo un pequeno bosque.

A vida no Convento

Antes de falar da vida cotiá no Convento cómpre destacar que a vida de todas as clarisas non era exactamente igual, antes do Concilio Vaticano II (1965) as igualara, existían dous tipos de monxas, as primeiras chamadas monxas do coro, eran as fillas de familias importantes e as monxas legas, de familias empobrecidas que traballaban ao servizo das primeiras.

A vida no Convento é a vida que podía ter unha monxa que entrega a súa vida á clausura, xunto coas tarefas de rezo, oración e devoción, tiñan outras moitas tarefas que facer. Nos últimos anos espertaban ás 6 da mañá, rezaban, tiñan misa e atendían o torno polo que pasaba moita xente pedir axuda.

O convento contaba con varias pezas, cociña, sala para as comidas ou mesmo para a ensinanza das monxas, contaban con zonas para lavar a roupa, traballar o viño, a horta, cortes para porcos, galiñeiro e un pequeno espazo con árbores froiteiras.  Tamén contaban cun refractorio, que sería o lugar onde conversaban, debatían e tomaban decisións, polo tanto era un dos lugar máis importantes do espazo.

Por exemplo, o que facer co viño decidiríase no refractorio, xa que a produción de viño podía chegar aproximadamente aos mil litros anuais, cunha parte asignada para cada clarisa, concretamente dous litros diarios para consumo propio. Santa Clara contaba tamén cunha adega no interior propio para almacenar o viño e hoxe, os expertos viticultores están estudando que variades de viño se traballaron no Convento e que sorpresas podemos atopar.

No referente ao bosque e aos xardíns, podemos atopar moitos tipos de árbores como castiñeiros, maceiras, abeleiras, ameixeiras ou mesmo kiwis. De feito, unha das especialidades das clarisas era a elaboración do doce de mazá e das propias hostias.

As monxas tamén adicaban tempo á escritura, escribían as súas biografías onde falaban do día a día no Convento e escribían ensinanzas que puideran axudar. Estas escrituras axudaron moito a historiadores e historiadoras para descubrir os segredos e entender os cambios no Convento e nas clarisas ao longo dos séculos.

O declive e peche definitivo.

No século XX curiosamente viviuse o último período de auxe mais tamén o inicicio do declive. Coa vitoria franquista e a imposición dos postulados cristiáns, tanto o convento como os seminarios cobraron moitísima forza. Neste período o Convento acadou medio cento de monxas de clausura e contaban con servizo de lavado e pasado de ferro na roupa, principalmente para os militares do Cuartel de Marín.

Aínda así, o comezo do declive definitivo chegou pronto e, cara os anos 60 venderon unha parte dos solares do recinto para a construción de edificios e poder usar así eses cartas na restauración do edificio relixioso. Este espazo vendido eran aproximadamente sete mil metros cadrados nos que construíron edificios que tiñan unha condición, que os novos inquilinos non puidesen ver o interior do convento, polo que tiveron que tapar os cristais que daban ao Convento.

Co paso dos anos eran cada vez menos as monxas que vivían no Convento xa que este non era alleo á decadencia en toda Europa deste modo de vida mais tamén da cada vez menor importancia da relixión na vida das persoas e no século XXI chegou o golpe definitivo, o decreto do ano 2015 da Congregación para os Institutos da Vida Consagrada e as Sociedades da Vida Apostólica, polo cal se suspendeu o status de mosteiro autónomo, reubicando así no ano 2017 as dúas últimas monxas no Convento de Santiago de Compostela. No ano 2018 foi ditado outro decreto definitivo que confirmaba a suspensión do status, pechando definitivamente.

Publicidade

Publicidade

Curiosidades e descubrimentos no seu interior.

Desde que o Concello de Pontevedra adqueriu o Convento de Santa Clara non deixaron de saír novas sobre os segredos que se ocultaban no interior. O certo é que 750 anos de historia de tanto patrimonio que estiveran pechados a historiadores, investigadores ou arqueólogos, tórnase agora nunha mina cultural para o campo da investigación.

Hai uns anos puidemos coñecer que as clarisas conservaban dúas bandeiras dos rexementos que derrotaron aos franceses na Batalla de Pontesampaio, no ano 1809. Estas, foron doazóns á Virxe dos Desamparados como exvoto e crese que foi o coronel Morillo quen as entregou ás clarisas.

Desde o ano 1875 até  o franquismo, o Convento albergou unha escola, parte das negocacións con Alfonso XII para a devolución do convento ás clarisas, que baixo o proceso de desamortización funcionaba como hospicio.

Outro espazo que cobrou moita importancia na vida das clarisas era unha porta con tres pequenas pechaduras que atopamos nun dos corredores do Convento, podemos dicir que esta porta agochaba un arquivo do Convento onde eran gardados os obxectos de maior valor e os documentos nos que figuraban os privilexios. Como curiosidade, esta porta de tres pechaduras tiña truco, eran precisas tres chaves diferentes, unha portada pola abadesa e as outras dúas por monxas distintas, era imposible abrir este arquivo sen as tres estar presentes.

As monxas reciclaban moitos materiais e así ao entrarmos ao convento puidemos atopar numerosas caixas e envases dos anos 60, 70 e 80. Entre estes obxectos sorprendémonos ao atopar un baúl antigo que conserva no seu interior as caixas de leite en po do Plan Marshall (a Axuda Social Americana para paliar as miserias provocadas pola ditadura sempre a cambio doutros beneficios para o país norteamericano). Este leite era obrigatorio en moitas escolas e aínda hoxe hai moita xente que o recorda.

Poderíamos escribir durante días de toda a riqueza que atopamos na nosa visita ao seu interior mais pretendemos só dar unhas pequenas pinceladas da historia do Convento e do paso dos séculos e o seu valor patrimonial, chegados a este punto non podemos deixar de destacar o órgano, na actualidade xa automatizado mais que funcionou cun fol manexado por dúas clarisas.

Hai pouco, nunha visita da Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galiza, atoparon un mural na planta baixa do convento, no que se pensa que é un antigo comedor de hai máis de 200 anos e nos últimos anos mesmo serviu de corte. Aquí descubriron uns murais do século XVIII con grafías e debuxos zoomorfos. Tamén nestes primeiros estudos atoparon unha ara romana, unha columna de pedra con gravados e inscricións, pedras con simboloxía medievais…

O futuro do Convento de Santa Clara

En mans do Concello de Pontevedra, agora toca deseñar a folla de ruta do futuro que lle agarda a un dos edificios máis antigos da cidade. A importancia deste monumento fala de todo o que “viron os seus muros”, o asentamento de Pontevedra como unha grande cidade, tamén a súa decadencia, a transformación urbana en séculos pasados que levou á derrubar monumentos tan importantes como a muralla, etc. Desde o propio Concello indican que os máis de dez mil metros cadrados de xardíns estarán abertos ao público e farán parte das zonas verdes públicas da cidade. Isto é toda unha revolución tendo en conta a sua localización no centro da cidade e o patrimonio que estará dispoñible para toda a cidadanía.

A cuestión do edificio anexo ao Convento  aínda está por concretar, fálase dunha cesión de uso á Deputación de Pontevedra para ampliar o Museo Castelao e de poñer a disposición da cidadanía parte dos fondos que se atopan actualmente nos almacéns por falta de espazo. Cobra forza tamén a posibilidade de habilitar algúns espazos para actividades culturais. De feito, o claustro da igrexa xa leva sendo meses centro de desenvolvemento de actuacións musicais, conferencias, entrega de premios, etc.

Aínda pendentes de saber cal será exactamente a folla de ruta, de momento o Convento permanecerá pechado unha temporada xa que está sendo estudado por investigadores, arqueólogos, historiadores… para investigar e deseñar a rehabilitación deste lugar que se converte nun exemplo de recuperación do patrimonio e posto ao servizo da cidadanía. Fronte aos numerosos casos de descoido e abandono do noso patrimonio, esta operación sinala cara onde temos que camiñar para non repetir erros no futuro. 

Pode que che interese:

Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro do ano 1913 e faleceu en Vigo o 26 de novembro do ano 2010. Escritor, editor, crítico literario e militante do galeguismo, foi un activo loitador pola lingua e cultura galega até o seu falecemento.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!