Samaín, Defuntos, Halloween e outras tradicións

Publicidade

Info tirada do blog de Rafael Quintiá. · Foto por Toa Heftiba on Unsplash


Estes días estades a pedir unha reflexión sobre Samaín, Halloween, Defuntos e todo o que se encontra arredor disto.

Queremos aclarar que nós non somos expertos nesta cuestión polo que o que imos expor nesta publicación está baseado nos nosos pequenos coñecementos, na lectura de documentos e na tradición oral dos nosos maiores polo que podemos cometer erros e obviamente non podemos detallar con profesionalidade estas tradicións.

Agardamos que vos aporte algo e poidades darlle difusión.

Que é Halloween?

All Hallows’ Evening ou Noite de tódolos Santos é unha festa anual que se celebra principalmente nos Estados Unidos na noite do día 31 de outubro.

A verba «Halloween» é usada como tal por vez primeira no século XVI, e provén dunha variación escocesa da expresión inglesa «All Hallows’ Even» (tamén usada «All Hallows’ Eve») que significa «véspera de Todos os Santos».

O Halloween ten a súa orixe na festividade céltica coñecida como Samaín (forma galega de Samhain, que deriva do irlandés antigo e significa fin do verán.

No Samaín celebrábase o final da tempada de colleitas na cultura celta e era considerada como o «Aninovo celta», que comezaba coa estación escura. Os antigos celtas crían que a liña que liga este mundo co Outro Mundo estreitábase coa chegada do Samaín, permitindo aos espíritos (tanto bos como maos) pasar a través.

Os antergos familiares eran convidados e homenaxeados mentres que os espíritos daniños eran afastados. Disque o uso de traxes e máscaras débese á necesidade de facer fuxir os maos espíritos.

En 1840 esta festividade chega aos Estados Unidos e ao Canadá, onde fica fortemente arraigada. Os inmigrantes irlandeses transmitiron versións da tradición durante a Gran Fame irlandesa. Foron eles quen espallaron o costume de tallar os jack-o’-lantern (calacús ocos cunha candea dentro).

Samaín na Galiza

Na Galiza o termo Samaín é un préstamo do gaélico-irlandés para unificar as diferentes denominacións existentes arredor deste festexo tradicional como pode ser Noite dos Calacús, Noite dos Mortos, Noite das Ánimas ou incluso Magosto o cal se pensa que é o herdeiro directo desta festividade pagá. Así é todo, o nome máis popular e con maior presenza ao longo dos séculos é Defuntos ou Noite das ánimas, denominacións xenuinamente galegas.

En Galiza esta data tiña moito peso, a vinculación da nosa cultura coa morte e o mundo das ánimas é enorme. Aínda que na actualidade moitas tradicións case desapareceron, temos testemuñas orais e documentación escrita que recollen a súa presenza na sociedade galega ata os anos 80 e 90.

Que era tradicional nesta época?

Tallar nabos e cabazas para colocalos nos cruces de camiños, nas portas das casas ou mesmo nos cemiterios. Tamén as Constitucións Sinodais de 1541 do bispo de Mondoñedo, Antonio de Guevara recollen a incomodidade da igrexa perante a tradición da sociedade galega consistente en pedir pan, carne, viño, freixós, pixóns e outras cousas e mesmo facer ofrendas con estes alimentos aos seus finados.

Temos moitísimas tradicións relacionadas coa morte que persistiron na cultura galega ao longo dos séculos como o da Santa Compaña e outras que podedes ver estes días nas nosas publicacións.

Destacar tamén que moitos séculos atrás a sociedade galaica colocaba os cráneos dos inimigos nos cruces de camiños e unha tradición moi extendida na sociedade galega era a de preparar a comida para os defuntos que nos viñan visitar esa noite.

Publicidade

Publicidade

Día dos Fieis Defuntos

A data escollida relaciónase con festividades pagás europeas coma o Samaín ou o magosto. Segundo León Denis, o estabelecemento dunha data específica para a conmemoración dos mortos é unha iniciativa dos druídas, persoas encargadas das tarefas de aconsellamento, ensino, xurídicas e filosóficas dentro da sociedade celta, que creían na continuación da existencia despois da morte. Reuníanse nos lares, e non nos cemiterios, no primeiro día de novembro, para homenaxear e evocar os mortos.

Na lareira da casa colócanse cirios ou lámpadas de aceite polas ánimas dos mortos. En Cambados, por exemplo, crese que o día de defuntos non se debe ir ao mar para evitar coller mortos ou os seus restos na rede.

En Tui e noutros concellos tiñan o costume de botar un gran leño ao lume para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen quentarse, rito celta que adoita celebrarse normalmente no Nadal, é o chamado tizón de Nadal.

As celebracións de Defuntos mestúranse nun turbio pasado coas celebracións pagás do Samaín, recuperadas dende hai pouco en Galicia, e dos magostos (quizais o vestixio pagán máis propio).

Os magostos

Unha celebración tradicional de Galicia que está estreitamente relacionada co que estamos a explicar é o magosto que tamén ten un simbolismo de festa dedicada os nosos defuntos, non por nada a súa celebración coincide co mes de Santos. Polo San Martiño, no mes de novembro, as castañas xa maduras empezan a abrir os ourizos e a caer ó chan.

Comeza entón a época dos magostos en Galicia. Esta celebración simbólico-culinaria cínguese normalmente ás datas comprendidas entre o 1 de novembro —Día de Tódolos Santos— e o 11 de novembro —festividade de San Martiño—, aínda que tamén se poden celebrar nos días anteriores ou posteriores a estas datas ou mesmo dende mediados de outubro ata mediados de novembro.

O portugués Leite de Vasconcelos consideraba o magosto como un vestixio dun antigo sacrificio en honor dos mortos e refire que en Barqueiros era tradición preparar, a media noite, unha mesa con castañas para que os defuntos da familia fosen comer; ó día seguinte ninguén tocaba esas castañas pois críase que estaban “babadas dos defuntos”.

En canto ó aspecto simbólico dos froitos típicos do magosto, a castaña podería simbolizar a inmortalidade ao ser un froito que provén dunha árbore de longa vida.

En Galicia era costume —e aínda o é en moitas aldeas de Ourense— durante estas celebracións manchar a cara coa borralla do lume. Alexander Carmichael fálanos da celebración da festividade céltica do Samaín en Escocia durante o século XIX e afirma que na véspera desta data se acendían fogueiras nos claros do bosque para a celebración dunha especie de xuntanza lúdica da que se volvía coa cara manchada pola borralla das cinzas da fogueira, práctica que buscaba simular unha aparencia fantasmal que asustase os veciños cando, xa entrada a noite, volvían para as aldeas.

Curiosamente, é o mesmo costume que aínda se mantén na celebración dos magostos na nosa terra. Nos magostos tamén era frecuente a realización doutros tipos de xogos como saltar por riba da fogueira para purificarse —como se fai na noite de San Xoán—, contar historias ou cantar e bailar.

En resumo

Foi no século IX cando a Igrexa destinou o primeiro de novembro o día de Todos os Santos e no século XII o día seguinte como Día de Defuntos, cristianizando deste xeito as antigas festas pagás dos mortos. En Galiza os nenos percorrían nestas datas as casas da aldea pedindo carne, pan, viño e doces, que gardaban nas súas bolsas para consumilos despois nas súas casas. Aínda na actualidade os cativos percorren varias vilas e aldeas pedindo esmoliña “polos defuntiños que van alá”

Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano pero que nace en Europa, era tradición común en Galiza ata tal punto que no século XVI o inquisidor, humanista e bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara sancionou este tradicional costume.

Malia as prohibicións e os intentos anatemizantes da Igrexa, moitas destas crenzas e tradicións perduraron ata os nosos días mesturadas co cristianismo e integradas como algo normal e típico da Noite de Defuntos, Das Ánimas ou dos Calacús.

Podemos concluir entón o seguinte:

  1. O Halloween foi exportado aos Estados Unidos pola inmigración Irlandesa pero non deixa de ser o Samaín que se celebraba en Irlanda, Escocia, Galiza ou Bretaña. Na actualidade ten un cariz consumista e moitas asociacións loitan para recuperar as verdadeiras tradicións.
  2. Samaín en Galiza: na nosa terra celebramos esta tradicións desde hai moitísimos séculos, na actualidade denomínase Samaín mais según a zona podemos coñecelo como Noite das Ánimas, Noite dos Mortos, Defuntos ou mesmo Magosto.

Pode que che interese:

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Santa Clara: un tesouro de 750 anos

Até hai ben pouco o centro de Pontevedra contaba con 12.575,21 metros cadrados que estiveron pechados durante 750 anos á cidadanía. Este espazo do que falamos é o Convento de Santa Clara, recuperado a finais do ano 2021 polo Concello de Pontevedra por 3,2 millóns de euros. Esta operación foi unha das maiores en materia de recuperación de patrimonio das últimas décadas en Galiza.

Publicidade

Publicidade

5 comentarios en “Samaín, Defuntos, Halloween e outras tradicións”

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!