Benvidos á Nosa Historia, onde ímosvos ir contando batalliñas e outros contos sobre o pasado da nosa terra.
Comezamos cun tema que para algúns é controvertido, pero que poderemos usar como exemplo a hora de entender as problemáticas coas que nos imos atopar á hora de mergullarnos nestes asuntos: a existencia e entidade do Reino Medieval de Galicia.
Un Reino de Galicia que algúns autores e creadores de opinión poñen en dubida. Nós aquí non imos falar do Reino Suevo de Galicia – ese queda para outra, tende paciencia – senón dunha coroa que xorde coa desaparición do Reino Visigodo aló polo comezo do século VIII da nosa era. Seguro que todos vos escoitáchedes falar da mal chamada Reconquista e demais lerias.
Este é un tema complexo e cheo de opinións enfrontadas. Tentarei darvos unha resposta o mais detallada e completa posible. Entón…
– Existiu o Reino de Galicia? – Si.
Ala! Imos tomar unha cunca de caldo e mais un barrantes, que estes días non se para fora.
Se vos parece que a resposta é un pouco curta queda connosco e imos barullar un pouco sobre o tema. Para comprender o que nos enfrontamos primeiro temos que deixar claros un par de puntos.
Neste artigo falamos de...
Un Reino non é un estado, e un Rei non ten nación
Aqueles de nós que, por desgraza, pasásemos por unha herdanza destas atravesadas ben sabemos que non é un proceso agradable.
Discusións sobre quen queda con isto ou aquelo.
Que se alugamos o piso da avoa ou o vendemos. Que se nese monte a min tócanme dous ferrados mais porque ti levaches outro que é mellor… Agora imaxinade o problemático que pode ser cando os herdeiros dispoñen de exércitos e moi pouco amor fraternal.
Un Reino non é un estado, é unha propiedade.
Un territorio que, polo menos en teoría, o monarca pode repartir e administrar como lle veña en gaña. Por tanto, pode dividilo como lle pareza, crear novas divisións administrativas e partilo a súa morte se así lle parece. Por desgraza para os nosos amigos coroados as cousas non son sempre tan sinxelas.
Por un lado, a meirande parte de monarcas na historia enfrontáronse ao problema de viviren demasiado tempo para a o gusto dos fillos. Por outro, aos Reis non lles gusta compartir, e se en tempos o pai levou tres coroas, cada fillo ha querer o mesmo.
Isto pódese solucionar, evidentemente, por medios civilizados como asasinar os teus irmáns ou invadilos e depoñelos – o primeiro paso evita a necesidade do segundo, e por tanto é preferíbel -.
Ate que chegue o momento de deixar unha nova herdanza.
Ademais temos que ser conscientes de esta afección a acumular títulos non se limita soamente as coroas reais, serán todos os que un poda amorear. Rei de Castela, León e Galicia; Rei de Inglaterra, Duque de Normandia e Aquitania…
Un monarca pode selo e o mesmo tempo responder ante outro noutro territorio.
A lexitimidade é capital
Quen decide quen é Rei? Porque quen pillara o cargo, verdade?
Por norma, polo menos, un dos devanceiros do monarca en cuestión, nalgún momento no pasado, foi un gran home – o que neses tempos de forma case exclusiva implica ser un líder guerreiro -.
Este caudillo afianza o control sobre un territorio e toma o título de máis peso e rimbombante que poda.
Sexa Khan, Sultán, Zar… Vén a ser o mesmo.
E este home forte – con algunhas excepcións fascinantes de mulleres tomando o poder e que tamén poderíamos tratar se queredes – prefire pasarlle a diadema a un fillo antes que a un descoñecido. Xa se sabe que é mellor mirar polos da casa.
Esta liña de sangue, mais ou menos augada, é a que serve como pretexto para manterse no cargo. Sobre todo porque aqueles homes que foron leais, ou que se beneficiaron do patrocinio do teu pai, tenden a estar dispostos a apoiarche se tes que manter o statu quo.
Un exemplo moi coñecidos sería Augusto chegando a ser Emperador grazas á fama acadada por Xulio Cesar e a fidelidade que os exércitos do afamado Cónsul tiñan na súa memoria.
Se en algún momento esta lexitimidade se pon en cuestión, sexa porque non existen descendentes directos ou porque alguén con poder considera que hai un candidato mellor, a coroa pode acabar rodando polo chan antes de repousala nunha nova cachola real. Matachíns nesta terra sempre houbo.
Como para poder gobernar daquela, sen internet nin teléfono, un tíñase que ver obrigado a delegar, era mellor que este dereito de sangue a empuñar o cetro non se puxese en dúbida. Porque o pasado era unha época bastante mais perigosa que a nosa, e os delegados en cuestión tiñan exércitos da man para que a súa delegación fose eficiente, contra os de fóra ou os de dentro.
Para que vos conto todo isto?
Porque estes dous factores temos que telos en conta a hora de reflexionar ao respecto do noso pasado.
A historia é un relato, unha narración artificial construída con datos insuficientes e que sempre vai a ter unha intencionalidade. Por moito que os historiadores se arroguen unha imparcialidade como académicos que buscan a verdade e a obxectividade, iso é imposible.
E se isto pasa agora, imaxinade como serían as cousas cando o que che patrocina é un monarca ou nobre, e o que vas a perder non e a cátedra senón a vida. Probade a criticar abertamente ao voso xefe a ver se o toma ben, se non me credes.
Ímolo ter en conta cando nos acheguemos as fontes da época, porque entronca co que xa vos comentei sobre a lexitimidade.
A lexitimidade dos monarcas
Os monarcas quererán reclamar sempre un certo senso de continuidade co último gran poder que ocupara ese territorio para se xustificar.
Sexan os Suevos, que se fan chamar Reis da Gallaecia, porque se asentan sobre o convento romano do mesmo nome, ou posteriormente os Reis de Castela facendo referencia a Hispania.
E do mesmo xeito que esta chamada o pasado se usa para entroncar cun legado glorioso e reclamar unha serie de prebendas e tradicións, cando un Rei precise romper coas mesmas – normalmente porque os demais poderes que existen nese territorio ou as leis que existen nel limitan o seu poder – tentará crear unha nova denominación que lle permita poñer distancia e crear un novo argumento lexitímante.
Algo que se acada esmagando ou asoballando a aqueles que non estean de acordo co novo amaño. Como pasará no século XVIII coa unificación das Coroas de Castela e Aragón, ou no noso caso coa creación primeiro do Reino de León e posteriormente coa hexemonía de Castela.
O Reino de Galicia premeditadamente ocultado
Coméntovos todo isto porque, neste país no que agora vivimos, pasamos por unha longa noite de pedra. Unha noite eterna, ártica que se espalla polo tempo. Con curtos momentos nos que parece que ha saír o día, pero que son as lapas de lumes que viven pouco.
A hora de crear e difundir a historia, nos últimos dous séculos, a lexitimidade tentase crear esmagando e ignorando toda nacionalidade ou tradición que diverxa dun relato unificador e vertical.
Unha sorte de destino manifesto español. Todos vós escoitastes declaracións grandilocuentes do tipo: O problema de España con Al Qaeda comeza no século VIII ou: España é unha gran nación, con 3.000 anos de historia.
Ides vendo a onde quero chegar?
Isto é ridículo.
Porque nós somos galegos porque nos sentimos coma tales, e por moito que a algúns lles pese, será sempre o que sinale a identidade de cada un. Uns sentiranse galegos e españois, outros só galegos, cidadáns do mundo…
Á hora de estudar historia debería dar igual. Porque daquela, os únicos que tiñan algún tipo de conciencia deste tipo eran os nobres, sempre dispostos a cambiar de territorio se as oportunidades son mellores.
As casas reais da mal chamada España que segue aos Reis Católicos veñen dos Países Baixos e de Austria, mentres que os da xa ben chamada España pasan por ser franceses. Como xa vos dixen, un Rei non ten nación.
Incorrección histórica
O que se denomina a miúdo nos libros de texto coma Reino de Asturias había de ser, como mínimo, Reino de Galicia e Asturias, así coma o de León.
Non o digo eu, dino autores do período – Agnales Regnun Francorum no ano 798 ou Muqtabis, de Ibn Hayyan, no ano 1050 por nomear só dous, que sempre viste moito isto das fontes – que identifican este Reino como tal, e que exista sequera un debate sobre o tema é unha aberración.
Deberíamos coñecer mais sobre o noso pasado, porque é de todos nós, sintámonos coma nós sintamos. Dándolle importancia só a uns períodos por enriba doutros, agochando ou ignorando parte do mesmo, só saimos perdendo.
A fascinante historia galega
Sabedes que Bjorn costado de Ferro, o que sae na serie Vikings, asediou Compostela e foi obrigado a retirarse?
Ou que tivemos a unha raíña galega sentada no trono de Portugal despois de morta?
Que un dos castelos máis importantes de todo o medievo europeo estaba en Catoira?
E moitos máis contos sobre traizóns, asasinatos, batallas e paixóns que deixan a Xogo de Tronos a altura dunha telenovela barateira.
Esta peza o único que tiña como obxectivo era demarcar o espazo no que nos imos mover, para atallar de saída debates estériles e que a partir da seguinte publicación nos podamos centrar en desfrutar da Nosa Historia.
Despídome até a próxima, cando veña agora si, a falarvos dos feitos mais salientables do Reino de Galicia.
PD: Se a alguén lle interesa particularmente algún tema, poñédevos en contacto connosco e veremos que se pode facer 😉
6 comentarios en “Guía para principiantes. O Reino de Galicia e os reinos medievais”
Moi bo o artigo, pero o mellor o “Un Reino non é un estado”.
Moitas grazas, Xose Antonio 🙂
Sobre o artigo “Guía para principiantes. O Reino de Galicia e os reinos medievais” que remata así: “Despídome até a próxima, cando veña agora si, a falarvos dos feitos mais salientables do Reino de Galicia.”. ¿Quén é o que se despide? ¿Qué coñecementos ten sobre o tema? ¿É un aficionado, estudante, licenciado en historia,…?
Sobre https://orgullogalego.gal/ no apartado de “Sobre nos” ou “Quen somos”: “Primeiro fomos centos, logo fomos milleiros e agora somos decenas de milleiros… Orgullo Galego son todas e todos os galegos orgullosos do seu, da súa terra, da súa lingua, do seu pobo, da súa idiosincrasia e da súa historia ocultada e negada. Das paisaxes, da gastronomía privilexiada, e como somos e pensamos, das nosas tradicións e da nosa mitoloxía.”
Neste sentido eu tamén formo parte pero, ¿quén fai os artigos?, ¿qué coñecemento ten sobre os temas?, ¿quén creou este grupo?.
Disculpade. A idea paréceme fantástica, pero estas mismas preguntas as fago sobre calqueir web, blog, etc. dos que me gusta saber se hai información fiable e documentada.
Saúdos, Suso Cancelas
Nese sentido eu formo
Bo día, Suso.
Sen problema contestamos a todo o que preguntas. Comezamos polo final…
Detrás de Orgullo Galego estamos dúas persoas: Anxo e Borxa. Se nos sigues na nosa canle de Twitch seguro que coñeces as nosas caras porque facemos directos todas as semanas. Senón, na páxina de “Sobre nós” tes na parte inferior un vídeo onde saimos ambos explicando os por ques do proxecto.
Creamos esta comunidade nas redes sociais hai case 5 anos, e agora decidimos dar o salto a crear contido propio a través da páxina web. Non temos como obxectivo ser un xornal, para iso xa hai abondo e con xornalistas profesionais. O noso obxectivo é tratar outros temas, quizais fóra da frenética actualidade, pero que nos enchen de orgullo como Pobo.
Os artigos facémolos entre varias persoas. Contamos con colaboradoras que teñen experiencia en distintos ámbitos, e sobre os que escriben. Tamén contamos con outra colaboradora que se encarga de realizar a corrección lingüística.
Sobre este artigo en concreto, escribiuno unha persoa moi amiga nosa titulada en historia. É unha visión personal del, coa que nós concordamos e sobre a que nos gustou moito o ton empregado, non un estudo académico nin un ensanio.
Remata de tal xeito porque esperamos que faga unha segunda parte 🙂
Apertas!
Gustoúme moito.
Moitas grazas Sonya :)!!