O raposo común (Vulpes vulpes) é un mamífero carnívoro salvaxe da familia dos cánidos, a principal especie de raposo e ten presenza en case todos os lugares do mundo, principalmente en Europa e América do Norte.
En Galiza é un dos mamíferos que habita os nosos montes e como sucede con outros animais, recibe diferentes nomes dependendo da zona e, aínda que o maioritario é raposo, no norte é moi usado o de golpe. Ademais, segundo nos achegan seguidoras da páxina, nalgunhas zonas refírense a el como bravú, polo cheiro da súa pelella.
Tamén podemos atopar por toda a xeografía outros ben curiosos como Perico, Xan, García, Domingos, Andrés, Bravío, Pedro ou Rabiscollo. Destes últimos falaremos máis adiante.
Neste artigo falamos de...
O raposo e a mitoloxía
Este animal ten unha presenza moi importante en moitísimas culturas e forma parte do seu corpus mitolóxico. Por exemplo, na mitoloxía grega Teumesia é unha criatura con forma de raposa xigante que estaba destinada a non ser collida nunca. Fora enviada por algún deus para castigar os homes de Tebas por cometeren algún crime. Tamén na mitoloxía xaponesa a palabra kitsune refírese aos raposos, do cal din que é un ser intelixente que posúe habilidades máxicas que incrementan coa idade, destacando especialmente o poder dun kitsune de 9 colas.
Por suposto tamén ten presenza na mitoloxía celta e noutras como na dos pobos orixinarios de América do Norte, a chinesa, a eslava e tamén na dos pobos nórdicos. En Finlandia, por exemplo, o raposo representaba o triunfo da intelixencia sobre a maldade xa que os consideraban animais astutos mais nunca malvados.
A presenza do raposo no noso corpus mitolóxico
No noso país o raposo forma parte da mitoloxía e da historia popular igual que noutras culturas. O motivo é a súa abundante presenza ao longo da historia e a súa interacción co ser humano, o que o levou a formar parte de lendas, mitos, contos e do día a día das sociedades labregas.
Así, é considerado un animal moi astuto xa que se cre que pode simular a súa morte como por exemplo cando o ser humano o colle nu galiñeiro. De feito, na elaboración deste artigo, contamos con dúas testemuñas de máis de 80 anos que nos contaron que era habitual pensar que o raposo podería incluso deter o seu corazón para dar maior credibilidade a súa morte.
Tamén hai recollidas crenzas moi estendidas que din que a raposa tiña unha técnica para quitar as pulgas do seu corpo mergullándose na auga cun pau na boca e deixando o pau por enriba da auga. Deste xeito provoca que as pulgas busquen non afogar e fuxan polo pau. Outra moi coñecida é que ver un raposo macho estando en xexún é sería un sinal de bo agoiro mais todo o contrario se o que ves é unha femia.
E que di a tradición oral que debes facer para afastar o raposo dos galiñeiros?
Existe unha fórmula que é a seguinte:
Arrapa, raposo
Dito popular
i avanta no toxo!
E deixa a galiña
da miña veciña
que ten dous pitiños
que quedan orfiños!
Arrapa i arrapa
que a dona te atrapa
e bótache os cans
correndo detrás!
Ademais desta cantiga, antigamente os concellos estimulaban economicamente a todas as persoas que lles levara un raposo morto. De feito o habitual era entregarlle o rabo á persoa que o cazara para poder ensinalo polas aldeas, como se fose un trofeo. Contan que era común que as xentes das aldeas agasallasen con ovos a esa persoa como sinal de agradecemento porque crían que podería asaltar os seus animais.
Noutros lugares do país, especialmente os cazadores, utilizanse nomes como Perico, Domingos, Rabiscollo, Pedro, Xan, etc. Faise para enganalo, xa que se non te referías a el como raposo este non se daría por aludido e así sería máis sinxelo dar con el. Destacar tamén que seguidoras e seguidores da páxina contáronnos que nas súas zonas usan este nome para afastalos dos seus animais.
Sobre estes nomes e a súa intelixencia ten escrito Álvaro Cunqueiro, o cal afirmaba que non só era o animal máis antigo de Galiza senón que era o único mamífero do noso país que coñecía á perfección o noso idioma, especialmente os nomes polos que o ser humano se refería a el como “raposo, golpe ou xatentendo”. Isto é o que xustificaba que tanto a xente coma os cazadores usaran os nomes arriba citados para evitar que o raposo soubese cando se falaba del.
O raposo e Castelao
A presenza do raposo chegou tamén aos debuxos de Castelao nos que nos deixou viñetas como as seguintes:
– O can — Domestícate, hom, e verás que vida mais regalada
O RAPOSO — Non che nacín pra can
– Unha vez eu vin que un raposo se facía o morto…
+ Tamén o cacique se fai o morto.
Ademais, o raposo forma parte de moitísimos contos e historias da nosa cultura como poden ser o Conto do raposo e da aguia, A pega e o raposo, A pega e o raposo, A carreira do sapo e do raposo, O raposo e o lobo e moitísimos máis que recomendamos visitar na páxina de Galicia Encantada.
A caza do raposo
Nos últimos anos, existe unha oposición cada vez máis grande no noso país ao torneo da caza do raposo. Até nos chegaron testemuñas de cazadores que rexeitan os torneos convocados arredor deste animal que ten como único obxectivo premiar a quen cace máis raposos, argumentan que non hai criterios cinexéticos nin biolóxicos, simplemente é cazar por cazar. Ademais un dos motivos que máis indigna as persoas é que nos últimos anos estas asociacións recibiron máis de 141.000 euros de cartos públicos para organizar este tipo de actividades.
Segundo cifras achegadas polo propio torneo, en cada temporada de caza adoitan cazar uns 12.000 raposos, o que nos leva a cifras de 120.000 só nos últimos 10 anos. Temos que ter en conta que o Parlamento Europeo chamou á atención da rápida propagación de varias enfermidades en animais que precisamente son as presas do raposo, entre outros.
Polo tanto estes torneos o único que provocan é un desequilibrio ecolóxico con consecuencias importantes, sumándolle tamén o impacto polo uso de munición de chumbo, legal aínda no noso país a pesar das advertencias de organismos internacionais. En definitiva, o raposo non é alleo ao proceso de degradación dos nosos montes.
O raposo no refraneiro galego
Como non podía ser doutro xeito, un animal tan presente na nosa historia ten que ter unha presenza importante no refraneiro popular galego, así, deixamos a continuación algún dos moitos refráns que existen que nos achegastes:
- O raposo sabe moito por raposo pero sabe máis por vello.
- Mal lle vai ao raposo cando anda aos grilos.
- En san Xoán, o raposiño come pola súa man.
- En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo do can; por santa Mariña, xa como a galiña; por agosto, xa son bo raposo.
- Ao raposo dormente non lle canta a galiña no dente.
- Quen trata con raposos, grazas se lambe algún óso.
- Onde non hai can o raposo é capitán.
A Raposa do aire
Por último, remataremos este artigo falando dunha personaxe mitolóxica como é a raposa do aire, a cal tamén recibe outros nomes como raposa do Morrazo, das mordazas ou da facheira, entre outros. No Dicionario dos Seres Míticos Galegos contan que esta raposa case nunca ten forma visíbel, simplemente é un ouveo estarrecedor que percorre todos os lugares e recunchos polos que tivese camiñado a persoa que vai morrer. Cando a raposa berra, indica que a persoa xa está morta.
Pénsase que é unha alma en pena con forma de raposa e que berra e bota labaradas de lume pola boca e polos ollos, sobre todo se a insultan ou se lle tiran pedras. Preséntase na porta dos defuntos de alma escura, de xente que foi moi mala, e agarda por eles para levarllos ao demo.
Din que esta raposa pode ser voadora ou un paxaro de pequeno tamaño, negro coma un corvo, que anuncia a norte. Outras veces din que pode ter forma de cadela ou cadeliño, e cando se ve, hai que dicirlle “Deus te leve a porto salvo”, o que indicaría que se trata da ialma dun náufrago afogado. Entón bota lume pola boca e os ollos e lisca. Se berra, é morte indefectíbel no lugar.
Na xeografía galega atopáronse testemuñas de ter visto a esta raposa en lugares tan diversos como Dozón, Vilanova, Bermés, Verín, Carnota ou Moaña.
Coñeces algunha historia ou lenda sobre o raposo? Cóntanos!
4 comentarios en “O raposo na cultura popular galega. Todo o que debes saber sobre este mamífero”
Deberíades ter destacado que o nome de “golpe” non é un apelativo dialectal calqueira,senón o que deriva de forma directa do latín “vulpes”. E o que nos asemella a outras linguas romances,como o italiano “volpe” ou ó rumano “vulpe”. Golpe debería,por isa razón,ser a forma preferida en galego.
Moi boas Xaquín. Apuntámolo e proximamente actualizaremos o artigo para destacar diferentes cuestións desde animaliño. Grazas por pasarte e comentar.
O cura da nosa parroquia, chegou a esta de ben novo, e alternaba na taberna con tódolos veciños, se partida de cartas, se unha pachanga de fútbol, ou coma neste caso que discurriron marchar á caza do lobo ó pechar o bar, cazar non cazaron nada pero pasaron a noite. Cando o párroco voltou á casa, xa abrindo o día, viu enriba da mesa media galiña desplumada, extranado marchou durmir e cando se ergueu, preguntoulle á irmá; e logo seica mapaches unha galiña?, e a irmá moi enfadada respondeulle, é o que puiden salvar, entrou o raposo no galiñeiro e fixo unha desfeita!
O cura empezou a rir e ela recriminoullo, pódeste rir, non deixou nada, e menos mal que puiden aproveitar esta!
Decía o cura; eu andaba atrás do raposo e él estaba ceando na miña casa!! ?
Que boa a historia ??