Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña no ano 1957, foi estudante na USC, onde se licencia en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica. Desde sempre compaxinou o seu grande amor polas letras co seu grande amor pola música polo que tamén era titulada superior en violino (Violino era a forma en que Luísa Villalta chamaba ao violín). Formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela, así como doutros grupos de cámara.
Luísa Villalta eríxese como unha destacada representante da cultura galega contemporánea, da Galiza contemporánea, tanto no musical come no literario que sempre compaxinou cun grande activismo cultural. Para comprendermos un pouco por que definimos así a Luísa Villalta, cómpre analizar a súa traxectoria como escritora e música mais tamén paralelamente ao seu activismo e compromiso coa Galiza e co galego.
Por unha banda, a obra de Luísa Villalta abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio) o que demostra que foi unha escritora prolífica e versátil.
Na súa poesía podemos destacar os libros Música Reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995), En concreto (2004), tamén se publicou postumamente Papagaio (2006). Como xa comentamos, ela non ficou só no xénero poético senón que estendeu a súa produción á narrativa con libros como Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001) e ao teatro, onde escribiu obras como O representante (1990), O paseo das Esfinxes (1991) e As certezas de Ofelia (1999).
Da súa produción literaria queremos destacar Música Reservada (1991) porque entendemos que é a mellor representación de Luísa Villalta, unha obra onde se fusionan as súas partes criativas da música e literatura que tan fundamentais foron na súa vida e produción.
Pola outra banda, falamos da Luísa Villalta comprometida coa lingua galega e coa defensa da cultura galega. Foi membro activa da AELG, do Foro da Cultura Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística e tamén militante do Bloque Nacionalista Galego.
A conxunción destas dúas partes dela mesma culminaron no grande activismo cultural que a caracterizou, participou en moitos seminarios, recitais de poesía, colaborou en diversas publicacións como Man Común, A nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada, Tempos Novos, Luzes de Galiza, Agállia…
A morte atopouna cedo, con tan só 46 anos, trencando a súa brillante carreira que aspiraba a ser máis prolífica e privando ao pobo galego dunha activista fundamental para a nosa lingua e para a nosa cultura.
Luísa Villalta é unha das poucas mulleres que fan parte das persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas, e faino pouco despois do 20 aniversario do seu pasamento. Cómpre moito dedicar tempo a estudar e ler a autoras coma ela e valorar tanto a produción literaria como o seu activismo cultural pola lingua e literatura galegas.
Para rematar este artigo, queremos deixar aquí unha poesía de Luísa Villalta chamada A Estación, dedicada á cidade da Coruña que tan importante foi na súa literatura.
Onda nós nunca pasan os trens.
só chegan ou parten.
Por iso tamén somos nós
a nosa última estación
o noso amor definitivo.Así podemos marchar
no único sentido posibel
ou esperar o avalo dos viaxeiros
para sentirnos expandidos nas miradas extrañas
que chegan arrastrando as bambalinas do mundo.Onde nós non hai nunca outro destino
que ser un anónimo fin
ou un glorioso comezo.Máis alá
máis alá somente o mar
e a incertidume da luz
o extremo
o abismo
o espello detido en nós.