A protesta antieólica espállase por toda Galiza (espertará o país?)

Publicidade

As plataformas veciñais que loitan contra proxectos eólicos nos seus concellos empezan a se coordinar na Galiza para faceren fronte á invasión. En Monfero un grupo de activistas elabora mapas para colectivos antieólicos de todo o Estado.

O Manifesto do Mosteiro de Caaveiro di: “Exiximos aos gobernos autonómico e central a paralización inmediata de todos os proxectos de parques eólicos en tramitación. Esiximos ao goberno central a intervención inmediata e a posta baixo control estatal do mercado e das empresas enerxéticas. Exiximos ao goberno a creación inmediata dunha empresa pública así como a planificación da estratexia enerxética do estado, por medio dun Plan Estratéxico a nivel estatal e autonómico que planifique a produción, o transporte e o consumo da enerxía eléctrica”.

Pena da Pluma, en Monfero

Por todas partes din non

O mosteiro de Caaveiro, nas Fragas do Eume, fica dentro da poligonal deseñada por Iberdrola no proxecto de central eólica Pena do Corvo, entre Monfero e Paderne. Alí instalarán trece aeroxeradores de máis de 200 metros de altura nos lindeiros do Parque Natural, nunha zona habitada (35 núcleos de poboación estarían tamén dentro da poligonal) e cunha intensa actividade gandeira e, sobre todo, forestal.

Iñaki López é unha das caras visíbeis da oposición veciñal á instalación eólica. Veu de Valencia hai doce anos e vive no lugar do Piñeiro. O perímetro debuxado nun mapa por Iberdrola atravesa a parcela que queda xusto detrás da súa casa, na parte oeste do que será o polígono. A finca é un dos espazos que Rural Contemporánea -un colectivo de conservación do patrimonio e do medio natural que conta con sedes en distintas localidades do Estado e que en Monfero agrupa tres ducias de persoas- está a recuperar para o uso da veciñanza. Unha gran plataforma de madeira no chan gañado aos toxos mira cara o nacente a modo de banco-con-vistas.

“Alí vai unha liña de aeroxeradores. Tiveron que separalos un pouco para non colocalos naquel outeiro, o Castelo da Pluma, onde hai vestixios dunha torre medieval. Esa liña leva nove muíños e os da punta, cara ao norte, fenden o mesmo parque das Fragas do Eume. En paralelo, vai outra liña de catro aeroxeradores”, explica Iñaki, que se protexe do sol cun pucho da plataforma que loita contra a instalación de eólicos no Monte do Gato (en Aranga, apenas a vinte quilómetros de distancia) e loce unha camiseta co logo de Monfero di Non.

Rural Contemporánea foi o xermolo; Aire Limpo Mariña-Mandeo (quen defende o Monte do Gato), o espello. “Somos unha réplica”. E a réplica deu lugar ás súas propias réplicas: Neda di Non, A Capela di Non, Ferrolterra di Non, Ortigueira di Non, Cerdido di Non, Monte do Chan di Non, Cabanas di Non… Estas plataformas, xunto con outros colectivos ecoloxistas, asinaron o 5 de setembro o Manifesto en Caaveiro e o sábado pasado concorreron na manifestación estatal en Madrid.

O que protexemos é a vida. Por riba do patrimonio, da paisaxe, incluso das economías, está a vida, o dereito a vivirmos unha vida saudábel onde decidamos vivila. E o medio, os montes, os ríos, a auga, son elementos para vivir. Iso é o que defendemos. En Monfero e en todas partes. Na Galiza, na cordilleira Cantábrica, en Aragón…” En todas partes din non.

Vivendas no Candedo que quedan no vial principal do Parque no proxecto de Iberdrola

Dupla ameaza

O escritor Manuel Rivas e o cineasta Oliver Laxe acompañaron a medio milleiro de veciñas e veciños da zona na manifestación en Madrid. Mais esta non é unha loita de personalidades, é unha loita promovida e encabezada polas propias veciñas e coas cidades ausentes. O terremoto que se está a vivir no rural non ten réplica no mundo urbano galego. Até o momento o aparato mediático que arroupa o Partido Popular e os intereses que defenden o PP e o PSOE evitou que a protesta se estendese ás cidades do país.

Mais, con todo, nas aldeas a reacción diante da ameaza foi inmediata. En Monfero empezaron a organizarse en maio deste ano. Unha veciña topouse no BOE coa publicación do proxecto de Pena do Corvo e máis unha LAT (Liña de Alta Tensión) que afecta tamén o concello veciño de Paderne. Nuns días, o grupo veciñal de Whatsapp para informarse sobre o plan de Iberdrola xuntou máis de duascentas persoas. Organizouse unha charla coas activistas do Monte do Gato e comezaron as reunións cada domingo. Tamén con veciñas de Paderne.

“Despois diso constituíse a asemblea e fomos co concello de Monfero, gobernado polo PSOE. Pedimos unha explicación do motivo polo que non se informara. Primeiro, dixeron que non sabían nada e mesmo deixaron que na Casa do Concello colgásemos unha pancarta. Trouxeron técnicos de Iberdrola para que falasen cos veciños. Pero a cousa empezou a torcerse nese momento”, lembra Iñaki López. “A reunión foi unha fraude. O alcalde pechouse no concello cun dos técnicos e alá eles o que falaron. Poucas semanas máis tarde, apareceu outro proxecto, o P.E. Taboada, impulsado pola portuguesa EDP. Resulta que omitira a publicación do documento inicial, algo que ao parecer é legal. E en Monfero, ninguén dicía nada. Pero o concello tiña presentado un informe positivo o proxecto de EDP…”

O P.E. Taboada proxecta doce aeroxeradores, de seis MW de potencia cada un e unha altura total de 248 metros á punta da aspa. Unha máquina de tales dimensións non se viu aínda no país. Ninguén sabe que tipo de impactos pode provocar algo así.

A poligonal deste proxecto ocupa parte do mesmo territorio que o de Iberdrola, e aínda que é máis pequena, mantén dentro 18 núcleos de poboación. En San Xiá de Arca e na Costiña os monstros de 248 metros estarían a 530 e 525 metros de distancia das casas. E iso permíteo a lei.

En Queixeiro, as máquinas situadas nun outeiro cara o nacente, proxectarán sombras quilométricas. Os Gotes, unha pequena aldea onde conviven dúas familias no linde mesmo das Fragas do Eume, quedaría no centro dun cadrado de catro aeroxeradores: as máquinas 5, 6, 8 e 9.

“Son familias, coas súas vidas, susceptíbeis de seren sacrificadas en pro dos intereses da EDP ou de Iberdrola. Estamos a cuestionar iso”, insiste López.

Os proxectos superpóñense. Son incompatíbeis. Desde Monfero di Non pensan que a estratexia empresarial, asumida polo goberno local, é consentir o P.E. Taboadela.

Esa estratexia fracturou a plataforma. “Moita xente estaba aí porque o goberno local se puxera en contra do plan de Iberdrola, pero cando apareceu o de EDP, apoiado polo concello… pois esa xente desmobilizouse”.

Aldea de Queixeiro. Os muíños elevaranse sobre o eucaliptal

Publicidade

Publicidade

A industria do eucalipto e outras

Porén, a plataforma xa tiña impulso dabondo para resistir. Unhas corenta persoas colaboran directamente no labor veciñal. Alén da bagaxe recollida doutras loitas, en Monfero a plataforma nutriuse de colectivos con intereses opostos aos polígonos eólicos. Están en contra os pescadores, están en contra os cazadores -que verían minguar espazos e fauna durante a fase de obras e toparíanse con limitacións despois-, están en contra veciñas e veciños afectados polas infraestruturas viarias, como na aldea de Candedo, onde as pistas levarían por diante casas. E, sobre todo, están en contra os propietarios forestais -aquí non hai comunais, a propiedade do monte é maioritariamente privada.

Monfero, as aldeas, son un bosque de eucaliptos ao pé das Fragas, onde a plantación limitouse hai anos, mais aínda están invadidas. “Hai poderosos intereses madeireiros”, explica López, “e están aliñados cos da plataforma para frear os eólicos”. Aquí xa hai unha industria.

A propiedade, privada, tamén é un freo para as corporacións enerxéticas. En Monfero e Paderne as expropiacións son o principal medo das veciñas e veciños. O metro cadrado de monte para a liña entre aeroxeradores págase a 0,80€, segundo a plataforma. O metro cadrado para a instalación da liña normal de alta tensión, a 0,40€.

A paisaxe nesta zona chaira de poboamento disperso e pequenas explotacións gandeiras, é outro activo para un determinado turismo, mesmo para o asentamento de familias que foxen das cidades. A ameaza puxo en alerta á veciñanza. “Empezamos a entender esas cruces brancas que aparecían pintadas no chan nas estradas ou diante das casas. Que pasa? Como pode ser que haxa unha empresa debuxando un polígono eólico e o Concello non informe e non diga nada? Ese enfado e o medo foron o impulso inicial da plataforma… Agora sabemos moito máis e coñecemos os riscos”.

Pintada no Queixeiro na subida cara as Fraguas do Eume

A mobilización: da rede ás cidades

Monfero di Non é un exemplo de cooperación entre colectivos que manteñen as mesmas loitas nos seus territorios. O Manifesto do Mosteiro de Caaveiro ao redor da demanda dunha moratoria eólica foi o primeiro fito. A manifestación do 16 de outubro en Madrid, o seguinte. Mais Monfero di NON levaba tempo ofrecendo recursos ao resto de plataformas. Un dos activistas, programador informático de profesión, elaborou a ferramenta para converter un documento PDF nun mapa virtual accesíbel a través de Internet en pouco menos dunha hora.

Hoxe Monfero di NON elabora mapas de polígonos e liñas de evacuación para plataformas de toda Galiza e mesmo do Estado.

“Nós tiñamos a experiencia do efectivos que son os mapas. O primeiro mapa que fixemos, o de Pena do Corvo, leva máis de 30.000 visitas”, conta Iñaki. O mapa non só sinala a situación dos aeroxeradores, a subestación, as pistas de acceso e a poligonal, tamén incorpora elementos de protección patrimonial ou as traídas de auga de cada aldea. “As traídas son unha información moi relevante. É o primeiro que lles preocupa ás veciñas: ‘han afectar ás augas?’ E resulta traballoso catalogalas todas. Nós fomos aldea a aldea preguntando onde estaban”.

Na web de Monfero di NON está a disposición pública o documento Que facer cando chega un Parque eólico a vosa aldea?, elaborado en colaboración coas activistas do Monte do Gato. Ese documento disparou as réplicas en toda a contorna e no resto do país. Aínda que o aparato mediático e as cidades agochen ou ignoren o que está a acontecer, a resposta á ameaza é posíbel.

Monfero di NON, en acordo con outros colectivos, aínda fixo máis. Intentou rachar o muro de silencio nas cidades. Reuniron 1.600€ a base de achegas de plataformas e grupos ecoloxistas. Destinaron unha parte a carteis e outra a faixas co lema Aldeas libres de macroeólicos. Mil duascentas pancartas que distribuíron tamén na Coruña, Ferrol e Compostela a través de asociacións veciñais e culturais.

Aldeas Libres de Macroeólicos, en Monfero.

A xente

“Chamámoslle o grupo plomada. O que se fixo ao principio é ir ao Concello dar a brasa… Era tamén un grupo de información. Había unha rapaza en moto e outras en coche que ían ás zonas de afeccións máis severas explicar á xente o que pasaba. A algúns dáballes igual… pero a outros non. Enfadábanse. ‘Onde hai que asinar?’ preguntaban”, lembra Iñaki López da parte máis directa da acción da plataforma.

Ese cara a cara coa veciñanza foi clave. Moveron á xente. Conseguiron presentar 1.600 alegacións por rexistro ao proxecto inicial do P.E. de Pena do Corvo de Iberdrola. Colapsaron o rexistro municipal. Na Delegación do Goberno non responderon á pregunta de cantas se tiñan presentado por rexistro telemático.

Non puideron opoñerse ao P.E. Taboada, porque EDP non presentou o documento inicial. A información sobre este proxecto chegou á plataforma “a través dunha filtración do PP local”. O Goberno, que tramita os polígonos de máis de 50MW, debe comunicar os plans á Delegación do Goberno, á Xunta é aos concellos afectados. 

A Xunta, aducindo que esta zona non está considerada no Plan Sectorial Eólico de Galiza como área de aproveitamento eólico, opúxose a estes dous proxectos. Así que en Monfero teñen un goberno municipal (socialista) favorábel a un dos proxectos, e a Administración autonómica (popular) en contra dos dous proxectos de tramitación estatal por un ministerio (socialista).

A cantidade que temos aquí, en Galiza, é incríbel… Non sucede en ningún outro sitio do Estado. Todas as semanas aparecen dous ou tres novos proxectos. A Xunta parece que dispara con metralleta”, di Iñaki mentres no patio da súa casa do Piñeiro ensina parte do traballo feito. “Aquí está o máis importante, os mapas, que non son mapas para que vexa un cartógrafo, son para que os vexa un veciño, a xente…”. O portátil de Iñaki é un dos epicentros desas sacudidas que está experimentando o rural dun país que sempre parece durmido e cada vez custa máis facelo espertar diante de agresións espantosas. Esta é a peor desde o Prestige, e moito peor.

Iñaki López na súa casa do Piñeiro

Pode que che interese:

Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro do ano 1913 e faleceu en Vigo o 26 de novembro do ano 2010. Escritor, editor, crítico literario e militante do galeguismo, foi un activo loitador pola lingua e cultura galega até o seu falecemento.

Santa Clara: un tesouro de 750 anos

Até hai ben pouco o centro de Pontevedra contaba con 12.575,21 metros cadrados que estiveron pechados durante 750 anos á cidadanía. Este espazo do que falamos é o Convento de Santa Clara, recuperado a finais do ano 2021 polo Concello de Pontevedra por 3,2 millóns de euros. Esta operación foi unha das maiores en materia de recuperación de patrimonio das últimas décadas en Galiza.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!