A súbita e imparábel suba do prezo da luz empezará a frear nos próximos meses, mais continuará alto, moi por riba dos valores aos que a poboación estaba acostumada a pagar a electricidade até este ano. Iso din expertos galegos nos mercados da enerxía. Hai factores estruturais que explican o que está a acontecer, pero o encarecemento ten que ver cos límites físicos da explotación das fontes da enerxía que moven as sociedades contemporáneas.
“O problema é fundamentalmente estrutural. Os prezos elevados de agora mesmo son a manifestación dunha serie de problemas que non se resolveron e que parece que non se han resolver no curto prazo”, indica Xoan Ramón Doldán, profesor da área de Economía Aplicada da USC.
“A enerxía e o seu mercado están internacionalizados. Agora mesmo xoga a xeopolítica. En Europa temos dous problemas. Un ten que ver cun conflito diplomático entre Alxeria e Marrocos polo que o conduto do Magreb está pechado, e o gas ten que recorrer outra vía desde Italia. E esta ten a capacidade que ten, limitada polo diámetro do conduto. O outro problema é que tamén hai dificultades co abastecemento desde Rusia, que non se solucionarán até que non entre en funcionamento o novo gasoduto a principios de 2022”, explica Xosé Manuel Golpe, técnico da Axencia Provincial da Enerxía da Coruña.
Neste artigo falamos de...
Factores conxunturais
O mercado é o primeiro dos factores coxunturais. O mercado actual da enerxía no Estado español é unha ficción de mercado. Non hai competencia. Na parte dos produtores de enerxía están Iberdrola, Endesa, Naturgy… o 98% da xeración de enerxía está en mans de catro ou cinco corporacións. No lado dos compradores-distribuidores están os mesmos actores. “Dise que hai mercado porque hai poxas, hai compra-venda; mais non hai competencia: o mercado é oligopólico por ambas partes”, sinala Doldán. “Aí hai dumping, hai acordos, a Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia sanciona, multa, si… mais esas prácticas continúan”, di Golpe.
O espírito dun mercado marxinalista é que quen ofrece enerxía calcule os seus custes directos e indirectos e ofreza o prezo máis barato posíbel. Pero en España non pasa isto. O gas é unha das fontes para abastecérmonos de electricidade. Teoricamente é a fonte á que se acode en última instancia, mais cando os consumos son moi altos ou as outras fontes non producen o necesario, hai que acudir ao gas. Esta enerxía é a máis cara é a que termina marcando os prezos na poxa.
O gas é un factor conxuntural. No Reino Unido, unha sociedade máis dependente do gas e con maiores problemas de abastecemento que no resto de Europa, “teñen a tormenta perfecta”, di Golpe, e os prezos da luz están polas nubes.
“Estamos nese punto no que os problemas de dispoñibilidade de petróleo e gas empezan a ser correntes mentres a demanda de enerxía non deixa de se incrementar. Son as primeiras manifestacións dun problema que se vai agudizar no futuro, e isto explica unha parte da suba do prezo da luz”, anota Doldán.
Os perdedores
Noutros países si hai competencia no mercado. E iso axuda a moderar as subas, mais non as impide. A política vese superada. Os mercados funcionan de maneira autónoma á política… pero dentro da lóxica da globalización. Na actualidade China está a demandar moito gas, o que turra dos prezos cara arriba. Un informe do Citigroup que refire Golpe avanza que no primeiro trimestre de 2022 o prezo da electricidade situarase entre os 120 e os 130 euros por megavatio/hora.
“Parece barato se temos en conta os picos que alcanzou a luz neste 2021, pero é disparatado se o comparamos cos menos de 50 euros nos que estaba o prezo medio en 2019”, indica o investigador da Axencia Provincial da Enerxía da Coruña. Nos mercados de futuros, compras que se pechan agora e se aseguran, as operacións indican que os prezos medios continuarán subindo. Un contrato de cobertura para todo o 2022 sitúase estas semanas no rango dos 125 euros. “Deixaremos de escoitar nas noticias un récord no prezo cada día, como pasas agora, pero pagaremos pola luz máis do dobre que no 2020”, resume Golpe.
No caso do Estado español, o mercado enerxético oligopólico é un problema engadido. Por este mercado pasa o 90% da enerxía que se consume. Noutros países, como Bélxica, Holanda, Dinamarca, ou mesmo Francia, existen outros mercados. Funcionan mecanismos como os contratos bilaterais, a compra a prazo, e tamén están máis desenvolvidas as comunidades enerxéticas veciñais ou municipais; ao tempo que os Estados manteñen posicións na propiedade das grandes empresas enerxéticas.
“O mercado, en España, funciona sen prevención. E así gañan uns poucos e perdemos a maioría”, considera Xosé Manuel Golpe, que detalla a relación de afectados segundo o grao de desprotección. En primeiro lugar, os consumidores domésticos, a quen as corporacións están agora intentando levar cara o mercado liberalizado, onde terán menos protección. Nese mercado, o prezo é un acordo entre partes. O seguinte segmento máis afectado polos prezos altos é o sector servizos (bares, tendas, perruquerías…) e o agrogandeiro. E no caso galego, estes son sectores que concentran moito emprego. O seguinte segmento prexudicado é o da industria media, empresas de polígono industrial grandes consumidores de electricidade. Os prezos altos están sendo un problema grave porque aquí a electricidade é case materia prima da produción. Finalmente estarían as grandes industrias electrointensivas. Están menos expostas porque teñen máis protección e, ademais, adoitan a establecer contratos bilaterais que lles garantan un prezo.
Factores estruturais
“Temos unha base enerxética fundamentalmente non renovábel. E isto sucede a nivel mundial. En contextos como o galego, pode que esa base non renovábel non sexa tan ampla, mais aínda así seguimos tendo unha forte dependencia de enerxías non renovábeis”, reflexiona o profesor Doldán. “O consumo eléctrico non debe verse separado da base enerxética global. As sociedades van cara a unha electrificación cada vez maior. Estámolo vendo mesmo no ámbito do transporte privado cos coches eléctricos. Antes era moi difícil ver que a xente cociñase ou se quentase con aparellos eléctricos, hoxe é común. É unha tendencia mundial”.
Xoan Ramón Doldán advirte que é imposíbel manter no tempo o subministro de enerxía a unhas sociedades que non deixan de consumir cada vez máis desde fontes que non poden medrar ao mesmo ritmo. O economista lembra como, hai décadas, os mercados do gas, do carbón, da electricidade ou do petróleo ían por separado. “Hoxe non. As grandes corporacións enerxéticas xa se dedican a todo tipo de negocio. Vivimos en sociedades que consumen cada vez máis enerxía e ás que lles resulta difícil separar uns mercados enerxéticos doutros. Nesta forma de sociedade é difícil manter o subministro enerxético nunha soa fonte. A tendencia á electrificación supón transformar toda esa enerxía en determinados puntos e distribuíla a través da rede aló onde é consumida en vez de ter que mover cada recurso por separado”.
“E isto foi buscado e obrigado en sociedades que son devoradoras de enerxía. Por outro lado, desde 2005 agudízanse as dificultades para obter petróleo convencional e, posteriormente, gas natural”, apunta.
Para o economista da USC, “hai que ir a sociedades que precisen menos cantidade de enerxía; e mudar a base de subministro eléctrico e a base de subministro enerxético”.
Mais Doldán é pesimista. Confía pouco na capacidade das Administracións Públicas.
A participación do público
Desde hai décadas as empresas séntanse nos gobernos. Que destacados membros de partidos políticos se senten nos consellos de administración das empresas é coñecido e é denunciado. Mais o relevante é que na práctica son as empresas as que planifican. “O groso da planificación enerxética está feito polas empresas”, asegura Doldán.
As corporacións que no caso español manteñen ese mercado oligopólico negocian, condicionan, dirixen, a acción do goberno… “Suponse que son as expertas e os gobernos déixanse guiar… Poderían as institucións públicas impulsar mudanzas, empezando polo mercado? Poderían. Mais non a vexo nin a vin antes. Non hai intención de modificar o estado das cousas”, di Doldán.
Os gobernos e os parlamentos, comparten Doldán e Golpe, teñen capacidade para modificar as regras do mercado, téñena para traballar no marco europeo e mesmo dentro dese marco tamén teñen capacidade para lexislar en determinado sentido.
Un sector enerxético con maior participación pública? “Hai exemplos en Europa. Esa sería unha forma para que o interese privado non sexa o único en actuar” (Doldán). Participación social máis alá do público? “Imos varios pasos por detrás. Holanda é un referente en participación social tanto na xeración como na comercialización. No Estado español falta recorrido no de facilitar a incorporación da cidadanía a un proxecto de xeración. Fálase de comercializadoras, de comunidades enerxéticas, pero até iso materializalo custa moito desde o punto de vista administrativo, desde o técnico e desde o económico” (Golpe).
Perspectivas
Xosé Manuel Golpe fai parte de Nosa Enerxía, que xa suma 1.200 socios, unha comercializadora que dá pasos cara o campo da produción. Nosa Enerxía está resistindo os cambios normativos cos que o Goberno socialista no Estado trata de conter a suba de prezos. Estes cambios poñen en risco a viabilidade destas pequenas comercializadoras, alternativas o oligopolio.
Coa reforma deste verán, o cliente final paga o 10% de IVE, pero a comercializadora paga o 21%, e cobra o 10%. “Ese 11% estano asumindo as comercializadoras até que se liquide o IVE o ano que vén. Para algunhas é inviábel, e foron pechando. O noso marxe comercial é mínimo para poder ofrecer prezos competitivos. Cubrimos custes e movémonos nun fío moi fino”.
Crebar o oligopolio é unha necesidade para ter algunha oportunidade de intervir sobre os prezos. Golpe sinala o espello de Europa. En canto á regulación, as autoridades só terían que “copiar e traducir” lexislacións como a holandesa ou a danesa. Promover a participación social (a través de cooperativas ou asociacións), a democracia, a participación pública, nas produtoras e comercializadoras. Axudar coas xestións administrativas, facilitar a disposición dos terreos, o acceso á tecnoloxía. “Aquí xa temos concellos que tiran polas comunidades enerxéticas, como a Illa de Arousa, As Pontes, ou os comuneiros de Tameiga, en Mos”, informa Golpe.
Para Xoan Ramón Doldán, os gobernos aínda teñen na man “a capacidade para autorizar ou non a instalación de determinadas plantas eólicas ou fotovoltáicas en determinadas condicións, e iso non depende de Europa, depende dos gobernos, os Estados, os gobernos autonómicos…”
O economista lamenta que a transición enerxética “se deixe nas mans dos mesmo que reorganizan o sector, aumentando o peso das renovábeis, pero sen cambiar nada máis. Polo tanto, non vai haber transición de ningún tipo”.
Doldán chama a atención da necesidade de actuar sobre os consumos. Por exemplo, en todo o que afecta o transporte, “onde se consume a maior parte da enerxía”. Reclama ir na dirección contraria. “Non se deron pasos desde o transporte privado por estrada a un transporte público ou colectivo por outros medios. O que hai son esforzos inxentes para infraestrutura de transporte privado. E mesmo cando se di de fomentar o eléctrico, foméntase o coche privado por estrada. E outras tecnoloxías non se apoian: mirar para atrás: tranvías en cidades, vilas, e mesmo entre vilas… todo iso desapareceu”. Tamén pide actuar na redución de movementos de persoas a través do urbanismo e do reforzo das economías locais, circulares; así como actuar nos consumos dentro empresas e vivendas, “cara a auto-produción… porque o aforro en eficiencia é cosmético”.
“Se non somos capaces de buscar solucións enerxéticas diferentes para funcionar na vida diaria, temos problema grave. Non falo de prescindir de determinadas actividades. Pero a mobilidade ten que ser outra, os sistemas de calefacción outros, fórmulas de carácter colectivo, e non simplemente solucións privadas”, resume o economista.
Que vai pasar co prezo?
Solucións privadas son as que se están a dar á implantación de polígonos eólicos ou fotovoltáicos, co resultado dunha invasión de proxectos nestes momentos no país e no Estado. “E iso non o establece directiva europea ningunha”, anota Doldán. “Se o mercado segue funcionando como até agora, como hoxe, e dependendo de que o gas regule a actividade das renovábeis, non haberá rebaixa ningunha coa proliferación de eólicos”, di Golpe. “Hoxe é o gas quen sostén o sistema porque a eólica é intermitente. Podes meter máis eólica, pero segues dependendo do gas… Sería necesaria unha reforma integral do mercado. Ao mellor a eólica non ten que estar no mercado… ou o gas, que podería ter un prezo indexado ese mercado. O que non nos contan da transición enerxética é que hai que pagala. Estámolo vendo. Moi verde, si pero ten un custe. Se pechas o carbón, se pechas as nucleares…”.
Que vai pasar cos prezos? As corporacións e os gobernos nos que sentan esas mesmas corporacións animan a medidas de aforro como vía para contrarrestar os elevados custes da electricidade. “Cambiar comportamentos horarios no consumo podería ter a súa lóxica, termos continuidade en vez de picos horarios. Para as eléctricas sería moito mellor esa disciplina”, considera Doldán, e insiste na advertencia sobre as ofertas fóra do mercado regulado. “Véñeno buscando hai tempo, levar á xente cara produtos de mercado libre… o que buscan é acabar coa regulación a todos os niveis. Diante diso: máis regulación. Pero non é suficiente. Cunha base enerxética non renovábel, co gas escaso e mercados marxinalistas, teremos prezos altos e a pobreza enerxética aumentará. Os prezos de 50 euros non volverán.”.