Orgullo Galego deu o pregón na Festa dos Fachos no mítico Monte da Peneda

Publicidade

O monte da Peneda é un lugar mítico que se atopa na parroquia do Viso, no Concello de Redondela. Este lugar está considerado un punto de división entre Soutomaior e Redondela.

Froito da súa localización estratéxica a case 330 metros de altura e cunha panorámica de toda a Ría de Vigo, ao longo da súa historia foi empregado como castro galaico, Castelo Medieval, cobrou importancia nas Revoltas Irmandiñas e nos conflitos nobiliarios, e tamén como lugar de peregrinación para quitar o meigallo e o mal de ollo. No seu interior ten un túnel, hai quen di que era parte das comunicacións co Castelo de Soutomaior, outros parte dunha mina romana, a realidade di que non está clara a súa función.

Na actualidade, este monte é coñecido por encontrarse nel a Capela da Virxe das Neves ou Ermida da Peneda, erguida no século XVIII e que acolleu numerosas romarías.

Non podemos esquecer tamén a sobreira localizada ao carón do miradoiro, unha impresionante árbore catalogada como Senlleira que leva séculos ollando toda a zona, a ría de Vigo e mesmo as Illas Cíes. Esta sobreira resistiu os salvaxes lumes, as repoboacións con eucaliptos e a invasión da acacia. De feito, na parte de abaixo podemos atopar un pequeno bosque de sobreiras, con toda seguridade descendentes desta maxestosa.  Como non podía ser doutro xeito, detrás dunha grande árbore hai unha lenda, e a cultura popular da zona conta que debaixo dela hai un tesouro dos mouros

No seu lugar, celébrase desde hai XXV anos a Festa dos Fachos, un acto ritual que organizan Alén Nós, Asociación Veciñal Pozovello, C.M. Arcade de Riba e O Viso, que se basea nas romarías da zona do século XIX e que ten como obxectivo celebrar a chegada do Solsticio de Verán, pedir ao monte que espante os malos agoiros e meigallos, nunha marcha con fachos ate o seu cumio. A Festa remata coa lectura dun pregón reivindicativo (tamén coñecido como a invocación), a escenificación dunha queimada  e a actuación musical dos gaiteiros.

O transfondo desta festa ten tamén a necesidade da implicación para a conservación do monte e o medio ambiente da zona, moi agredida polos lumes e as continuas repoboacións. Recentemente coñecemos a tentativa de agresión do encoro.

Orgullo Galego tivemos a sorte de ser os esconxuradores desta nova edición mais tamén de poder coñecer tanto á xente que a organiza como a propia festa. Non podemos estar máis que agradecidos polo convite e por darnos a oportunidade de coñecer de primeira man unha festa que desexamos que teña moito percorrido.

A continuación deixamos o pregón que elaboramos para a ocasión e que tivo como protagonista a historia do propio monte mais tamén as ameazas que a axexan:

Monte da Peneda que a piques estás de ver un novo Solsticio de Verán, vimos
invocarte, cargados de lume e desexos, problemáticas e atropelos que podes ver.
A túa presencia comunica algúns dos fitos máis importantes da nosa historia. Ti,
viches a construción da vía XIX de Antonio, unha das principais vías de
comunicación romana; Viches erguer e destruír castelos, veciños buscar a cura do
meigallo, os tesouros agochados dos mouros ou a construción dun Castro galaico.
Monte da Peneda, es unha fonte de coñecemento e sabedoría, os teus ollos viron a
invasión francesa, os ataques piratas, os desfiles das lexións romanas, o terror
franquista, a fame, o afundimento de tesouros mais tamén a construción da nosa
cultura popular.

Nesta época que lle chaman modernidade, recollemos o teu legado, transformamos
os nosos desexos en realidade, construímos día a día con ORGULLO esa historia
que os teus ollos viron, recollemos os fitos que construíron a nosa nación para manter
viva a memoria dos que están e dos que estarán, ti mantela viva coa túa presenza,
nós con outras ferramentas que quizais non entendas. O obxectivo é o mesmo, non
esquecer quen somos, de onde vimos e cara onde imos.

Hoxe estamos aquí as persoas que dun xeito ou doutro contribuímos a manter viva a
nosa historia, a nosa lingua, as nosas tradicións, todo o que nos fai existir, todo o que
os nosos antergos conservaron. Algúns erguendo un facho, outros levando o galego
ás redes sociais con moito orgullo galego.

Monte da Peneda, sabes o que é a especulación do monte, os lumes que insisten en
ferirte, a mafia dos eucaliptos, os caciques que pechan o monte para pórlle prezo ao
vento, hoxe podes ollar desde estes case 330 metros de altura, como eses políticos
mequetrefes iniciaron unha nova agresión, o encoro e o transvase, a agresión final
ao Verdugo e ao Oitavén, que dicimos alto e forte, NON, NON e NON.

Monte da Peneda, hoxe traémosche unha petición e unha promesa:
Pedímosche a unidade de todas as forzas, da terra, do aire, da auga e do lume para
acabar con este meigallo chamado progreso que en realidade significa destrución,
riqueza para uns poucos e miseria para moitos.
Como sucedeu hai séculos ao paso das tropas romanas ou cos irmandiños,
prometemos unir estas faíscas nun lume, verán os teus ollos novas lexións berrar e
loitar, hordas loitar contra este meigallo que nos azouta, contra quen aldraxa a nosa
historia, contra quen nos quere pasivos e submisos. As políticas de destrución do
Verdugo e o Oitavén, non pasarán, e seremos historia e na túa memoria ficará. O
orgullo de ser galegas e galegos permanecerá.

Porque como dicía Celso Emilio Ferreiro:

“Pode o corpo ser vencido
Pode o dereito ser torto,
Mais o lume que alampea,
Xamais o veredes morto”

O lume ben arriba, con orgullo. Boa noite e grazas.

Publicidade

Publicidade

Pode que che interese:

12 ditos e refráns sobre animais

A continuación deixamos unha serie de ditos e refráns sobre animais, esta é unha pequena escolla e por suposto estamos abertos a que deixedes as vosas propostas nos comentarios.

10 palabras galegas que igual non coñecías

O certo é que a nosa lingua ten moitísimas palabras propias dalgunhas zonas e outras adaptadas doutros idiomas. Nestes meses fomos recollendo as vosas aportacións e elaboramos unha nova lista. Coñeces estas 10? Bótalle unha ollada!

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “Orgullo Galego deu o pregón na Festa dos Fachos no mítico Monte da Peneda”

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!