Por que o 1 de abril van os burros onde non deben ir?

En Galiza temos un dito moi popular que é o de que “o 1 de abril van os burros onde non deben ir” ou “vai o burro onde non debe ir” e emprégase cando unha persoa cae nunha piada. Estas frases chegaron a dicirse durante todo o ano mais especialmente no 1 de abril cando alguén caía nun engano.

1 de abril, Día dos enganos

O 1 de abril é o Día dos enganos, día das petas ou día das mentiras e é unha tradición que consiste en dar malas novas, enviar ás persoas onde non deben ir e, en definitiva, un día similar ao dos Santos Inocentes que se celebra o 28 de decembro.

A orixe desta data non está clara e existen varias versións. Quizais a máis asumida polos investigadores é a que ten que ver coa Franza do século XVI e está ligada ao inicio do ano solar. Na altura, o aninovo celebrábase o 25 de marzo que a súa vez era a data de inicio da primavera. Daquelas, as festas de celebración duraban varios días e remataban no 1 de abril.

Posteriormente adoptouse o calendario gregoriano e arredor do ano 1564, o rei Carlos IX de Franza decidiu que o ano novo sería celebrado no 1 de xaneiro. Contan que moitos franceses se opuxeron a esta mudanza de calendario e decidiron seguir a celebrar os ritos polo calendario antigo, tamén as novas non chegaran a moitos lugares polo que moitas persoas seguiron a celebralo coma sempre. Froito disto moitas persoas decidiron brincar con eles, humillalos e facer piadas, mesmo enviaban falsos agasallos e convites para festas que non existían.

Na actualidade é unha celebración moi popular en diversos lugares do mundo. Así, nos países de cultura anglosaxona é coñecida como April Fools Day, en Italia, Franza e Belxica é coñecido como peixe de abril (pesce d’aprile en italiano, poisson d’avril en francés e aprilvis en neerlandés), e a tradición é facer bonecos de papel con forma de peixe e pegarllos á xente. Tamén é celebrado noutros países como Polonia, Finlandia, Austria, Australia, Estados Unidos, Canadá, Portugal ou no Brasil.

Como curiosidade, no Estado Español ademais de en Galiza, tamén se celebra o 1 de abril en Menorca, onde chegou no século XVIII de man dos británicos.

O 1 de abril en Galiza

Eligio Rivas Quintas no “Frampas. Contribución al diccionario gallego (1978)” escribiu o seguinte: Trola, mentira (Frades): O día das petas es el l de abril, y de él se dice: FRAS. O primeiro de abril, van os burros onde non debían de ir. El dicc.: peta, capricho, tontuna. (FrampasI)

Nas últimas décadas esta celebración perdeu moitísima forza e estivo a piques de desaparecer en deprimento do Día dos Santos Inocentes que se celebra o 28 de decembro. Aínda así, nas nosas propias redes temos recollido moitísimas testemuñas de persoas que lembran como o celebraban cando eran cativas ou como os vellos da casa usan o popular dito “van os burros onde non deben ir. Algunhas das piadas máis coñecidas era a de mover obxectos de sitio, deixar o carro sen o burro, mandar recoller cousas que non había, dar novas falsas como o roubo de animais, alimentos, etc.

Por sorte nos últimos anos comezou un proceso de recuperación e divulgación, se ben é certo que está vinculado case en integridade a internet e redes sociais. Piadas como as que impulsamos nas propias redes de Orgullo Galego, o centro Social A Gentalha do Pichel, AGAL, Acontravento, iniciativas como a da Asociación Cultural Algarabía, GzMúsica, etc.

Animamos a todo o mundo a divulgar esta data para que non quede no esquecemento mais tamén a facer parte do 1 de abril con piadas, deste xeito manteremos vivas as nosas tradicións.

Publicidade

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “Por que o 1 de abril van os burros onde non deben ir?”

Deixa un comentario

Más artículos sobre Cultura, historia, tradicións e mitoloxía

A Santa Compaña, que non é santa pero si acompaña

Lidia Mariño, antropóloga Que é a Compaña? As descricións dadas polos informantes sobre a Compaña son moi variables, sendo quizais as que máis se repiten as das luces e as dunha comitiva de almas en pena. Sexa cal sexa o caso, vela supón un agoiro

Martiño de Dumio: a espiritualidade popular do Reino da Galiza

Desde Orgullo Galego lanzaremos este luns 20 de outubro o proxecto titulado “Martiño de Dumio: A espiritualidade popular no Reino da Galiza”, un proxecto que se desenvolverá até finais deste ano 2025 e no que levamos meses traballando Ao abeiro do certame “Fondo de proxectos

Día das Letras Galegas: as cantareiras e o cancioneiro popular galego

Nota: os materiais fotográficos e sonoros (referenciados ao pé) incluídos nestes traballos publícanse por cortesía do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego) no que se albergan os fondos Schubarth-Santamarina e da Agrupación Folclórica Aturuxo ao

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego