Orgullo Galego espido. Mostramos todos os segredos deste proxecto

Publicidade

O 2019 toca á súa fin e é un intre bastante bo para sentarse e pensar a de cousas que nos teñen ocorrido nestes anos, botar o freo por un día para analizar o que está a ser o noso proxecto e pornos obxectivos para o ano 2020.

Orgullo Galego somos todas e todos os que estamos orgullosos do noso, da nosa terra, da nosa lingua, do noso pobo e da nosa historia ocultada e negada. Das paisaxes, da gastronomía privilexiada, de como somos e pensamos, das nosas tradicións e da nosa mitoloxía.

En resumo, do noso xeito de ver a vida.

Pero tamén somos actualidade, denuncia e reflexión. Altofalante para a difusión de centos de iniciativas sociais, socialización de diferentes inxustizas e espazo aberto e en galego para todas e todos.

Esta filosofía fixo que chegaramos a ser moitas e moitos nas redes sociais, crecendo comunidade de xeito sostido e continuado durante máis de 3 anos.

Para complementar isto abrimos esta páxina web, que progresivamente será o piar fundamental do noso proxecto, xerando contido e sendo un espazo onde dar forma a tantos temas que non se tratan nos medios tradicionais.

Nunca antes publicamos os datos que verás nesta nova. Así que aí van, con total transparencia.

Web de Orgullo Galego

Orgullo Galego en redes sociais

Nacimos en Facebook o 1 de xuño de 2016 cuns obxectivos algo diferentes dos que temos agora.

E non é ningún segredo, xa o comentamos en máis dunha ocasión. O noso obxectivo era crear unha simple páxina de Facebook dunhas miles de persoas (o obxectivo inicial eran unhas 10.000) para poder difundir nela contidos propios e de diferentes proxectos sociais nos que participamos.

Os temas e o nome escolléronse fixándonos noutras páxinas de Facebook que xa funcionaban naquela altura e que tiñan algo de éxito.

Pero o noso crecemento foi exponencial, e 10.000 seguidores xa os tiñamos o primeiro mes. Aí cambiamos algo a nosa finalidade e decidimos intentar ser algo máis que unha páxina para meter cuestións persoais.

Intentamos crear unha comunidade.

Publicidade

Publicidade

Facebook, a base do proxecto de Orgullo Galego

Comezamos meteoricamente nesta rede social, axudándonos moito dos grupos de galegas e galegos creados para falar de diferentes temáticas. E a receptividade foi moi boa.

Desde ese intre levamos publicado máis de 5.000 entradas, dando oco a case toda iniciativa social, popular e cultural da que tivemos coñecemento. Tamén humor, música e política. A centos de aportacións que moitas e moitos seguidores da páxina nos teñen feito por privado, e das cales estamos moi agradecidos.

Só tiñamos unha condición: que fose en galego e feito desde unha óptica do progreso do país. Isto valeunos unhas cantas críticas, que encaixamos ben, pero que non fixeron que cambiaramos o xeito de entender este proxecto.

E así mantivémonos até superar a todas as páxinas de Facebook similares, ás institucionais e aos xornais a excepción de El Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Á hora de escribir este artigo somos 191.897.

O que si somos é a páxina en galego máis seguida. Aí é nada, e até o momento sen ningún tipo de apoio económico, empresarial, salarial ou institucional. Grazas a todas e a todos, de corazón ?!

Un fenómeno en alza

E como isto sen datos fica algo frío, imos poñer uns gráficos así chulos como quen vai presentar isto ante unha xunta de accionistas.

Alcance total das publicacións en Facebook por meses en número de veces vistas.
O número de seguidores non deixa de subir de xeito constante
Seguidores de Facebook dos medios dixitais en galego
Orgullo Galego supera puntualmente a La Voz e ao Faro de Vigo en Engagement semanal (2017).

Estes datos foron sacados directamente de Facebook.

Instagram, a rede que máis crece

En Instagram custounos comezar. Abrimos a conta no 2017 pero eramos algo inexpertos e, a dicir verdade, dábanos moita preguiza actualizalo.

Ademais esta rede social ten un problema para o contido que adoitamos xerar, pois non se poden colocar ligazóns nas publicacións, e de inicio só tes unha no perfil. Até chegar aos 10.000 seguidores non se poden incluír ligazóns nas historias

Aínda así decidímos pornos en serio hai máis ou menos un ano, con actualizacións diarias e utilizando as historias de xeito estratéxico. Grazas a isto conseguimos crecer a bo ritmo até colocarnos con case 46.000 seguidores o que nos convirte, tamén nesta rede, na conta integramente en galego máis seguida.

Malia que as estatísticas de Instagram son menos específicas que as de Facebook, chegamos a un total de 49.642 contas únicas na última semana (21 a 27 de decembro de 2019) e un total de 753.694 impresións.

Estatística dunha publicación aleatoria da última semana de 2019

Por último esta rede ten un importante número de persoas mozas, o que a convirte nun puntal importante para difundir contidos en galegos que moi probablemente non atoparan noutro lugar.

A dificultade en Twitter

Non todo vai ser bo, e temos que recoñecer a nosa debilidade en Twitter. Non somos quen de facernos un oco no chamado Galitwitter, por múltiples razóns.

E para mostra, a gran derrota que sufrimos a man de @echeoquehai no concurso Galitwitter 2019.

A pouca constancia que tivemos nesta rede social, unido á falta de tempo para crear fíos interesantes ou interatuar con outros usuarios fai que sexa a nosa maior debilidade.

Aínda así, e como gran logro que podemos destacar con moita fachenda, a iniciativa de Orgullo Galego (1.900 seguidores daquela) conseguimos facer tendencia no estado ao “Apalpador”, contando coa inestimable axuda de moitas outras contas que decidiron unir as súas forzas.

Sodes @s mellores!

Orgullo Galego noutras plataformas

Neste tempo non nos queremos esquecer das amigas e amigos que nos chamaron nalgún intre para poder comentar e compartir a nosa experiencia. Un gran pracer ?:

“O galego está peor na rede que na rúa”. Entrevista a Orgullo Galego en Adiante.gal

“Queremos rachar con ese autoodio latente na sociedade galega e poñer en valor o país”. Entrevista a Orgullo Galego en Aquecheirapapa.com

Orgullo Galego. Como arrasar no Facebook falando das cousas do país. Reportaxe no Vinte.

Nace unha páxina web para sentir “Orgullo Galego”. Entrevista en Cadena Ser Pontevedra.

Entrevista a Orgullo Galego no programa Bipolares, da radio comunitaria CuacFM.

A web de Orgullo Galego

E como non podía ser doutro xeito, toca falar da nosa máis arriscada aposta, a publicación da páxina web de Orgullo Galego. A web ten tres propósitos claros e que imos deixar por escrito con total transparencia:

Por unha banda ser quen de crear contido propio. Non queremos ser só un agregador de novas, unha sorte de Chuza ou Menéame onde teñen entrada todos os contidos en galego. Imos seguir séndoo, un espazo onde teñen cabida moitas cousas creadas por terceiros, mais non só queremos ser iso.

Por outra banda, non queremos depender só das redes sociais. Agora mesmo proxectos como o noso son escravos delas. Elas deciden a quen nos mostran e a quen non. Se un día queren pecharnos a billa de xeito unilateral, poden facelo. Queremos poder falar convosco sen algoritmos externos que corten as posibilidades de comunicación, mais para iso precisamos que vós veñades de cando en vez á nosa casa. O primeiro a facer, subscríbete aquí ?!

E por último, queremos ser quen de viabilizar economicamente o proxecto. Nestes tres anos e pico deixámonos miles de horas (literalmente. Calcula entre 1 e 2h diarias dúas persoas durante 42 meses) e tamén centos de euros no proxecto (en base a sorteos, agasallos, transportes, etc.). E agora, ademais, contamos cun grupiño de persoas que teñen o compromiso de redactar contidos interesantes e aos que hai que retribuír dignamente.

Quedan moitas cousas por vir, e moi interesantes.

Xa veredes.

Queremos ser a revista en galego referente e máis visitada de internet. Conseguirémolo? Polo momento aí van as estatísticas deste primeiro mes de vida (1 de decembro a 30 de decembro de 2019, datos de Google Analytics).

O que?Canto?
Usuarios únicos16.176
Sesións na páxina web19.556
Número de páxinas vistas26.559
Gráfica do mes de decembro de 2019 día a día, primeiro mes de vida da páxina web

Os propósitos de Orgullo Galego para 2020

Seguir crecendo e construíndo a comunidade en galego máis grande das redes sociais. Mostrando o mellor da nosa terra, xerando contidos e axudando a todas as persoas que precisen ter un espazo para difundir todo o que nos enche de orgullo.

Xerar contidos interesantes no noso blog, definir a liña editorial de xeito claro e implementar todo o preciso para facer disto unha revista, un magazine de referencia en galego.

E, por suposto, contar con todas e todas vós nas redes sociais onde seguiremos falando do divino e o humano.

Moi bo 2020 e que sexades moi felices!

Pode que che interese:

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!