Nota: aquí comezamos unha serie para lembrar que hai razóns dabondo para non deixar que arda o Parque.
Anotade estes nomes: Armeria humilis, Centaurea langei, Galium belizianum, Thymelaea broteriana. Son nomes de tesouros. Anotade este outro: a Barxa, un topónimo na ruta do tesouro. Non son tesouros agochados, están á vista e teñen unha historia.
No Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés, o espazo protexido máis extenso da Galiza (o que non é dicir moito, xa que somos pouco de protexer o noso) abondan os tesouros e as historias sobre eles.
Neste artigo falamos de...
O Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés
O Parque e as paisaxes da contorna aínda gardan aquel encanto que debeu ser engaiolante cando o Limia era un río e os moradores respectaban a terra. Hai unha nostalxia infinita daquilo que recende nas historias que conta, por exemplo, Manuel Rivero sobre o río e a maldición do encoro.
O Parque coas súas altas torres, esas que fumegan desde a primavera até o outono por outra maldición (a do lume), fica distante, gris, calado… mais nada misterioso. O Xurés é amábel e agradecido cos visitantes atentos.
Un deles é Íñigo Pulgar, cántabro de Torrelavega, profesor de Botánica na Universidade Pablo Olavide de Sevilla e autor dunha Flora do Parque do Xurés aínda por publicar (e será a primeira). Reside entre Galiza e Andalucía e agora conta para ORGULLO GALEGO a primeira das historias desta serie seguindo o fío deses tesouros e doutros botánicos que antes que el se marabillaron co Xurés.
Pulgar estuda o Xurés desde hai catro décadas. Completou a súa tese de doutoramento en 1992, La vegetación de la Baixa Limia y sierras del entorno.
“O Parque é unha mistura de varias cousas no plano climático e bioxeográfico con influencias do mundo atlántico e do mundo mediterráneo. Hai toxos e carballeiras pero tamén topamos aciñeiras. Poucas e illadas, pero hainas. Tamén hai sobreirais e a nivel de vexetación máis pequena tamén hai plantas propias do Sistema Central e que non se dan na Galiza máis que aquí no Xurés. O Parque ten unha influencia mediterránea continental, hercínica, dos macizos silicios antigos que debuxan todo un arco desde o occidente desde a Cordilleira Cantábrica pasando polos Montes Galaico-Leoneses, o Macizo Central até vir parar ao Xurés, a zona máis atlántica, e que vira cara o sistema central da Península Ibérica”, explica o investigador.
Cruce do mediterráneo co atlántico
Esa mistura entre o atlántico e o mediterráneo constitúe a especificidade do Xurés tanto no ámbito galego como no ámbito peninsular. A influencia atlántica atopámola nalgunha outra zona da Península pero en cotas moi altas, como en Gredos por riba dos 2.000 metros. No Xurés danse bosques ou ‘reboleiras‘ de Quercus pyrenaica como referentes desa transición. Esa transición ibérica ten lugar no propio espazo do Parque.
No que atende á flora, explica Íñigo Pulgar, hai unha “vía migratoria litoral que entra polo Limia e vai até o encoro das Conchas; e esa parte de organismos do paquete florístico termófilo que vén desde a costa; e despois está a parte máis fría, a parte continental”.
Nas zonas baixas topamos érbedos, especie pouco frecuente na Galiza. “Algúns no Ulla, que entraron polo río, porque aquela é unha área máis seca”, anota o botánico.
O clima no Parque e na contorna é oceánico “mais cun punto de seca no verán” que o cataloga como clima temperado sub-mediterráneo. “Hai anos que é mediterráneo, hai anos que non, depende… Pero onde hai carballeiras, o clima non pode ser mediterráneo. Mais tamén hai sobreirais. Nesta parte da Galiza a mediterraneidade está no Sil, no Miño, en cotas baixas… Dentro da Galiza, a particularidade do Xurés é que está tamén en cotas máis elevadas”.
As cotas baixas do Xurés e a ribeira do Limia foron en tempos un verxel. O botánico e xesuíta Baltasar Merino, natural de Burgos e docente en Camposancos (A Garda), deixou constancia na súa Flora descritiva é ilustrada de Galicia (1905-1909).
“Merino citaba especies recollidas polos seus correspondentes na zona, plantas relevantes das ribeiras e do curso do Limia agora perdidas. Esas ribeiras foron inundadas cos encoros e xa só queda un anaco de río na comarca da Baixa Limia porque vén embalsado desde Bande. Deixou de ser un río natural”, sinala Pulgar.
“Eu estaba empezando as miñas investigacións cando o Lindoso. Si, aquilo foi un chorro de cartos durante as obras. Despois marcharon todos. Queda algo de actividade turística ligada ás Conchas, si. Desde o punto de vista do clima non me atrevo a dicir que efectos pode ter a continuidade de masas de auga, mais podería producir no longo prazo inversión térmica, brétemas… pero non é o meu campo de estudo”.
Os tesouros
“Os botánicos adoramos todas as plantas”, advirte Pulgar, “mais se atendemos a súa distribución e o número delas podemos sinalar algúns dos tesouros que viven no Parque”.
A Armeria humilis subsp. odorata é unha das especies máis notábeis. “Está nas cimas das montañas do Xurés e é única no mundo. En cotas tan altas non se ten atopado apenas. Algunha vez habitou a serra do Candán na zona de Pontevedra e a serra da Arga en Portugal. Ten unha taxonomía próxima á odorata que se ve no Leboreiro. No Xurés tamén está presente a Armeria humilis subsp. humilis. É un privilexio telas aí e as razóns que impoñen a súa conservación son as mesmas que para calquera outra especie: son seres vivos que teñen un territorio que coñecemos e debemos procurar que non se extingan pola nosa causa”.
Outras especies expándense moi pouco máis alá do Xures. A Galium beliziano, cuxo nome garda a memoria de José Vicente Cordeiro Malato-Beliz. Dáse no Xurés e no Invernadeiro. O lirio do Xurés (Iris boissieri) tivo unha área algo máis ampla.
No Courel e no Pindo, e tamén na serra do Candán onde se viu unha vez “e non se volveu ver”. “Trátase dunha especie con poucos individuos e hoxe xa non hai ese fluxo entre áreas, con poboacións illadas condenadas a morrer”. Tamén a Thymelaea broteriana ficou nunha área moi estreita. Chámase así en honra do botánico luso Félix Avelar Brotero. Planta “discreta”, case “invisíbel”, que chama a atención apenas durante a floración polo ton amarelo da flor.
“Se non se vai sobre aviso é moi fácil ignorala“, recomendan no blogue desdeeltorreon.blogspot.com, onde se delimita a área as serras do Gerês, Alpedrinha e da Estrela, na parte portuguesa. “Na parte galega xa non se atopa en ningunha outra zona”, constata Pulgar. A Centaurea langei subsp. geresensis, en homenaxe ao botánico John Lange, é outro dos endemismos do Parque.
Di Pulgar que no Xurés están catalogadas máis de 100 especies (do conxunto de 800 que forman a flora do Parque) que son endémicas da Península Ibérica. “Algunhas saen moi pouco do Parque, como a Paradisea lusitanica, que precisa de solos e climas moi concretos”.
O valor botánico do Xurés vén dado por esa mestura de vexetación atlántica e mediterránea, “representadas en todas as unidades de vexetación, tamén nos bosques”, con elementos deses dous mundos e endemismos propios do noroeste peninsular.
“Mesmo cando desaparece o bosque e aparecen matogueiras de substitución, volves ter o mato xeral e outros específicos: un uzal con elementos singulares. Son sistemas complexos de vexetación moi particulares. É unha dualidade similar ao cruce entre a Cordilleira Cantábrica e os Pireneos, pero ningunha dualidade peninsular conta cos endemismos do noroeste ibérico”.
No que se refire ás árbores características do Parque, Íñigo Puñal salienta o acereiro, de nome científico Prunus lusitanica, “un lauroide relicto de tempos pasados cando había un outro réxime climático dominante máis húmido e cálido no que as árbores non necesitaban perder a folla no inverno”. Hoxe é practicamente endémico dalgunhas localidades do oeste da Península aínda que o seu predecesor debeu ocupar unha área extensa no suroeste de Europa. “Un fósil vivente na Galiza”, resume o investigador.
Lumes e outras invasións
O Xurés, como calquera outro ecosistema, sofre tamén o impacto de especies invasoras. “Penso que a máis daniña é Acacia dealbata: é difícil de erradicar e vai ampliando a súa área entre outras cousas porque vese favorecida polos lumes e por ter certa tolerancia social xa que florece no inverno e resulta moi rechamante”, comenta Pulgar.
“Outra que nas últimas dúas décadas experimentou unha forte expansión de individuos é a Oenothera glazioviana, que ocupa zonas na desembocadura do río Cabaleiro no encoro do Lindoso. Recentemente detectouse en reboleiras de media montaña (Lychnis coronaria), que probablemente veña de cultivos en contornas rurais”.
En canto ao eucalipto nas últimas tres décadas “incrementou de maneira notábel” a súa presenza. “Algunhas dinámicas naturais están profundamente alteradas e podemos afirmar que a día de hoxe a supresión de masas boscosas é efecto da intervención humana”, lamenta o investigador.
Algunhas dinámicas naturais están profundamente alteradas e podemos afirmar que a día de hoxe a supresión de masas boscosas é efecto da intervención humana
Pulgar recoñece que non ten “unha solución” para o problema dos incendios. Di que lle gustaría que se protexesen especialmente “os poucos bosques que quedan nas cotas máis altas, sobre todo do lado portugués”. E pensa na zona da Barxa, incluída na reserva integral, máxima figura de protección. “Levo matinando desde hai 30 anos e non topo solución. Creo que as solucións pasan sempre polo mesmo: labor de escola, empezar por abaixo”.
E a continuación apunta: “Se o Xurés fose un manto de bosque sería menos diverso, xa que o gando ben xestionado axuda ese mantemento da diversidade. Cos lumes pérdense prados. Os lumes non, pero os humanos si que favorecen o mosaico”.
Hai outro lume non declarado. O do descoñecemento da importancia de manter espazos protexidos e ricos en biodiversidade. “Falta conciencia social do que temos? Non o sei, non teño claro cal debe ser o nivel de coñecemento do público. O que si podo dicir é que os parques galegos, en xeral, carecen de ferramentas básicas: unha flora completa ou un catálogo florístico, por exemplo. En xeral os xestores non teñen moito coñecemento sobre as cousas que están aí”.
2 comentarios en “O Xurés: entre dous mundos”
Terribles os incendios que asolan este paraxe natural, esta xoia da nosa terra e a irmá Portugal. Os políticos non entenden que máis vale árbores no monte que ouro nos bancos. Grazas por esta reportaxe, unha xoia. Agardando á seguinte entrega. Moitas grazas!!!
Toda a razón María… somos capaces de machar as nosas propias xoias…