“Que pasa coas nosas casas? Coas nosas vidas? Que pasa co noso pasado? E co noso futuro?” As Irmandiñas do Monte do Gato non queren tirar castelo ningún. Todo o contrario. Están a levantar un. Cos muros grosos do pobo que se resiste a ser expulsado da súa terra. É unha rebelión con todas as letras: a conciencia ambiental sumouse á conciencia social do país, sempre latente.
É posíbel que nuns anos algunhas crónicas conten como iso que están a chamar transición enerxética na Galiza comezou aquí: nos lugares de traballo e reunión dunhas cantas aldeas, cunhas cantas veciñas que antes pouco se trataban mais hoxe están falando todos os días. Case sempre á noitiña. Estudan, escriben, falan, protestan, van onde faga falta e reúnense con quen faga falta.
Neste artigo falamos de...
A revolta
“Que pasa coas nosas casas? Coas nosas vidas?”, di Verónica, neta de labregos, filla dunha gandeira, a primeira en subir até os penedos de Valló. Desde alí vense as casas, as vacas pacendo polos prados arriba, aproveitando o último sol da tarde. Abaixo, no comezo do val estreito polo que se abre paso o río Fervenzas, que vai o Mandeo e do Mandeo á ría de Betanzos; alí abaixo está a casa do avó, Andrés Sánchez Barral, que ten oitenta e pico anos e é o home que mellor coñece (probabelmente tamén o que máis adora) eses penedos e eses prados. “E agora sofre”, di Azuzena Guerreiro, a nora, a nai de Verónica, a gandeira que ergue a voz contra os seis proxectos eólicos, corenta máquinas de 200m de altura que dúas empresas en comandita queren chantar alí, no corazón da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
A reserva, unha figura de protección con selo da Unesco, ten entre os seus obxectivos preservar os recursos naturais, culturais e históricos dunha zona que agrupa dezasete concellos. Esta foi promovida durante a etapa de Beatriz Mato (PP) á fronte da Consellería de Medio Ambiente.
Despois de fracasar nas eleccións municipais da Coruña en maio 2019, Beatriz Mato é hoxe conselleira de Greenalia, empresa promotora de tres dos seis proxectos eólicos nesta parte da reserva da biosfera.
“Lembro o meu sogro toda a vida con papeis da comunidade de montes baixo o brazo. Eu ría e dicíalle: ímosche facer un monumento alá arriba”, conta Azuzena Guerreiro. “O meu avó é quen me ensinou todo o que vale isto: as terras, os montes, o mato, as flores, as pedras”, di Verónica mentres sinala uns montículos que agochan unhas mámoas e conta como desde o norte, por onde pasa a A-6, baixa un regueiro de túmulos funerarios e que quizais esta foi unha zona de paso, de camiños.
A diferenza entre Beatriz Mato e Verónica Sánchez é que unha só quere cartos e a outra só quere unha vida. Por iso Verónica e outras coma ela en todo o país están na revolta contra os señores e señoras do vento, que antes o foron (e seguen sendo) dos ríos, dos solos, das terras que non aman nin lles pertencen naturalmente.
A escuridade
O pasado 12 de abril publicouse no DOG un acordo do 11 de marzo da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Empresa dos últimos trámites para a autorización de construción do parque eólico de Penas Boas. Promove Greenalia Wind Power. Son catro aeroxeradores sen subestación propia. A perimetral amplíase 4km cara ao oeste e ocupa máis de 900 hectáreas de terreo, mordendo o Monte do Gato sen outra xustificación que ocupar espazo para chegar á subestación que este parque comparte con outros dous: o P.E. Monte do Gato e o P.E. Felgas, que van de sur a norte a sur.
“Os tres polígonos son un mesmo proxecto, promovidos pola mesma empresa(Greenalia), nun intento evidente de fragmentar un mega-parque para que a tramitación sexa autonómica e non estatal”, advirte Aranza González, a persoa que se encargou de preparar as alegacións a medida que ían chovendo os parques sobre Aranga, Oza-Cesuras e Coirós. Son seis en total, reunidos nunha área de menos de 40 hectáreas.
Aranza González comeza as alegacións ao plan para Penas Boas denunciando que a empresa e a Xunta de Galiza teñan operado de costas á veciñanza e á opinión pública. “Fago constar a falta de información sobre o proxecto aos afectados, xa que se estiveron a realizar distintos trámites e xestións de forma totalmente opaca e sen informar minimamente”, apuntou. Mentres sinala as torres de prospección desde os penedos de Valló, insiste: “os trámites empezaron durante o confinamento en marzo de 2020. Ocultouse todo. E cando no outono pasado viñeron onda nós, xa que eu son secretaria dunha comunidade de montes afectada, pois pensamos: que sorte! Pensabamos que eran catro ou cinco muíños nada máis. E cando empezamos a ler a letra pequena dos contratos caemos na conta de que eran por trinta anos e outros detalles preocupantes. Despois, por decembro, empezaron a chover os parques un detrás doutro e xa con tramitacións moi avanzadas. Tanto que, nalgúns casos, nin soubemos do documento de inicio nin por suposto puidemos alegar nesa fase. Agora estamos alegando, en todos os casos, contra a concesión do permiso definitivo por parte da Xunta”.
A Comunidade do Monte Veciñal en Man Común da Parroquia de Fervenzas retirou o consentimento para o proxecto de Greenalia. No resto de parroquias afectadas hai quen se move contra os eólicos e quen consinte. “O alcalde de Aranga non nos facilitou información ningunha, ao principio case nin nos atendía. Non esperamos nada del. O goberno municipal botou as súas contas: só coas licencias de obra os concellos afectados ingresarían uns 400.000 euros. Iso é o único que lles importa. As nosas vidas, non”, quéixase Azuzena Guerreiro
As veciñas son elocuentes tamén nas alegacións: “Para nós era imposíbel, debido ao escurantismo que hai entorno a estes proxectos, coñecer o impacto negativo ambiental e socioeconómico que vai supor este macroproxecto fragmentado para o noso patrimonio persoal, cultural e natural. E así poder valorar se as compensacións que nos ofrecían cubrían os danos e prexuízos que nos van causar, no caso de que estes danos foran indemnizábeis. Porque agora que coñecemos os proxectos, sabemos que hai danos irreversíbeis que non son compensábeis de ningunha das maneiras”.
A diferencia entre Greenalia e as veciñas afectadas é que a empresa ten moitísimo poder e capacidade para determinar as decisións institucionais, e todo o mundo o sabe, mais ninguén (tampouco Greenalia) pode calibrar cal é a forza das veciñas de todo o país.
A especulación
“De quen pouco sabemos é de Galenergy, a outra empresa implicada, a que promove os polígonos de Fontellas, Feás e Seselle. Ten o domicilio en Palas de Rei, constituíuse hai dous anos, parecen uns simples especuladores co terreo”, anota Aranza González, que naceu na Mezquita, na raia ourensá, e hoxe lembra o que dicía o seu avó: “non perdades as terras, as terras sempre teñen valor”.
“Agora enténdoo ben, teño unha filla que naceu aquí, ten 15 anos, a nós se plantan os aeroxeradores bótannos fóra, eu xa non querería vivir aquí. Xunto aquela antena [e sinala o oeste] vai un muíño de 200 metros. A sombra caería sobre estes penedos e vai dar aquelas casas [nas Fervenzas, ao este], son uns oitocentos metros”.
“A nós o que nos pasaría por riba é unha liña de alta tensión, iso viñeron a propoñernos dunha vez. Non podemos tocar os prados, porque están no núcleo de protección, nin o outro lado da casa porque hai un castro, pero veñen uns señores e chantan liñas por riba ou soterradas, como parece que viría a de Penas Boas até a subestación do Monte do Gato, e non pasa nada”, volve queixarse Azuzena.
A subestación que comparten os tres proxectos de Greenalia está situada na parte máis occidental do complexo, a uns 15km dunha estación que Rede Eléctrica Española (REE) está a desenvolver en Abegondo, unha infraestrutura que no 2017 suscitou unha leve oposición veciñal polos impactos das liñas que atravesarán a serra do Xalo e que vai operar na práctica como unha ampliación da estación do Mesón do Vento.
A rede de liñas e nodos, deseñada e construída por unha empresa como REE, en teoría pública, mais cunha porcentaxe minoritaria do Estado, en función das necesidades das empresas privadas que cobran peaxes polo uso, son, xunto co solo, o outro gran negocio especulativo a costa do territorio. E dos habitantes do territorio.
Todo é negocio como denuncian as veciñas de Valló e das Fervenzas no seu escrito de oposición. Negocio consentido pola Administración, que intercambia cadros (e é de supoñer que favores) coas compañías. “Resulta evidente a todas luces que se trata dun único parque que se fracciona en seis proxectos, co obxecto de salvar aspectos legais e administrativos, contrarios aos intereses económicos da empresa. A finalidade única destes proxectos é evidente, aquí só hai un claro interese particular das empresas enerxéticas (…) e que se lexislaron, ou máis ben se deixaron de actualizar leis, en defensa do seu propio interese”, constatan as veciñas.
A diferencia entre Beatriz Mato e Greenalia ou Galenergy coas veciñas está tamén no seu vínculo coa terra. Para Mato e os especuladores a terra son cartos; para as veciñas é algo máis físico e emocional, a terra son elas e os seus avós…
Os danos
Os danos son, como en calquera outro exemplo da invasión eólica pandémica que está a sufrir a Galiza, enormes… severos, como corresponde ao léxico das alegacións. No macroproxecto ao redor do Monte do Gato hai afeccións á paisaxe (que ao presentaren os proxectos de forma fragmentada non se avalían de maneira conxunta), á fauna e á flora (“temos unha especie de planta carnívora”, avisa Verónica), ao sistema hidráulico, sen medir, como en case todas partes porque as empresas evitan esa cuestión nos seus informes e, tamén, o patrimonio.
No caso dos polígonos de Greenalia, a subestación que comparten sitúase moi preto dunha cuíña onde o arqueólogo Antón Fernández Malde ten solicitado o permiso para levar a cabo unha prospección para documentar os restos dunha torre do tempo dos suevos. O elemento está inventariado, pero o departamento de Patrimonio da Xunta discrepou do seu valor nunha xuntanza coas veciñas. Agora, as evidencias parecen que farán recuar mesmo á empresa, que dixo que revisará a avaliación desa área.
“Se se consegue demostrar que eses restos son o que dicimos que son, será unha pequena vitoria. A subestación ten un impacto directo nese outeiro, pero o peor son as liñas aéreas de alta tensión que pasarían sobre as cabezas de centos de veciños e veciñas de Oza cara a Abegondo”, explica Aranza.
Os efectos económicos negativos tamén son os comúns nas zonas gandeiras afectadas e, en xeral, en calquera outro lugar no que se proxecte unha instalación industrial deste tipo: o valor dos inmóbeis caerá entre un 30 e un 50%, segundo estudos noutros casos. Igualmente sinalan nas alegacións os impactos sobre a saúde e citan os estudos de Nina Pierpont, da Waubra Foundation australiana, e das universidades de Oviedo e Aalborg.
O que tamén empeza a aparecer no discurso ecoloxista e nos textos de oposición son os impactos sobre a democracia. O Convenio Europeo da Paisaxe recomenda que a veciñanza sexa consultada en decisións que afectan o dereito á paisaxe. Cando menos no caso dos polígonos eólicos, non se cumpre esa recomendación.
“Agora coñezo e falo con máis veciñas e veciños. Estaremos unhas cen persoas nisto. Case a metade da veciñanza toda destas parroquias. Temos unha bióloga, unha arquitecta… aparece xente que vai poñendo o seu grao. Eu ocúpome da comunicación cos medios e das redes sociais”, conta Verónica. A semana pasada presentaron 84 alegacións de vinte e pico folios cada copia. O rexistro do Concello de Aranga estivo traballando até as sete da tarde.
A defensa da reserva da biosfera nestes concellos do interior está en mans de veciñas teimudas que se organizaron formalmente o 1 de maio. En apenas un mes teñen levantado as primeiras pedras do muro contra a invasión eólica. A diferencia entre Beatriz Mato e os empresarios da enerxía con estas veciñas é que estas son máis, unha ampla maioría que empeza a ser consciente do seu poder e obra en consecuencia.
Na Galiza, as que non queremos os parques eólicos somos as máis.
>> Ver Máis: Como lle explicar á xente que unha enerxía limpa pode destruír un territorio
2 comentarios en “As Irmandiñas do Monte do Gato. A veciñanza contra a invasión eólica”
¡Forza e a parar a invasión de eólicos!
Moitas grazas por pasarte e comentar! Toda a forza á loita contra a invasión dos eólicos!