Quen non viu algunha vez unha imaxe dun faro de Galicia no medio do mar, acosado polas ondas, manténdose firme para guiar aos mariñeiros entre as rochas?
No noso país non temos nin dous nin tres, senón ducias deles, por algo somos un pobo mariñeiro!
Hainos nas rías e no mar aberto, ben metidos na terra ou ao carón do mar; baixos ou no situados no alto dun cantil; antigos como Roma ou construidos no século pasado…
Hoxe falaremos dalgúns deles, mais quedan moitos outros, porque cada faro ten algo que o fai especial.
Coñécelos todos?
Neste artigo falamos de...
Faro de Punta do Cabalo
Na Illa de Arousa acendeuse por primeira vez en 1853 un faro nunha localización única, encravado entre as rochas e case deitado sobre o mar.
Desde el pódense ter unhas vistas privilexiadas da ría, contemplar as ducias de bateas e, se tes un pouco de sorte, mesmo quizáis vexas algo máis, porque xusto por diante do faro pasa a chamada “ruta dos golfiños”, que adoitan procurar alimento na contorna.
Se te decides e o visitas, aproveita para procurar moi perto del unha rocha especialmente curiosa, pois ten gravado un reloxo solar. Atopáchelo?
Faro Illa Pancha
No norte do país, moi perto de Asturias, atópase un dos faros de Galicia que ben podería ser escenario dun capítulo de Game of Thrones: o faro de Illa Pancha.
Comparte o seu nome cunha illa de non máis dunha hectárea á que se accede dende unha ponte. E nese pequeño anaco de terra aínda terás a sorte de poder ver outro segundo faro, pois o orixinario apagou a súa luz en 1983, sustituíndose nas súas función polo novo, pero conservándose como un símbolo da vila de Ribadeo, á que pertence.
Se queres coñecer un faro pouco masificado e cunhas postas de sol de película, esta é unha boa opción.
Faro de Touriñán
O cabo Touriñán fai parte da vila de Muxía, no corazón da Costa da Morte, sendo o punto máis occidental de Galicia e, nos primeiros días da primavera e até finais de abril, o último lugar por onde se pon o sol na Europa continental.
Esta é a túa opción se disfrutas das vistas salvaxes e se gostas de ver as ondas rompendo contra as rochas coa forza característica do noso Atlántico.
E se non que llo digan ao Madeleine Reig, barco alemán que, tras bater co galego Ocho Hermanos, acabou encallando no conxunto de pedras que se adentra no mar e que chaman Laxe dos Buxeirados. E para que digan que ninguén tropeza dúas veces na mesma pedra, o Madeleine Reig afundiu anos despois xusto no mesmo punto.
E para os máis aventureiros, xa que estás na zona podes aproveitar para pór a proba a túa vertixe paseando polos cantís da Gaivoteira. Iso si, moito ollo, non vaia ser que por botar unha foto poñas un pé fóra de sitio!
Faro de Punta Frouxeira
O Faro de Punta Frouxeira, ubicado en Valdoviño, é totalmente distinto á imaxe de faro típica, principalmente pola súa orixe moderna, que data de 1994. Pero sí hai algo que comparte coa maioría dos faros de Galicia litoral: as marabillosas vistas que proporciona a zona na que está ubicado, en pleno mar aberto e moi perto da espectacular Praia de Valdoviño.
Unha visita obrigada se estás pola zona!
Torre de Hércules
Non hai coruñés que non presuma de ter na súa cidade o faro máis antigo do mundo que aínda está a funcionar. Dunha altura de 55 metros, esta obra dos romanos, datada no século I, é patrimonio da Humanidade desde o ano 2009.
Nas súas orixes, cando aínda non se coñecía a electricidade, guiábase aos barcos mediante o lume, de xeito que a base da torre contaba cunha estructua que permitía subir a leña. A Torre sufriu tamén a invasión do pirata Francis Drake, de xeito que a parte superior (os últimos 21 metros) foi reconstruida no século XVIII, baixo as ordes de Carlos III.
Unha das lendas máis coñecidas, narrada no Libro das invasións de Irlanda, conta que a Torre foi erguida por Breogán e desde ela Ith, un dos seus fillos, viu Irlanda por primeira vez, marchando a conquistala e morrendo no intento.
Faros das Cíes
De novo no sul de Galicia , esta vez nas famosas illas Cíes, temos un conxunto de faros destacando como o máis grande o Faro do Monte, co mesmo nome e que está situado na Illa do Medio.
Foi inaugurado no 1853 e na actualidade constitúe o punto no que remata unha das principais rutas de senderismo das Cíes. Seguro que o coñeces! Na mesma illa pode verse o Faro da Porta, no sul, ao que se pode chegar por unha ruta que permite ir sempre do lado do mar.
O Faro do Peito construiuse en 1904 e ubícase na Illa do Monte Agudo; o de Bicos, na Illa de San Martiño e o Faro Boeiro, no Illote do mesmo nome (tamén chamado “Illote Agoeiro”). Nin o illote nin o faro poden visitarse, pero sí poden avistarse desde a costa, se tes boa vista.
Faro da Illa de Tambo
Na pequena Illa de Tambo, na ría de Pontevedra, concretamente no concello de Poio, érguese en 1955 o faro que comparte o nome da illa, aínda que tamén é coñecido polo nome de “Faro de Tenlo Chico”, por atoparse na punta de Tenlo. Unha das principais curiosidades arquitectónicas é a escaleira que o rodea. A torre ten unha altura duns vinte metros e pode verse desde a costa.
A Illa de Tambo foi militarizada en 1943 e posteriormente vendida á Armada, de xeito que na actualidade pertence ao Exército, malia que existe un movemento veciñal que defende a súa cesión á Xunta e a súa catalogación como parque natural, para poder pasar a facer parte do Parque nacional das Illas Atlánticas.
Hoxe non se permite o acceso libre á illa, pero sí é posíbel visitala mediante visitas organizadas.
Faros de Mera
Sí, en plural, porque non é un senón dous. O chamado Faro Pequeño de Mera ten unha ubicación máxica, xunto a un pequeno cantil a escasos metros do mar. Dunha altura de 11 metros, é posíbel chegar a él camiñando sen dificultade e a súa ubicación convírtese nun lugar perfecto para contemplar o Atlántico. O Faro Grande de Mera é máis alto, duns catorce metros e tamén máis interior. Diferéncianse na cor da luz que emiten: a do Faro Pequeno é branca e vermella, mentres a do Grande é branca.
Son faros modernos, construidos en 1917 coa intención de axudar aos barcos a entrar correctamente ao Porto da Coruña pola canle de Punta Herminia. As vistas da bahía da Coruña, especialmente desde o Faro Pequeno, ben pagan a pena a visita.
Faro de Cabo Vilán
Non poderiamos rematar esta lista dalgúns dos faros de Galicia máis curiosos sen mencionar o Faro de Vilán, en plena Costa da Morte, na vila de Camariñas, construido precisamente para axudar aos mariñeiros na súa travesía por unha das zonas más perigosas do noso litoral.
O faro tal e como o coñecemos hoxe non é o primeiro que se construiu; o orixinal, datado en 1854, cun funcionamento a vapor e construido a 64 metros do mar, alcanzando só 7 metros, non era abondo para guiar aos barcos e persistía o perigo das pedras que se mantiñan ocultas nas zonas cegas.
O naufraxio do buque inglés Serpent ao bater contra as rochas pola falta de luz, a finais do século XIX, obrigou a construiur un novo faro, que comezou a dar luz en 1896, sendo o primeiro faro eléctrico do Estado español. Na súa construcción empregouse granito rosa dos penedos de Traba, de aí a súa cor tan peculiar. Construiuse separando a vivenda da lanterna, pero comunicándoas de xeito interior mediante un túnel, para evitar así os fortes ventos que baten no lugar.
Se te achegas até Cabo Vilán non só poderás contemplar un dos faros máis fermosos da Galicia, cunha contorna impresionante que mestura grandes cantís cunha mar brava e salvaxe, senón que tamén poderás visitar o Centro de Interpretación de naufraxios, faros e sinais marítimos que se ubica na propia estructura do faro.
Tamén é un lugar estupendo para contemplar unha posta de sol e procurar o que chaman “o raio verde”, pola rara luz que se proxecta polo solpor nos últimos intres do día perto dun faro.
PD. Cal sería o faro de Galicia que recomendarías? Escríbeo nos comentarios!
16 comentarios en “Os incribles 10 Faros de Galicia que debes visitar polo menos unha vez na vida”
Son marabillosos. E hai moitos máis. Gustaríame poder visitalos todos…
A nosa costa ten infinidade de recunchos magníficos onde se esconden auténticas marabillas, como poden ser os faros. Estes son só 10, pero hai moitos máis. Cales son os teus preferidos?
Puxestedes “10 faros” pero solo vexo 9, Falta o de Fisterra.
Pois tes toda a razón, Dolores. Foi un fallo á hora de subir o artigo. Imos editalo para engadir o décimo faro. Moitísimas grazas pola indicación (e quizais poñamos o de Fisterra :P)
Segue faltando o de fisterra ?
O faro de Tenlo Chico, na Illa de Tambo, pertence ao Concello de Poio, non ao de Marín.
Grazas. Gran traballo.
Son fermosos os nosos faros.
Moi boas, Beatriz. Moitas grazas pola indicación. Corriximos!! E grazas por pasarte.
Roncadoiro( xove)
Moi boas Fidinho. Grazas por pasarte e comentar!! Nesta nova versión de Orgullo Galego van vir cousas espectaculares!! Apuntamos para actualizar. Apertas!
Falta o 10° faro imprescondible, que non é outro que o faro de Cabo Ortegal non hay faro mellor situado!
Moi boas, Raquel. Tes toda a razón. Próximamente editaremos o artigo para engadir a referencia. Apertas e grazas por pasarte. Nesta nova versión de Orgullo Galego van vir cousas espectaculares!!
Eu engadiría Ortegal e Punta Nariga
Penso que o faro de Punta Nariga ben merece unha ollada.
Pois si, toda a razón. Apuntámolo para actualizar. Moitas grazas por pasarte e comentar!
Hecho en falta Faro Cabo Ortegal, Faro de Estaca de Bares y Faro de Candieira.
Faltan moitos, entre eles os que comentas. Temos en mente facer outra lista… hai tantas marabillas na nosa terra… Grazas por pasarte e comentar!