Unha necesaria desconexión nestas últimas semanas do outono sempre é precisa, e que mellor que aproveitar os eventos sociais e culturais que teñen lugar na nosa terra.
Queremos mostrarvos 3 ideas que podes facer os próximos días 6 e 7 de decembro.
Neste artigo falamos de...
Degustación de marisco no Barqueiro
A 70 quilómetros de Ferrol (a 113, da Coruña; e 156 de Compostela) na pequena ría do Barqueiro, “que acolle o bravo encontro entre o Atlántico e o Cantábrico”, no concello de Mañón, o punto máis ao Norte da Península Ibérica, como subliña a web municipal, está a vila mariñeira que lle dá nome a ría e toma o seu do modo de transporte anterior á construción da ponte.
O faro de Estaca de Bares, ese límite Norte, fica a apenas 7 quilómetros.
Se xa fostes e quedastes sen saber que pasou coa base militar da US Navy alí chantada, na web de Turismo de Galicia ofrecen unha explicación.
Máis interesante sería unha incursión nos restaurantes do Porto de Bares, ou unha ruta a pé polos cantís de Loiba (ao oeste) ou no Fuciño do Porco (ao este, algo máis lonxe). Pero non está o tempo para moito cantil e, ademais, a festa está no Barqueiro.
En 1990 as veciñas do Barqueiro decidiron montar unha festa cando no resto do Estado se celebra o día da Constitución, que como motivo de festa é ben pouco tentador.
O marisco, si o é. E aínda que a evocación do marisco xa ten algunha que outra festa con sona deberon pensar que quen visitara Ogrobe en outubro non lle custaría moito viaxar até o extremo norte en decembro.
Este ano a festa cae a venres (día 6) e sábado (día 7). Ademais de comer, na contorna podedes gozar do mar desde a terra sen andar polas alturas porque a praia de Arealonga que enlaza O Barqueiro co Vicedo, é unha alternativa sensata aos acantilados. Na zona, se o tempo acompaña, tamén podes facer birding.
Respectuosos co produto e cos produtores, na primeira xornada de festa no Barqueiro hai unha homenaxe aos pescadores e mariscadores (misa vespertina), e despois, pola noite, verbena amenizada este ano pola Charangas NBA.
O día grande, o de comer, é o sábado. A unha da tarde, a actriz e presentadora Neves Rodríguez lerá o pregón e inmediatamente ábrese a carpa no porto. Hai bandas de música todos os anos e verbena. Este ano tocan a Banda de Música das Pontes e, pola noite, a orquestra Solara.
O prezo pola degustación na carpa é de 15 euros.
Ver como traballan as palilleiras en Camariñas
As veciñas de Camariñas toparon no outono unha nova oportunidade para promocionar o oficio que dá sona a vila.
Neste 2019 a Palilleira chega a súa oitava edición. Organizado pola Asociación Profesional de Palilleiras de Camariñas Rendas e a Asociación de Palilleiras Puntillas de Camariñas o evento é a versión invernal da gran pasarela do encaixe que se celebra coincidindo coa semana santa.
A Camariñas chégase case no mesmo tempo desde Compostela (80 quilómetros) que desde A Coruña (88 quilómetros); desde Ferrol (138 quilómetros) leva algo máis.
Pero a exhibición transcorre durante todo o día, entre as dez e media da mañá e as sete da tarde, cunha pausa para o xantar, palilleiras de todo o país e mesmo dalgúns puntos do Estado reúnense no pavillón municipal para elaborar pezas de encaixe e compartir saberes do oficio.
A organización, que conta co apoio do Concello de Camariñas, prevé que unhas seiscentas palilleiras se reúnan no evento deste sábado, día 7 de decembro. No pavillón estarán instaladas ademais unhas 30 tendas de venda de produtos relacionados co encaixe, desde roupa e outros agasallos para o Nadal até material e útiles para o traballo das palilleiras.
Ademais, volverase a presentar en público a exposición do 25 aniversario da Mostra do Encaixe, ampliada cunha ducia de 12 chales de liño con encaixe. Atentas, porque as pezas sortearanse entre as participantes e as visitantes. A entrada é gratis.
No pavillón anexo, este ano abrirase un mercado solidario organizado polo club de balonmán da localidade, con tendas de roupa e calzado e xogos para nenas e nenos. Entre visita e visita aos pavillóns, hai tempo para botar un ollo á contorna.
En Camariñas, que ten a súa ría, algo máis ampla ca do Barqueiro, o faro de Cabo Vilán está a 5 quilómetros. Cabo Vilán é o eixo de todo un xeodestino que a Deputación da Coruña promove na Costa da Morte e que sinala un dos espazos naturais de interese a praia de Area de Trece, en Camariñas.
Asistir ao pisado da castaña e comer o menú do pisador no Courel
A castaña hai que deixala secar para que lle marche a humidade.
En Froxán, o proceso realízase nun sequeiro ao calor do lume durante unhas tres semanas. Despois chega o momento de comelas.
Toca pelalas. Unha tarefa que nesta aldea de Folgoso do Courel deu pé para unha festa que é outro magosto. Na serra máis abrupta do país, este sábado 7 de setembro, celébrase a Pisada da castaña.
A pisada é meter as castañas xa secas nun saco, pechalo, estiralo e coller entre dous polos extremos e batelo contra unha peza de madeira recuberta cun coiro ou material resistente para que non rompa o saco.
Trátase de separar a cáscara do froito.
E despois de facelo, pásase polo bandoxo para limpalas de vez. A festa está organizada desde hai vinte e un anos pola asociación Fonte do Milagro e cada vez trae máis xente. Non polas castañas, que tamén, senón polo rito, a paisaxe e as aldeas entre montañas e neve.
O rito comeza cun “sequeiro” no que se prende o lume contra as 11 da mañá. Despois retíranse as últimas castañas e segue a cousa co pisado e o abanxoado. Adoita contar con pregoeiro antes do xantar e logo música do país e charangas, polbo, churrasco e venda de artesanías.
Mais o menú que se serve na carpa, o do pisador, consiste en castañas, touciño, chourizo e tarta de castañas. Pódese mercar castañas e tamén útiles como os bandoxos. En Froxán tamén está a fonte do milagre e por alí camiña entre viñedos o río Lor, pero din que os cadros máis fermosos son os que forman as casas de madeira e louxa contra as montañas da contorna.
Pd. Coñeces outras actividades? Escribe nos comentarios!