O galego ten futuro? Descubre 5 historias de neofalantes

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email

Publicidade

Co paso dos anos o galego comezou a deixar de ser o idioma materno de moitas persoas e hoxe en día son habituais os núcleos familiares nos que o noso idioma non ten presenza algunha. Frente a isto, cada vez son máis as persoas que deciden dar un paso adiante e comezar a falar en galego desafiando atrancos e apostando polo futuro do idioma.

Sen dúbida podemos afirmar que para garantir a conservación do galego non é abondo con iniciativas individuais, polo que resultan fundamentais as políticas de normalización do idioma en todos os eidos da nosa vida.

En todo caso, está comprobado que estas iniciativas de dar visibilidade ás historias das persoas neofalantes contribúen a que outras persoas dean o paso e a crear grupos nos que os apoios e coidados son fundamentais nun contexto que pode resultar duro para quen apostar por vivir en galego.

Por isto, neste mes das Letras Galegas, desde Orgullo Galego queremos dar voz a cinco persoas de distintas idades e lugares que teñen en común unha cousa: todas son neofalantes.

Alba Rodríguez Carrera. 24 anos. Pedrapinta (Mos)

A comezos do ano 2019 hai un antes e un despois na miña vida, falando en termos lingüísticos. Desde que nacín sempre estiven rodeada de persoas castelanfalantes e, como non, eu tamén o fun case toda a miña vida. Mesmo as persoas da miña familia que falaban e falan en galego, que son moitas, cambiaban e seguen cambiando ao castelán coa xeración máis nova. Desta xeración máis nova da familia é da cal eu formo parte e, como non, somos todos castelanfalantes.

Este feito cambiou o 01/01/2019 cando, farta de ver como o galego perde falantes cada ano, noto por parte dunha  porcentaxe importante da poboación unha indiferenza incrible e mesmo odio cara á nosa lingua sen razóns de peso e vexo como a nosa identidade se está perdendo. Foi entón cando decidín dar o paso. Mudei ao galego completamente, en tódolos meus ámbitos e con tódalas persoas. Fixen público este cambio na rede social Twitter, o que me axudou a mellorar grazas a consellos e axuda de amigos e descoñecidos e tamén contribuíu a que o cambio non fose pasaxeiro.

Mudei ao galego completamente, en tódolos meus ámbitos e con tódalas persoas

Nos nosos días falar en galego na área metropolitana de Vigo e mesmo en outras moitas zonas da provincia implica sentirte forasteira na túa terra. Ao principio todo foron preguntas, bromas e incluso suxestións de que volvese mudar ao castelán.

Por incrible que poida parecer, resultoume máis sinxelo no traballo (dependenta nun centro comercial na cidade de Vigo). Moitos clientes déronme ánimos e comentáronme o orgullosos que se sentían de ver a unha persoa nova falando en galego de cara ao público nunha cidade na que menos do 10% da poboación fala só en galego diariamente. Unha clienta mesmo me chegou a dar un abrazo e un bico. Pese a estes feitos positivos que comento aquí, non todo foi sinxelo neste proceso.

Non é un proceso sinxelo, pero tampouco é imposible.

As ganas de mudar ao galego teñen que nacer de cada un, mais eu convídote a reunilas e atreverte a dar o paso. A satisfacción que sentes por aproveitar a sorte que tiveches de nacer cunha lingua propia e contribuír a que esta non se perda compensan as dificultades polas que poderías chegar a pasar os primeiros meses.

Alba Rodríguez

Belén Regueira. 43 anos. A Coruña

Entre a xente da miña quinta hai moitas historias lingüísticas como a miña. Filla de galegofalantes emigrados á cidade, enfrontados á aldeofobia ambiental que tiña na lingua unha das súas dianas favoritas. Criada e escolarizada en castelán, empapada dos prexuízos lingüísticos habituais pero cun vínculo emocional aínda vivo co que fora ata daquela o idioma da miña familia.

Na adolescencia empecei, amodo, o camiño de volta e decidinme a falar sempre galego cando marchei estudar a Santiago; outro clásico.

O anecdotario do cambio xa é folclore: disimulei e pasei vergonza diante dos vellos coñecidos, dixen “miño” en vez de ”meu” unhas cantas veces, escoitei que me fixera “galleguista” ou que “forzaba o acento” (as dúas acusacións eran certeiras, por suposto). Tiven a sorte de dispoñer de amigos, familia e clases de galego oral polas que guiarme para mellorar. E desde aquela levo xa 26 anos “neofalando” tan campante.

Na adolescencia empecei, amodo, o camiño de volta e decidinme a falar sempre galego cando marchei estudar a Santiago; outro clásico.

Sei que a denominación xera debate. Hai quen dubida que ‘neofalante’ sexa un concepto relevante, construtivo ou vitalicio. Eu sigo recoñecéndome nel se cadra porque a autodeterminación de lingua é unha decisión da que me sinto especialmente satisfeita. E segue parecéndome útil, porque as neofalantes non somos peores nin mellores, pero temos circunstancias particulares.

Penso que saber que somos moitas animará a quen quere falar (máis) en galego, que demostrará que é falso que esteamos condenadas a colocar mal os pronomes e ignorar as sete vogais e que impulsará a aparición de recursos de aprendizaxe pensados para quen chegamos ao galego máis tarde do que quereriamos. Máis tarde, si, pero aquí estamos.

Belén Regueira

Publicidade

Publicidade

Xoán Bascuas. 50 anos. Rüsselsheim (Hessen, Alemaña) 

Cobrei consciencia de que o meu idioma era parte da miña identidade por contraste. Cando fun estudar a Madrid. Agardaba que aquela cultura, aquel falar, aquel xeito de comprender o mundo, de facer amizades, de vivir era a miña. Fun criado para pensalo. Pero decateime de que non era así. Non é que fora nin mellor nin peor. Era distinto.

Tamén me din de conta de que se eu non facía meu o galego estaría contribuíndo a facer desaparecer o idioma no que falaron os meus avós, os meus bisavós, os meus antepasados. Ía ser o primeiro da miña familia que renunciaría a aquel legado. Que cando falase da historia da miña familia e do meu país, faríano nun idioma que negaba dobremente a miña identidade.

Non falo ben o galego. Aínda. E sempre teño o propósito mellorar.

Tamén me din de conta de que se eu non facía meu o galego estaría contribuíndo a facer desaparecer o idioma no que falaron os meus avós, os meus bisavós, os meus antepasados

Aínda lembro cando tomei a decisión de ser monolingüe en galego, con só 18 anos. Non había galegofalantes nos meus círculos de amizade, xente que me dicía que xa se me pasaría, que era unha moda, que era unha mágoa cos cartos que os meus pais gastaron na miña educación. Pois ben, unha boa parte daquelas amizades hoxe son galegofalantes. Non se me pasou, non foi unha moda, e pagou a pena a educación que me deron os meus pais porque agora son eu quen forma a outros no mesmo idioma no que meu avó me falaba.

Fáloo mellor pero sigo sen facelo ben. E sigo tendo o propósito de mellorar.

A miña historia non é excepcional, épica ou xenial. Pero pode ser a de moita xente que aínda está por comprometerse co galego.

Xoán Bascuas

Suso de Toro. 65 anos. Compostela

EU SON “NEOFALANTE”, E QUE?

Son neofalante desde os dezasete anos e non foi unha decisión calquera, foi moi significativa e moi transcendente. En que consistiu aquela miña decisión, que debeu ser en 1972 ou 73, e en que consiste a decisión que tomaron e seguen a tomar moitas outras persoas antes e despois de entón? Consiste nun acto de empoderamento, de facerse dono de si propio.

Escoller unha lingua como propia é un acto de afirmación persoal. E de afirmación cívica, consiste en decidir a que país se quere pertencer, que tipo de sociedade queremos construír e máis en que país queremos vivir e ao que pertencer. Un país sometido, colonizado? Un país libre, dono de si e toma as súas decisións por si mesmo?

Cando alguén toma o seu destino nas mans, toma as súas decisións para ser dono de si, como é o caso, sempre encontrará resistencias. As de quen sen querelo colabora a soster unha situación inxusta, como un escravo que ten medo a ser libre, e a de quen quere que esa situación se manteña así porque é parte dos que nos oprimen.

Consiste en decidir a que país se quere pertencer, que tipo de sociedade queremos construír e máis en que país queremos vivir e ao que pertencer.

Ser neofalante é espertar á liberdade persoal entre outras cousas, e saberse parte dun continuo histórico de persoas decididas e conscientes. Benvidos, benvidas.

Suso de Toro. Imaxe de eldiario.es

Nee Barros Fernández. 18 anos.

Ser neofalante foi começar a ser eu mesme. Sempre falara castelhano: a língua que me ensinaram de criança, a que todo o mundo empregava na minha casa. O galego aprendera-o em livros, contos orais, no teatro, na música… E também aí aprendim que se falava castelhano era por diglossia. Que se a minha família nom me educara em galego fora porque a sociedade nos pressiona para falarmos num idioma que nom é o nosso.

Tentei mudar de língua na ESO. Estudar numa escola religiosa ateigada de preconceitos fijo-o impossível. Nom fum monolingue até 2018, quando marchei estudar a Ponte Vedra. Sofrera bullying e mudar de vila foi quitar a máscara e ser eu. Ê Nee de agora — ê de verdade— fala galego, emprega pronomes neutros e masculinos, tenta visibilizar a diversidade…

E todo isto forma parte da minha identidade. Se alguém me proibisse qualquer destas cousas estaria a me proibir ser eu.

Se a minha família nom me educara em galego fora porque a sociedade nos pressiona para falarmos num idioma que nom é o nosso

Na atualidade escrevo, tenho um canal no YouTube, um grupo de música… todo em galego. Sei que podo viver no meu idioma e que, mais que as críticas, há muitos apoios.

Nee Barros

Pode que che interese:

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!