Guía para visitar Allariz. Cousas que non deberías perder

Publicidade

Allariz é unha vila con maiúsculas tanto polo seu patrimonio histórico e cultural como pola transformación que viviu nos últimos 30 anos. Tanto é así que recibiu o Premio Europeo de Urbanismo e o seu zona vella foi declarada Conxunto Histórico Artístico. Cada vez son máis as persoas que deciden visitar esta vila tanto polo atractivo do seu patrimonio como pola súa gastronomía e o seu comercio.

A continuación verás unha pequena guía práctica sobre o que podes visitar no Concello de Allariz: vila situada no Camiño de Santiago da Prata que está considerada como unha das máis fermosas de Galiza e motor no proceso de recuperación de poboación nunha provincia moi castigada polo avellentamento demográfico e a emigración.

O Río Arnoia no seu paso por Allariz

Allariz, a vila dos museos

Allariz está considerada a vila da provincia de Ourense con máis museos, cunha variedade tal que leva un día enteiro visitar.

Moitos dos visitantes comezan a visita no Parque do Portovello, a carón da oficina de turismo. Aquí podes visitar o Museo do Coiro Familia Nogueiras: un museo adicado ao coiro e que xunto co Muíño do Burato (situado na Praza do Matadoiro aínda que este leva anos pechado) e o Museo do Tecido “O Afiadeiro” (integrado agora no Museo da Moda) conforman o Parque Etnográfico do Río Arnoia. Sen dúbida unha visita imprescindíbel para coñecer a historia de Allariz e entender o río como parte fundamental da vida dos seus habitantes.

Xa na propia zona vella poderás visitar o Museo Galego do Xoguete, o Museo da Moda de Allariz, o Museo de Arte Sacra de Santa Clara ou a Casa-Museo Vicente Risco, un dos intelectuais galegos máis destacados do século XX.

Para visitalos é recomendábel consultar a información da páxina web do Concello ou na propia oficina de Turismo xa que hai museos que teñen unha entrada conxunta e os prezos son bastante económicos.

Vista do Museo Do Coiro de Allariz

A zona vella medieval de Allariz deixarache coa boca aberta

Na Galiza por desgraza é habitual o abandono do noso patrimonio, mais a zona vella de Allariz é un exemplo de recuperación e preservación dun conxunto arquitectónico tradicional e singular.

Percorrer as súas rúas é sentirse noutra época, xa que Allariz ten unha zona vella que preserva moi ben o seu pasado. Percorréndoa poderás atopar templos románicos dos séculos XII e XIII como o de Santiago, o de San Bieito (neste caso de estilo Barroco), o de Santo Estevo ou a propia igrexa de Vilanova. Unha das que máis chaman a atención é a igrexa de Santiago, de estilo románico e situada na Praza Maior xusto enfronte da Casa do Concello, nunha zona que destaca polas súas terrazas.

Outro lugar de Allariz a destacar é o coñecido como barrio xudeu de Socastelo,  onde estivo a xudaría no século XIII despois de varios asentamentos previos noutros barrios da zona.

Existe unha tradición que conta que os xudeus de Allariz adoitaban asistir á procesión do Santísimo na festividade do Corpus para rir e facer burla das tradicións cristiás e, fronte a isto, un home coñecido como Xan de Arzúa comezou a cargar contra os infieis xudeus subido no lombo dun boi mentres os seus criados lanzaban formigas e cinsas para logrando disuadilos.

Esta celebración continúa até hoxe na chamada Festa do Boi.

Escultura en honra á Festa do Boi

Na parte alta da vila temos como referencia o convento de Santa Clara. Foi fundado no ano 1268 pola raíña Violante, esposa do rei Afonso X. Este convento conta co maior claustro barroco de todo o Estado Español. Este convento está situado no Campo da Barreira, lugar onde onde se celebra a feira. Aquí persoas procedentes de Allariz e arredores veñen vender os seus produtos.

Un lugar imprescindíbel na túa visita a Allariz é o punto máis alto da vila, onde estaba situado o antigo Castelo. A súa construción está datada do século XI durante o reino de Afonso VI. Este castelo foi derrubado no século XIX froito da desamortización. Desde esta atalaia coroada por unha enorme bandeira galega poderás divisar as mellores vistas tanto da vila coma do río Arnoia.

Pero a zona vella de Allariz é moito máis e nela poderás atopar os restos da antiga muralla conservados entre a Rúa Nova e a Rúa Entrecercas, o conxunto escultórico do Boi e moitos outros pequenos detalles arquitectónicos que precisarán de toda a túa atención.

Publicidade

Publicidade

Allariz, a capital das compras e da gastronomía

Hai quen lle chama a capital do shopping e o outlet galego xa que Allariz é coñecida polos numerosos outlets de marcas de moda, decoración e calzado que atopamos concentrados en dúas ou tres rúas da zona vella. O certo é que todas as semanas reciben centos de visitantes que buscan roupa de calidade a prezos moito máis baixos.

Mais o certo é que Allariz non é so outlets e marcas famosas no que a comercio se refire. Ao longo da vila, en especial na zona vella, poderás atopar pequenos negocios especializados en artesanía galega, produtos gastronómicos e principalmente en produtos da nosa terra tanto producidos na zona como noutros recunchos do país. Se o teu é o libro en galego, o libro antigo, a cervexa artesá, os queixos e os chourizos do país, os famosos amendoados ou en definitiva a gastronomía galega, Allariz é o teu lugar.

Un dos reclamos da vila é a súa gastronomía. Existe unha oferta de restaurantes nos que poderás degustar produtos galegos e especialidades da zona como pode ser o boi ou a lamprea. O que si recomendamos é reservar con antelación xa que especialmente nas fin de semanas os restaurantes adoitan estar cheos ou con listas de espera.

Imaxe de Allariz desde as atalaias do Castelo

A lendaria Santa Mariña de Augas Santas

A parroquia de Santa Mariña de Augas Santas está situada a 6 kms do centro histórico e concentra un riquísimo patrimonio histórico, arquitectónico e cultural.

Para visitar este lugar é imprescindíbel que coñezas a lenda de Augas Santas. No castro galaico-romano de Armea vivía un prefecto romano chamado Olibrio. Un día coñeceu a Mariña, unha rapaza orfa e pastora que vivía na zona. Este prefecto tentou convencela para que abandonara o cristianismo, e perante a negativa de Mariña, esta sofreu moitísimos martirios que tampouco fixeron mudala de idea.

A lenda di que durante días foi pendurada, secuestrada, ferida con pentes de ferro, afogada nun estanque…mais acababa por recuperarse logo de tres días. Até din que tentaron queimala nun forno do que foi rescatada por San Pedro, quen a refrescou nunha pía da zona.

Igrexa de Santa Mariña

Visto que isto non xurdía efecto decidiron decapitala. A súa cabeza acabou rebotando tres veces no chan e alí xurdiron tres mananciais de auga onde din que nacen augas santas que curan enfermidades e botan fora a malos espíritos.

No lugar onde a decapitaron existe unha igrexa parroquial de estilo románico. Esta igrexa está rodeada de construcións de arquitectura tradicional, hórreos e cruceiros moi ben conservados.

Desde a igrexa sae unha ruta para visitar o castro de Armea, vila romanizada orixinaria do século II a.C. e un dos castros mellor conservados de toda a provincia de Ourense. Neste castro din que vivía o romano que torturou a Mariña.

O camiño até o castro transcorre entre vestixios romanos e carballeiras espectaculares. Este é sen dúbida un lugar para perderse unha tarde enteira.

O forno da Santa, un forno galaico

De camiño ao Castro de Armea atópanse os restos inacabados dunha igrexa do século XIII chamada Basílica da Ascensión, situada xusto enriba dunha cripta que conserva un posíbel forno galaico relacionado co castro de Armea. A tradición di que este forno podería ser no que os romanos queimaron á mártir Santa Mariña. O lugar é espectacular e impresiona o seu estado de conservación, os símbolos gravados nas paredes e as numerosas lousas funerarias.

En definitiva, Allariz tamén é rica polas súas lendas, xa que de aquí é orixinaria a historia de Manuel Blanco Romasanta: único caso de licantropía clínica documentada no Estado Español e de onde saíu a lenda do Sacauntos, o chamado lobishome de Allariz.

Chegamos ao final pero isto non significa que Allariz non teña máis que ver. Isto é unha guía para ver o fundamental, pero comprometémonos a seguirmos debullando a historia dunha das vilas máis fermosas e con máis historia do noso país.

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “Guía para visitar Allariz. Cousas que non deberías perder”

  1. ALLARIZ es un pueblo precioso, os recomiendo que vayáis a verlo y estoy seguro que Volveréis mas veces.
    Un pueblo encantador

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!