Gracia, neta dun dos fusilados en 1939, fecha o círculo da fosa asturiana de Celanova

Publicidade

A primeira parte: Recuperando a memoria: a fosa asturiana de Celanova

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova busca familiares de sete milicianos (seis deles asturianos, e o outro nado en Salamanca) que foron fusilados por unha unidade militar falanxista de gornición na vila despois de rematada a guerra.

Abelardo Suárez, o primeiro pola dereita

O nariz chato

Parézome el. Na casa, polas fotos, sempre mo din“. Gracia Suárez ten o nariz chato. O avó, Abelardo, aparece nunha fotografía de 1935 bebendo por unha bota de viño nunha romaría en Granda, unha localidade próxima o barrio de Ceares en Xixón, onde vive a familia. É un home alto. Viste roupa clara, de verán. Á súa dereita está Emilia, a súa dona, nai de dous pequenos que apenas se levan 13 meses de diferencia. Están con outra parella. Día de festa. Son tempos luminosos. 

Gracia Suárez ensina esa fotografía de hai 86 anos en Celanova un martes de outubro algo chuvioso. Está en Galiza porque dous días antes topou nas redes sociais o que levaba anos buscando: o paradoiro do avó Abelardo Félix Suárez Del Busto, albanel fusilado contra o muro do cemiterio parroquial da vila aos 28 anos, un 22 de setembro de 1939. Canda el, outros seis mozos asturianos. Foi a despedida sanguenta da Bandera de Falange de Marruecos, unidade militar do Exército sublevado contra a República que entrou en Madrid á cabeza das tropas de Franco e no verán daquel ano, rematada a guerra, veu sementar o terror a Celanova. Deixou como testemuña ameazante unha cruz de pedra co seu emblema sobre un outeiro que aínda preside a vila, e un regueiro de sangue que rematou aquela mañá do 22 de setembro cos fusilamentos. Odio e vinganza, un puñal fendido no corazón da vila da morteasí se coñeceu Celanova durante o franquismo- do que hoxe, outubro de 2021, o pobo empeza a se desprender…

Gracia está aquí para fechar un círculo. Membros do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova recíbena con sorpresa e agarimo. Hai seis meses que empezaron a documentar a foxa. Hai apenas dez días que o Goberno de Asturias compareceu en Celanova nun acto de homenaxe aos 7 asturianos para reafirmar a súa vontade de cooperar na investigación sobre aquelas vidas e o seu final.

“Grazas ao valente pobo asturiano e ao seu goberno valente por acudir á chamada deste modesto Comité dunha vila que para Asturias só significa dor, morte, silencio…”, dixo a presidenta do colectivo memorialístico, Celia Inés Feijoo, no acto celebrado no patio do Instituto Celso Emilio Ferreiro, que foi o patio da prisión franquista naqueles anos. “Mais este Comité aspira a algo máis que un descargo moral, queremos que empecen a mudar as cousas, queremos xustiza, verdade e memoria. Para que a partir de hoxe ese fío que nos une sexa ferro con Asturias, ferro na memoria contra o esquecemento, contra o medo, contra ese fascismo que revive por todas partes”.

O patio do Instituto Celso Emilio Ferreiro, antigo patio do cárcere

Gracia no patio do Instituto

A chuvia da unha tregua e Gracia pasea polo patio do Instituto cos membros do Comité. Alí, onde se tiraron a maioría das poucas fotos que se conservan dos presos, a neta de Abelardo conta o que sabe da vida do avó:

“Era fillo dun carreteiro. Era alto, si; forte. Traballaba de albanel. Eran moi pobres. Non sabía nin ler nin escribir”.

Nos documentos do proceso que seguiron contra el e outros nove presos e que rematou cun consello de guerra en Camposancos (A Guarda) en xullo de 1938, Abelardo asina co dedo.

“Emilia e Abelardo tiveron dous fillos: Enrique e María del Carmen, miña nai. Enrique morreu novo, despois da guerra, e iso foi outro pau para a miña avoa. A avoa casou por segunda vez, e sabiamos pouco do que lle sucedera a Abelardo. A avoa sabía que estivera preso en Celanova e que morrera alí. De feito, cobrou a pensión como viúva da guerra… pode que porque o seu home, que tiña cartos, mediase no asunto. Mais non soubemos até agora que o avó Abelardo, na casa chamábanlle Félix, pasara por Camposancos e sufrira consello de guerra”.

Na sentenza daquel tribunal militar de Xixón que se desprazou até A Guarda polo gran continxente de presos asturianos no campo, asinada o 29 de xullo de 1938, Abelardo foi condenado polo delito de rebelión militar -a mesma acusación recae sobre Mariano Blanco González- mentres que Baldomero Vigil-Escalera é acusado de auxilio á rebelión. Os tres acabarían seus días contra o muro do cemiterio de Celanova. Os outros encausados recibiron distintas penas de cadea.

“Os meus pais emigraron a Francia e eu crieime cos avós: Emilia e o novo avó. Na casa escoitei falar moito de Abelardo, mais nunca souben de que tivese filiación política ningunha, nin tampouco cargo nas milicias. O que si me contaron e que a Abelardo alguén o avisou de que viñan por el, e saíu fuxindo cara o porto. Despois, apresárono nun barco. Pero nin sei o nome…”

Ceminterio de Celanova

Publicidade

Publicidade

O ‘Gaviota’

O tribunal militar sinalou Abelardo como membro da UXT, aínda que en fases anteriores do proceso aparece como vinculado á FAI e á CNT. Tamén o acusan de ter participado nos asaltos aos cuarteis en mans de rebeldes tras o golpe (a acusación concreta é terse rebelado contra o “Glorioso Movemento Nacional, G.M.N.”), na revolución do 34, en queimas de igrexas, en chekas… os cargos son parecidos en todos os casos, e as probas son testemuños. Non aparece documento ningún. Pero o sumario indica que Abelardo foi sarxento -outras veces, capitán- das milicias. O único dato fiábel pode ser o día e o lugar da “captura”: foi o 20 de outubro de 1937 e o barco chamábase ‘Gaviota’.

Segundo o sumario 5597/1938, instruído polo Juzgado Instructor nº 5 da VIII Región Militar contra Ángel Rimada Rodríguez e nove máis, no ‘Gaviota’ tamén apresaron a Baldomero Vigil-Escalera Vallejo, aínda que como data figura o 21 de outubro. Non consta relación entre os condenados a morte. O instrutor sinala que Abelardo estivo unhas semanas na Escuela Militar de Noreña, de onde saíu en maio do 37 destinado ao Batallón 265 co rango de sarxento. Este batallón combateu na fronte de San Pedro de Nora –preto de Oviedo– para despois avanzar cara a Bilbao, mais non pasou de Castro Urdiales, anota o xuíz. Segundo este relato, Abelardo caeu enfermo na fronte e, despois de pasar polo hospital, estaba de baixa no seu domicilio cando os sublevados tomaron Xixón.

O 20 de outubro de 1939 o Consejo asturiano decide ordenar unha retirada en 24 horas e concentrar as tropas nos portos de Avilés, Candás e Xixón. O Consejo calcula que disporá de barcos para evacuar a máis de 50.000 homes, relata unha información de Alberto Rosón, da Fundación Anselmo Lorenzo-CNT, sobre a fosa de Celanova. E continúa: Calcúlase que uns doce mil milicianos e civís deixaron Asturias a tarde do 20 de outubro. Unhas vinte embarcacións foron apresadas e obrigadas a poñer rumbo a Galiza. Atracaron nos portos de Ribadeo e da Coruña e alí empezaron as identificacións. A Comisión Clasificadora de Prisioneros y Presentados empezou a distribuír os homes nos campos de Cedeira, Rianxo, Muros e Camposancos.

En Camposancos comezou a masacre. Xuízos sumarísimos seguidos de execucións. En xaneiro de 1939 chegou a Celanova un continxente de presos enviados desde Salamanca, e tamén un grupo desde Camposancos. “Até agora pensabamos que a Prisión Central de Celanova era un cárcere de cumprimento de penas, máis non de morte… agora sabemos cando e en que circunstancias se produciron estes fusilamentos. O carácter da prisión cambiou”, di Marcelino Laruelo, veterano investigador de memoria histórica que o 22 de setembro pasado visitou Celanova para render a súa homenaxe persoal a aquelas vítimas. Estivo no cemiterio a mesma hora dos fusilamentos de 1939. Sucedeu a pleno día. Moitas veciñas e veciños tiveron que ser testemuñas directas ou indirectas das execucións.

Monumento fascista de 1939 no Outeiro da Obra (Celanova)

Os zapatos do condenado

Hai unhas semanas, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova recibiu un novo testemuño oral da filla dun dos homes, daquela un mozo de apenas dezaseis anos e empregado na funeraria local, que axudara enterrar aos asturianos. Un deles ofreceulle os zapatos. Non os quixo. Aquel día quedou gravado na memoria do mozo, que despois de volver da emigración en Uruguai seguiu transmitindo a historia. A pegada quedou tamén ben fonda na vila. A cruz falanxista segue no outeiro. Mais a presenza do Goberno asturiano e o interese de colectivos memorialistas asturianos fixo posíbel que a fosa dos 7 cobrase unha dimensión que se escapa do ámbito galego.

Gracia veu fechar ese círculo.

“Os feitos están sobre a mesa, a documentación non deixa dúbidas sobre o lugar onde foron soterrados, as institucións e as memorias asturianas teñen vontade, e a familia de Abelardo Suárez tamén, as autoridades locais e mesmo o Bispado teñen constancia de todo o que se está a investigar… non debería haber problema ningún para levar adiante os trámites necesarios para facer o que se debe facer: unha exhumación e unha sinalización do lugar”, din fontes do Comité.

É urxente dignificar esta tumba e estes mortos”, aprema Laruelo.

Gracia e o seu marido, de visita en Celanova este outono, miran o cemiterio desde o outeiro onde se ergue a cruz. Mírano desde o mural de Vizoso aos mártires da guerra no Furriolo. Percorren o Instituto, aquel cárcere, mentres o alumnado regresa ás aulas despois do recreo. Seis mil homes penaron aquí. Para moitos foi a antesala da morte. Un deles, Abelardo Suárez, aquel mozo forte da foto. O nariz chato. Catro anos antes de caer vítima da barbarie fascista que segue impune. Os zapatos do condenado, baixo terra.

Pode que che interese:

Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro do ano 1913 e faleceu en Vigo o 26 de novembro do ano 2010. Escritor, editor, crítico literario e militante do galeguismo, foi un activo loitador pola lingua e cultura galega até o seu falecemento.

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “Gracia, neta dun dos fusilados en 1939, fecha o círculo da fosa asturiana de Celanova”

  1. Mi tío abuelo Placido González también viajaba en el Gaviota, fue llevado a Camposancos y fusilado en Tuy del cadaver no sabemos nada y ni una miseria placa donde lo mataron.

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!