Galiza e de xeito especial a comarca de Valdeorras, celebran neste 2022 unhas Letras Galegas dedicadas a Florencio Manuel Delgado Gurriarán, avogado e poeta galego.
Neste artigo falamos de...
A súa vida
Florencio naceu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e foi fillo de Consuelo Gurriarán Díaz e Florencio Delgado Prada. A súa nai Consuelo proviña de ferróns vasco-navarros con dedicación á vitivinicultura e aos labores ferreiros nas bocarribeiras do Sil e do Leira. O seu pai Florencio era perito agrícola e estivo destinado en lugares como Ourense, Valladolid ou Palencia.
Aínda que Florencio estudou en escolas particulares da aldea, polo traballo do pai, aos seis anos tiveron que marchar a Palencia onde estudou cos Maristas. Uns anos despois foron traballar a Valladolid onde rematou o Bacherelato e se licenciou en Dereito con apenas 20 anos. Foi en Valladolid onde comezou a simpatizar cos pensamentos nacionalistas ao ler o xornal A Nosa Terra, aínda que tamén tiña influencias protonacionalistas das súas lecturas de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas ou Curros Enríquez.
No ano 1928 regresou a Córgomo, onde exerceu como avogado no Barco de Valdeorras e preparou as oposicións a Rexistros. Florencio fixo parte activa das estruturas asociativas da súa parroquia e era habitual que lle levara preitos aos veciños, organizara festas e promovera actividades culturais. Pola contra, seu pai asentara na Coruña.
Os inicios no galeguismo e na escrita
Florencio comezou a participar politicamente no mundo do galeguismo e foi o representante en Córgomo da Irmandade Galeguista Valdeorresa. A partir do ano 1930 comezarían a celebrar na comarca o “Día de Galiza”, un festexo nacionalista que buscaba ensalzar a nación galega e tamén o seu idioma. Isto levou a enviarlle unha nota de adhesión á Asemblea Galeguista de Pontevedra da que nacería o histórico Partido Galeguista.
A comezos dos anos 30, xa escribira poemas de interese sociolingüístico e político, e algún traballo en prosa denunciando a política caciquil e centralista e apostando por unha Confederación Ibérica dentro da Confederación Europea. Florencio comezou a colaborar con artigos e poemas no Heraldo de Galicia, A Nosa Terra e no Heraldo Orensano, neste último utilizando o pseudónimo de “Corgomófilo”.
Aínda que estivo un ano vivindo en Madrid, á súa volta converteuse en socio protector do Seminario de Estudos Galegos e decidiu afiliarse definitivamente ao Partido Galeguista, asistindo no ano 1934 en Ourense á III Asemblea Anual en representación do grupo de Córgomo-Portela, cita na que coñecerá a Castelao e onde comezan as diferencias dentro do partido entre os sectores máis á dereita e os sectores máis á esquerda, representados estes últimos polo propio Castelao. Como anécdota, despois da Revolución de Asturias, Castelao e Bóveda foron desterrados fóra de Galiza. Florencio, xunto a outros galeguistas valdeorreses decidiron acompañalos no tren que viaxaban, desde Monforte ata o Barco. En Valdeorras fixeron unha campaña activa de recollida de sinaturas pedindo o seu indulto.
No ano 1934, chega o primeiro grande éxito literario de Florencio Delgado Gurriarán coa publicación da escolma de poesías Bebedeira, editado por Nós, con portada de Castro Arines, discípulo de Castelao e galeguista. Nesta escolma poética fala da paisaxe de Valdeorras, árbores, amores, viño, cores e moito máis, da que persoeiros como Otero Pedrayo, Carvalho Calero ou Antón Vilar Ponte entre outros deron fe da calidade do poemario.
Golpe de Estado fascista
Coa chegada do golpe de Estado fascista no ano 1936, a familia organizou a súa fuxida para non sufrir as atrocidades que xa estaban cometendo os falanxistas na comarca de Valdeorras. Durante un tempo estivo en continuo movemento e pasou por Ponferrada, Valladolid, Zamora e cruzou a Portugal ata Tourém e Porto. Desde esta última cidade viaxou nun barco de Noruega até Bordeos (Franza) agochado debaixo dunha cama e desde aquí a París. A comezos do ano 1938 conseguiu entrar na Barcelona republicana onde se alistou no Exército, na Subsecretaría de Armamento. Rapidamente converteuse en Tenente e entra no Servizo de Información Periférico, dependente do Estado Maior, onde coñece aos galegos Guerra da Cal e Líster. Alí tamén se reencontraría con Castelao e Santiago Álvarez.
No ámbito máis político, nese mesmo ano entra na Executiva do Partido Galeguista como Secretario de Propaganda, e colabora en Nueva Galicia con poemas de combate, baixo o pseudónimo de Nadel. Durante os meses posteriores foi á fronte do Ebro mais cara o final da guerra comezaron a traballar nunha operación de rescate para a xente que resistía en zonas ocupadas, a través de Portugal mais tamén para preparar o exilio dos galegos con destino a América. Para esta labor crearon o comité de representación política de galegos, a Solidariedad Gallega Antifacista, e enviarían a líderes políticos a New York como foron Osorio-Tafall, Castelao, Soto, Guerra da Cal, Suárez Picallo, Marcial Fernández e moitos máis para recoller cartos en actos de propaganda a prol da República entre as asociacións da emigración nos EUA. Neste último período tamén sacou a bastantes galegos dos campos de concentración do sur de Franza. Este traballo conseguiu entre outras cousas financiar o Ipanema, un barco que levou a moitos galegos a Veracruz (México) entre os que estaría o propio Florencio.
O exilio en México
Xa en México traballou unha temporada de organizador de explotacións agrarias colectivas, como delegado do SERE (Servizo de Evacuación de Refuxiados Españois) en Toluca. Despois, xa na capital, pasou por múltiples ocupacións como vendedor de fertilizantes, zapatos ou aceites ata asentarse na farmacéutica Queralt Mir, onde se xubilou. No ano 1951 marchou vivir a Guadalaxara (Nova Galicia, Jalisco) e desde o ano 1940 obtivo a nacionalidade mexicana. Neste país casou con Celia, filla de emigrantes galegos con quen tivo cinco fillos.
No campo político tivo un intenso traballo como creador da revista Vieiros xunto con Luís Soto e Carlos Velo. Tamén fundou o Padroado da cultura galega de México, a Irmandade Galeguista, a asociación A Nosa Xente, Fogar Galego, o Ateneo de Galicia e a audición radiofónica Hora de Galicia, que estivo en antena todos os domingos durante case 20 anos. Tamén colaborou nas publicacións Saudade (1942) coa edición de cinco exemplares: Verba galega das Américas, Galicia, Heraldo de Galicia, Nova Galicia e Opinión Gallega. Destacar que Florencio comezou a empregar verbas da lingua “náhuatl” mesturadas co galego, o que el denominaría poesía crioula ou poemas mexicanos.
No ano 1943, publica o Cancioneiro de loita galega, baixo a responsabilidade do Partido Galeguista. Esta publicación é unha serie de poemas homenaxeando aos galeguistas asasinados pola barbarie franquista.
Xunto a Xoán López Durá, negociou, redactou e asinou o pacto Galeuzca (1944) en nome do Partido Galeguista, pouco antes de poñerse a trámite o Estatuto de Galicia nas Cortes Españolas celebradas na Praza do Zócolo de México DF, no ano 1945. Compre destacar que foi un unificador dos galegos e galegas no exilio mexicano.
En 1946, Florencio preséntase a un concurso de traducións de poemas ingleses e franceses ao galego, organizado pola Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires. Gaña o certame xunto a Luís Tobío e Plácido R. Castro, e van ver publicados os seus poemas en 1949. Tamén no plano da unidade política significamos a constitución da Alianza Nazonal-Galega (1943) e o seu órgano de expresión Galicia. Nesta iniciativa estaban o Partido Galeguista e todos os partidos estatais con presenza en Galiza.
Destacar tamén que desde o exilio, o primeiro traballo publicado en Galiza foi o poema “Bocarribeira valdeorresa”, que aparece na revista Pena Trevinca-Montañeros de Galicia no ano 1948.
Froito do contacto con Galaxia, edita o seu segundo poemario, Galicia infinda no ano 1963. Esta obra reuniu boa parte da súa poesía de posguerra. Está composta por cinco apartados: Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros, Varia e Poemas mexicanos.
Pensando no retorno
A finais dos anos 50, comezou a pensar en retornar a Galiza, logo de verse pechada a súa causa política. Así, viaxou a Valdeorras nos anos 1968, 1976 e 1981. A primeira vez foi visitar aos seus país, logo de 32 anos no exilio e a segunda para ver os efectos do franquismo no país e estudar a posibilidade de recuperar o Partido Galeguista en Galiza.
No ano 1981 xa ficou por unha doenza cardíaca e nese ano foi recoñecido como membro correspondente da Real Academia Galega. Foi apadriñado polos académicos Xulio Francisco Ogando, Ramón Piñeiro e Valentín Paz-Andrade. O acto contou coa presenza de Lauro Olmo Gallego, Isaac Díaz Pardo e o presidente da Xunta, Xosé Quiroga Suárez. Así homenaxeou O Barco de Valdeorras ao “poeta do viño e a viña”, amais de ser pregoeiro na capital valdeorresa e membro de mérito do Instituto de Estudos Valdeorreses.
Florencio ainda tivo tempo a publicar Cantarenas (1981) baixo o patrocinio do IEV e Isaac Díaz Pardo. Este último, foi tamén quen pulou por O soño do guieiro (1986), derradeira obra deste poeta valdeorrés, republicano e galeguista, non sen problemas de edición coa «censura». A súa «manda testamentaria» quedou plasmada no artigo que fixo para o Congreso de Castelao de 1986, ao que non puido concorrer.
Florencio faleceu en Fair Oaks (California) o 14 e maio de 1987, cando se atopaba na casa dun dos seus fillos. As súas cinzas foron trasladadas a Córgomo en xullo dese mesmo ano.
O seu parente Ricardo Gurriarán escribiu:
Este poeta moderno, bailón, «musiqueiro», cantador de tangos, fados, milongas, rancheiras, repeniqueador, namoreiro… e sobre todo sensible e agradecido, sendo republicano, matárono as coronarias. Naquela primavera que se foi, levou no peto un itinerario vital de compromiso coa terra, preñado de ética e dignidade persoal.
35 anos despois da súa morte, as Letra Galegas e o conxunto da sociedade galega homenaxeamos a unha persoa que traballou toda a súa vida por e para Galiza.
Nota: Información extraída da Real Academia Galega e da Galipedia