6 espectaculares fervenzas galegas para visitar polo menos una vez na vida (parte 1)

Publicidade

Actualización: podes ver outra 10 espectaculares fervenzas na segunda parte do artigo.

Galiza é o país da choiva: un lugar onde as abondosas precipitacións fan que gocemos desta paisaxe tan verde de ríos caudalosos e de milleiros de fervenzas que ocupan o conxunto do territorio xa que, posiblemente, as haxa en case todos os concellos do país.

Precisamente esta importante presenza da auga fai que contemos con multitude de nomes para referírmonos ás fervenzas, igual que acontece coas formas de chamarlle á choiva.

Segundo o dicionario da Real Academia Galega as fervenzas tamén reciben o nome de seimeiras, freixas, ruxidas, ruxidoiras, saltos de auga ou abanqueiros. Cando unha fervenza é xigante recibe o nome de catarata mentres que unha máis cativa é unha cachoeira, cachoada, cachón, callón ou pincheira.

Pero, se consultamos o Atlas Lingüístico Galego esta cifra medra considerabelmente con ducias de palabras, destacando algunhas como fervencedo, xurreira, ferido, socalco, caldeira, caída, breixa, pincha de auga, peneda, fervencedo, curriente, etc.

Neste artigo recomendaremos seis fervenzas, mais somos conscientes de que hai moitísimas polo que nos comprometemos a seguir ampliando esta lista e a lle adicar publicacións individuais. Mentres tanto gozade de seis lugares que sen lugar a dúbida son un festival para todos os sentidos e unha oportunidade para desconectar.

O país das mil augas, o país dos mil rios!

Fervenza do Toxa

A Fervenza do Toxa (Silleda) é unha das máis coñecidas de Galiza e posibelmente a máis espectacular da provincia de Pontevedra xunto coa do río Barosa. Conta cunha caída de 30 metros nunha contorna espectacular arrodeada de bosque atlántico, aínda que nos últimos anos  a zona viuse afectada pola construción do AVE.

A zona está catalogada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura 2000.

Para chegar a este lugar é preciso camiñar uns 15-20 minutos por un espazo dunha beleza impresionante, rodeado de carballos e castiñeiros e co son da auga presente en todo momento. Na zona tamén hai un miradoiro para poder contemplar a fervenza desde un dos puntos máis altos aínda que nós recomendamos baixar tamén aos pés da fervenza.

Ademais, no lugar hai un pequeno espazo para comer e, aproveitando a visita, podes facer o roteiro até o Mosteiro de Carboeiro ao carón do río Toxa, coa Ponte do Demo como outro dos atractivos da zona.

Fervenza do Ézaro

A Fervenza do Ézaro é un salto que forma o río Xallas no seu tramo final, xa na desembocadura ao mar. Está situada na parroquia de Santa Uxía do Ézaro (concello de Dumbría, provincia da Coruña) e ademais de ser a máis visitada de toda Galiza é a única fervenza de Europa que desemboca directamente no mar.

Conta tamén coa maxia de estar situada no Monte Pindo, o coñecido como o Olimpo Celta, un dos lugares do país máis ricos en canto a lendas, arqueoloxía e natureza.

O desnivel desta fervenza é duns 155 metros e a auga precipítase ao mar desde 40 metros de altura onde forma unha poza de máis de 20 metros de fondo que é coñecida como a “Poza do Cadoiro”. Di a lenda que oculta un tesouro enorme protexido por tres meigas. Outra lenda di, tamén, que detrás da fervenza hai unha porta máxica tamén protexida por meigas.

Lamentabelmente este río e esta fervenza foron alteradas gravemente pola construción dun encoro a mediados do século XX, aínda que nos últimos anos xa é posible gozarmos da caída de auga todos os días do ano.

Fervenza do Ézaro

Publicidade

Publicidade

Fervenza do Río Barosa

A menos de media hora de Pontevedra, en dirección Compostela pola N-550, sitúase no concello de Barro o Parque da Natureza do Río Barosa: un espazo natural no que atoparemos unha impresionante fervenza, unha concentración de muíños e un roteiro moi fermoso.

Esta fervenza, que salva un desnivel duns 60 metros, conta con máis de 12 muíños nas súas beiras e remata nunha pequena poza de auga apta para o baño nos meses do verán.

Na vexetación da zona predomina o bosque de ribeira e entre ela poderás facer un roteiro chamado “Sendeiro dos muíños da Barosa” cun percorrido duns 4 kms que transcorre pola beira do río Barosa.

No verán é cando máis visitantes recibe mais é recomendábel visitalo en época de choivas xa que a concentración de auga é espectacular.

Na propia fervenza existe un muíño habilitado como restaurante no que podes comer de prato ou simplemente tomar algo.

Fervenza do Barbantiño

Coñecida como Fervenza do Barbantiño ou de Cachón, está fervenza atópase na metade do percorrido do río Barbantiño, no concello de Maside. Esta fervenza conta cun desnivel de 15 metros e é recomendábel visitala en época de choivas xa que durante o verán leva menos auga debido a unha pequena central hidroeléctrica que retén parte do seu caudal.

O lugar conta cun pequeno merendeiro e unha pasarela que che permitirá ver a fervenza, desde adiante e desde arriba, e tamén visitar un grupo de muíños coñecidos como Muíños das Penas  que se atopan en moi bo estado de conservación.

Fervenza de Raxoi

A Fervenza de Raxoi está situada no concello de Valga, ao pé da N-550 que une Pontevedra e Compostela e a menos de media hora da fervenza de río Barosa. Este lugar conta cuns muíños coñecidos como Muíños de Parafita, tamén que están en perfecto estado de conservación.

O camiño transcorre maioritariamente por unha pasarela de madeira situada nunha zona de bosque de ribeira onde o ruído da auga é enxordecedor, sobre todo nos meses de máis choiva.

Aproveitando a visita a esta fervenza recomendamos visitar os petróglifos da Serpe. Están situados a moi pouca distancia e podes chegar a eles a pé desde este lugar.

Nota: A última información que temos é que a pasarela está practicamente destruída xa que o seu mantemento foi nulo, polo que recomendamos consultar a súa situación antes de achegarse a este lugar.

Fervenza de Vieiros

Situada no río Selmo, a Fervenza de Vieiros atópase no corazón da Serra do Courel; concretamente no concello da Quiroga entre as aldeas de Vieiros e Ferramulín. Conta cunha altura duns 20 metros e posibelmente sexa a máis espectacular de todo o Courel.

O camiño máis rápido para chegar é aparcando o coche na estrada DP-50-01, onde hai un pequeno aparcadoiro. Desde alí a distancia até a fervenza é de aproximadamente 1 km nun camiño ben acondicionado e sinalizado. Pero, se ves con tempo, o ideal é que fagas o roteiro que parte desde a impresionante aldea da Seara e que chega até a Fervenza do Vieiro cun percorrido de apenas 5 kms.

Fervenza de Vieiros

Se che gusta, comparte!!

Actualización: podes ver outra 10 espectaculares fervenzas na segunda parte do artigo.

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!