Navegación a contratempo. Recuperando as embarcacións tradicionais no litoral galego

Publicidade

Na revista do 5º Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrado en Poio no 2001, hai un par de biografías de xentes do mar (un pescador) e de porto (un cantineiro). Hai tamén un glosario de termos mariños en portugués, relatos de navegacións como as dos monxes celtas ou a da viaxe do Sant Efflam, hai textos sobre a pedra na cultura marítima, sobre a política de portos privados ou sobre a restauración dun galeón en Poio. Da restauración escriben os do Clube Mariño A Reiboa, fundado ese mesmo ano 2001. 

O que nos contan é o seguinte: “Na Galiza, os galeóns foron barcos de velas destinados ó transporte de mercadorías dende a Ría de Camariñas e Muxía até Leixoes, no norte de Portugal. (…) A construción de galeóns coas súas características propias dun barco de vela esmoreceu dende os anos 60 debido á mellora das comunicacións por estrada e á intensificación dos transportes terrestres, xunto coa implantación dos motores de explosión nas embarcacións. (…)  cando en 1981 Antonio Faíña levou a cabo a construción do galeón Luísa, esta fíxose pensando nunha funcionalidade puramente recreativa para o barco (…) O Luísa navegou decote nos anos 80 e 90, ata que foi preciso a partires de 1996 realizar labores de reparación na súa estrutura (…) o barco entro nun estaleiro de Combarro en abril de 1997 para ser obxecto dunha restauración, financiada cunha subvención da Consellería de Pesca, que rematou 14 meses despois. A rehabilitación afectou á totalidade da cuberta, a parte da obra morta, ao mastro, á percha e a outros elementos menores. (…) o galeón botouse oficialmente o día 8 de agosto de 1998. Ao día de hoxe o Luísa é o único exemplar da súa clase que navega a vela polas nosas rías…”

Un xeiteiro construído por José Places Abal en Cabo de Cruz. Foto: Culturmar.

O Luísa xa non está só.

Nos últimos vinte anos a recuperación da cultura do mar, un traballo que se resume nese texto de 2011, asentou en moitas localidades do litoral galego. En poco máis dun mes, celebrarase en Moaña o 15º Encontro (bienal): “un evento que olla dende a contemporaneidade pola posta en valor e preservación da cultura mariña tradicional galega”, di a organización nun texto promocional na páxina web.

Hoxe substitúe a vella revista e informa puntualmente duns preparativos que manteñen ocupado a medio goberno municipal da vila, encargándose as concelleiras e mesmo a alcaldesa de participar nas distintas comisións. Aquí, como no taller dos carpinteiros de ribeira onde empezou todo, cada detalle é determinante para unha boa navegación

Navegación a vela pola ría de Vigo. Foto: Culturmar.

O esforzo municipal

“O primeiro esforzo foi conseguir que se aprobase no pleno por unanimidade, porque ese é un dos requisitos que esixe a organización. O seguinte foi ir petando portas, da man de Culturmar e de Sueste, para sumarlle aos trinta mil euros que achega o Concello outro tanto da Deputación e uns doce mil da Xunta. Agora estamos todas as concelleiras implicadas en diferentes comisións organizadoras. Eu estou na de cultura e na de comunicación. A alcaldesa está na de mar e na de terra… e así todas”, di Coral Ríos, concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Moaña.

Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, naceu no 1993 no primeiro dos encontros, en Ribeira. Sueste é a asociación cultural de Moaña a través da que Culturmar impulsou o evento, que se celebrará entre o 5 e o 8 de agosto. “Esperemos que con moita calor, que é o que cómpre para que a programación das noites se leve ben”, suspira a concelleira. “O prioritario é que veñan moitos barcos e o traballo máis difícil é ter todo preparado nos embarcadoiros, os permisos con Costas e con Portos… esa pelexa institucional que tanto cansa. Haberá capacidade para máis de cen embarcacións”.

En Moaña esperan poder resarcirse da desgraza de 2017, cando aconteceu o incendio do Casqueira un dos cinco estaleiros tradicionais que quedaban. O estaleiro sufrira ameazas e a alcaldesa chegou a cualificar o suceso como un acto de “terrorismo”.

“Espero que o que quede despois deste Encontro sexa unha pegada de respecto pola ribeira e polas embarcacións tradicionais. Que quede o amor pola navegación tradicional, porque cada vez que perdemos un estaleiro de ribeira é como se perderamos un anaco da catedral de Santiago de Compostela”, conclúe a concelleira.

En Moaña queda un estaleiro activo (o que ten a Asociación Sueste) de afeccionados á cultura mariñeira. Atópase xusto ao lado do que queimaron e que quere reconstruír o Concello. Hai outros tres con diversos usos.

Anguleiro, un xeiteiro encargo da Asociación Mariñeiros de Bouzas aos irmáns Marrocos de Lanhelas (Portugal). Foto: Culturmar.

O recoñecemento social

Había anos que o Encontro non tiña como escenario a ría de Vigo, así que eramos Bouzas, Cangas e nós os portos candidatos”, lembra Pablo Martínez, presidente da Asociación Sueste. “E si, a máis dura foi a primeira das xestións, a de conseguir a unanimidade na decisión plenaria”.

O colectivo ten 18 anos de vida e conta cunha experiencia “ampla e diversa” na organización de eventos. Xa deseñou e levou adiante unha semana do mar. Sueste, di o seu presidente, teima na recuperación da cultura do mar: “foi importantísima no século vinte até os anos sesenta cando o mar era todo”. Martínez non esquece o incendio e recoñece que hai veciños en Moaña que se opoñen ao labor da asociación.

Para eles a celebración do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia é un recoñecemento que “axuda a que se respecte o que facemos e que se nos recoñeza en Moaña”. Sueste está formada por un grupo de veciños, a maioría sen vinculación directa co mar excepto un deles que é carpinteiro de ribeira xubilado, que non esquecen as súas raíces mariñeiras. “Moaña foi unha das vilas máis importantes na Península Ibérica en canto á pesca de litoral desde finais do século XIX até os anos sesenta, cando a xente empezou a marchar para os buques conxeladores e para a pesca de altura. Pero todos temos un pai ou un avó que foi mariñeiro. Esa foi a nosa riqueza e este é o recoñecemento que lles debemos”. 

Publicidade

Publicidade

O que queda do mar

José Luis Sacau é o presidente de Culturmar, unha federación que aglutina 43 entidades de Galiza e do norte de Portugal que se dedican a actividades de defensa e promoción da cultura mariñeira tradicional. “Desde a construción de barcos até a conservación dos saberes, mais especialmente a manter as embarcacións construídas en madeira e promover o seu uso: queremos que estean vivas, no mar, non metidas nun museo”, precisa.

Aínda quedan dornas ou bateas construídas en madeira que seguen a cumprir a súa función e as entidades agrupadas en Culturmar tratan de que non se perda a memoria doutros tipos de embarcacións que tiveron a súa importancia e foron esquecéndose co tempo.

“Nestes 28 anos que levamos traballando conseguimos que Galiza sexa o país de Europa que ten unha maior diversidade de tipoloxías recuperadas. Francia, Holanda ou Dinamarca teñen moita tradición, mais aquí logrouse moito con moi pouco. Non somos os primeiros no número de embarcacións, pero si na diversidade de tipoloxías, son máis de vinte e hai representantes vivos, navegando”, sinala José Luis Sacau.

O Encontro é unha exhibición, unha gran festa da cultura mariñeira, explica Sacau, na que participantes e veciñanza reúnense e conviven. Cada dous anos, nun porto diferente. O anterior tivo como escenario A Guarda. A mes e medio vista, esperan xuntar este ano entre oitenta e noventa barcos.

Culturmar ten un censo de embarcacións de construción tradicional en madeira. Mais tamén inclúe neste tipo de eventos outras embarcacións históricas non realizadas en madeira. Polo xeral son barcos que se utilizaron para a pesca ou para o comercio marítimo, aínda que en Lugo unha das asociacións recuperou unha barcaza que cruzaba o Miño. As zonas do país máis enérxicas neste labor de recuperación son as Rías Baixas no sur, e, no norte, Ferrol, Sada e Ribadeo.

O Museo de Arxeriz traerá este ano unha barca de paso que se exporá no recinto do Encontro. O evento apela á cidadanía do lugar cunha campaña de voluntariado que xa comezou e outra de concienciación da veciñanza para que apoie a festa decorando a vila con motivos mariñeiros. O centro das actividades está no programa de mar, as navegacións, desde o izado de velas do xoves pola tarde até as rutas polo litoral de Moaña e pola ría de Vigo. Neste apartado tamén se promove a navegación inclusiva para persoas con disfuncionalidade. Hai programa infantil, animación de rúa, exposicións de obxectos e fotografías, concertos e mostras de artesanía, empezando pola carpintería de ribeira.

Irmandina, dorna xeiteira construída en 2003 nos estaleiros Garrido do Grove. Foto: Culturmar.

O BIC, o próximo obxectivo

Somos o evento de maior prestixio na Península Ibérica. Despois de catorce edicións, iso xa o temos gañado. O que nos interesa agora é que novos portos galegos se animen a acoller esta iniciativa”, comenta o presidente de Culturmar. “En canto á conservación e á preservación da frota unha das cuestións máis candentes é o recoñecemento oficial desa frota, a catalogación como Ben de Interese Cultural, obter o BIC. Estamos xestionando iso. A carpintería de ribeira xa ten ese recoñecemento. Todo o conseguido até hoxe, e estamos falando dunhas trescentas embarcacións rexistradas, foi grazas ao voluntariado. Agora fai falta consolidalo e para iso necesitamos que esas embarcacións poidan estar amarradas de maneira digna nos portos galegos”.

En Ogrobe, a asociación Amigos da Dorna Meca anuncia que acudirán a Moaña con embarcacións, “case seguro por mar, nunha travesía dunhas sete horas”, di Martín Peixe Rodríguez, o seu presidente, quen conta como unha das barcas foi reparada nun estaleiro grazas a unha subvención, porque eles, máis dun cento de socios, ocúpanse do mantemento básico –“o lixado, o rascado, a pintura… un tanto aburrido porque na cuberta é rápido mais meterte dentro e buscar as esquinas non tanto”, admite Martín–. Alí Portos de Galiza fixo un embarcadoiro e prometeu que ía ser para os barcos tradicionais. “Pero alí hai de todo e por riba as tarifas non son as que deberían”.

Os Amigos da Dorna teñen 4 dornas e un racú que este ano non moverán para o Encontro de Moaña. As dornas responden á tipoloxía da zona: son dornas mecas, coa proa algo máis elevada “como se adoitaban a facer aquí”. Nos anos oitenta un grupo de veciños empezou a preocuparse por coidar a tradición. A ría de Arousa é un dos refuxios da dorna. “Case en cada casa había unha, son pequenas e fáciles de manter”, di o presidente. E no Grove prepáranse para gozar do verán. O 10 de xullo teñen a Regata dos Faros (que chega á 23ª edición) e en setembro a Regata Porto Meloxo (13º edición).

En Combarro, a sede do Clube Mariño A Reiboa, aquel que botou o Luísa hai máis de vinte anos, celebran o 21 de agosto a concentración de embarcacións tradicionais. A tradición segue viva. 

A cultura mariñeira tradicional ten futuro. Con todo, é difícil manter este estilo de construción xa que as relacións co mar mudaron e as carpinterías de ribeira tiveron que adaptarse aos novos tempos para construír en fibra… O noso papel consiste hoxe en que esa cultura non se perda e se manteña viva, que non se convirta nun fósil de muse e que non se perdan as palabras, as faenas, o patrimonio de infraestruturas nin a maneira de navegar a vela”, resume José Luis Sacau.

Rei do Mar, galeón de ría de 1958

As outras citas do verán

Traíñas

A quinta edición da Bandeira Cidade da Coruña abrirá os días 3 e 4 de xullo a Liga da ACT (Asociación de Clubes de Traineras), a primeira división do remo no Cantábrico na que compiten embarcacións vascas, cántabras, asturianas e galegas. Despois de dezaoito edicións Urbaiai encabeza o palmarés con 7 títulos. O último gañador en categoría masculina foi Santurzi. A competición regresará a Galiza a segunda fin de semana de agosto co disputa da Bandeira de Rianxo (o día 8) e a de Boiro (o día 9), que chega á súa 31ª edición. A Bandeira de Ares disputarase o 28 de agosto e o 29 a de Moaña, a máis veterana, xa con trinta e oito edicións ás costas. A Sociedade Deportiva Tirán regresa á Liga ocupando a praza de Kaiku.

Na Liga feminina, que leva doce edicións, Pasaia suma cinco títulos aínda que os dous últimos foron para Orio. Este ano só celebrará unha competición en Galiza, a da Coruña esa primeira fin de semana de xullo.

A Liga galega en categoría masculina, empeza o 26 de xuño en Muros. Disputaranse once regatas antes de coñecer as dúas embarcacións que se clasificarán para o play-off de ascenso á Liga ACT en Bermeo e Portugalete.

Embarcación da Sociedade Deportiva Tirán, que volverá competir na Liga ACT. Foto: Tirán

Piragüismo

O inesperado ano olímpico 2021 será tamén o ano da Ruta do Río de Ouro, unha competición de larga distancia para embarcacións K2 e C2 deseñada polo tudense Iván Alonso, un habitual deste tipo de probas, que trazou unha carreira con saída en Quiroga e meta en Salvaterra seguindo os cursos do Sil e do Miño en tres etapas cun recorrido de máis de cen quilómetros. A proba presentouse a finais de maio en Castrelo do Miño. A saída está prevista para o 25 de xuño en Augasmetas, con chegada nos Peares despois de case 50 quilómetros.

Cun ollo nos Xogos de Río, onde o piragüismo será a disciplina con maior representación galega, os deportistas e afeccionados teñen marcadas varias citas no calendario. O 7 de agosto é a data fixada para a 27ª edición da Baixada Internacional do río Umia (Ribadumia). O 21 dese mes Tui acolle o 50º Descenso Internacional do río Miño. En Pontedeume, o 4 de setembro, terá lugar a 54ª Baixada do Eume, a mesma edición á que chega o Descenso Internacional do río Sil (no Barco de Valdeorras) o día 11.

Surf

No ano no que o surf se convirte en disciplina olímpica, o Pantín Classic de Valdoviño chega á súa 34 edición como unha proba consolidada no calendario da World Surf League. O evento celebrarase entre os días 26 de xuño e 4 de xullo. A edición do 2020 consagrou a dous surfistas portugueses: Teresa Bonvalot e Vasco Ribeiro. Este ano a organización volve subliñar o seu perfil ecolóxico e insistirá en utilizar materiais recuperábeis na construción das instalacións na praia.

Unha competidora durante o Pantín Classic de 2018. Foto: WSL/ClassicSurfPro

Vela

A Coruña e Rianxo celebraron xa a pasada fin de semana as primeiras regatas tradicionais do verán. As seguintes citas no calendario galego terán lugar estes próximos días de xuño en Ribeira, Ares e Portosín. A actividade será aínda máis intensa en xullo, coas regatas de cruceiros na Coruña (campionato estatal norte nos días 2, 3 e 4), o Trofeo Conde de Gondomar, do 23 ao 25, e a 48ª Edición da Rías Altas, tamén na Coruña, entre o 29 de xullo e o 1 de agosto. Nese mes de agosto están programadas a 31ª Semana Náutica de Ribadeo, do 9 ao 15; a 57ª Regata Rías Baixas do Náutico de Vigo, a proba decana da vela no país. En setembro, Sanxenxo organiza o campionato europeo da clase 6MR.

Nun ano sen as mediáticas regatas oceánicas tocando as costas galegas, a atención estaba posta na Iacobusmaris. Así como Iván Alonso se inspirou na historia romana do Sil e do Miño para lle dar forma á súa aventura en piragua, os deseñadores da Iacobusmaris recorreron á lenda do Apóstolo para debuxar unha ruta desde o porto palestino de Jaffa até Compostela. A pandemia atrasou o evento un ano e celebrarase no 2022. A idea consiste en celebrar unha regata de grandes veleiros en catro etapas (Jaffa-Xénova, Xénova-Valencia, Valencia-Sevilla e Sevilla-Vigo). Barcos espectaculares, como o colombiano Gloria, con 76 metros de loxitude e tres mástiles; o dinamarqués Gulden Leeuw, de 63 metros, ou o británico Pelican of London, de 45 metros. A iniciativa conta co respaldo institucional da Xunta de Galiza.

Pode que che interese:

Publicidade

Publicidade

2 comentarios en “Navegación a contratempo. Recuperando as embarcacións tradicionais no litoral galego”

  1. Vexo na vosa magnífica reportaxe unha fotografía dun “Anguleiro, un xeiteiro encargo da Asociación Mariñeiros de Bouzas aos Irmáns Marrocos de Lanhelas”.
    O meu pai, Santiago Signo López, era modelista naval e por encargo do Museo do Mar de Galicia construíu unha maqueta dunha destas embarcacións.
    Lembrábaas de neno (viviu na Garda). Para documentarse foi a Portugal, onde se conservaban mais e en mellor estado. Fai uns 15 anos estivo nun encontro de embarcacións tradicionais en Lanhelas.
    Segundo el, en Galicia chamábaselle “anguleiro”, “anguieiro”, “angüeiro” e en Portugal “carocho”.
    O modelo está exposto no Museo do Mar de Galicia en Vigo co resto das súas creacións, algunhas tamén embarcacións tradicionais como un galeón de ría ou un patache.

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!