Vinte (e pico) embarcacións que fan de Galiza un país de seu

Publicidade

A décimo quinta edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais que se celebra en Moaña ficou suspendida pola situación sanitaria. Os barcos non poderán lucir no mar até que amaine o temporal da Covid.

Este é un breve resumo da riqueza da cultura mariñeira que se ía exhibir en Moaña.

Embarcacións que fan de Galiza un país de seu

A continuación deixamos unha reportaxe onde repasamos as diferentes embarcacións que se poderían ver no Encontro de Embarcacións Tradicionais de Moaña. Na Galiza temos unha enorme riqueza patromonial que cómpre defender e poñer en valor. Son embarcacións sinxelas e ligadas ao traballo, coñéceas!

O ceo de Ons

“A vida na illa facía sentir a un nas súas proporcións, a pequenez, a miña pequenez diante da enorme cúpula do firmamento. Era san estar na illa porque un mesmo decatábase de que neste mundo un é moi pequeno”. Así falaba Staffan Mörling da illa de Ons, onde chegara como etnógrafo e acabou casando e vivindo.

Mörling era un investigador sueco que descubriu para o país a enorme riqueza patrimonial que agochaban “os barcos dos pobres”. Faleceu no 2006, máis de corenta anos despois de ter chegado a Galiza e percorrer “todo o litoral galego para fotografar, facer planos, recoller a rica terminoloxía e o xeito de vida do bote de Ribadeo e da ghamela da Guarda, dos barlotes de Bares e dos trincados de Ferrol, das lanchas de Caldebarcos e de Fisterra, das dornas de Ons e de Ribeira, dos carochos do Miño e das chalanas, faluchos e tantos outros barcos de madeira que poden verse na monografía As embarcacións tradicionais de Galicia (1989). Está obra é a innegable ‘Biblia’ do movemento de recuperación do patrimonio marítimo e fluvial galego (e do norte de Portugal)”, escribiu Francisco Fernández Rei nun artigo na Revista Ardentía.

“Lembro moi ben que estaba feliz, e eu non me explicaba por que eu estaba realmente feliz… sempre contento, sempre en harmonía, sempre tomando unha decisión positiva da vida, do entorno, de todo…”, comenta Staffan Mörling nun documental sobre como eran as cousas nas Ons naqueles anos que xa pasaran.

O rescate do mar

“Os estudos de Mörling suscitaron o interese doutra xente neses barcos históricos e, ao mesmo tempo, puxeron en valor o labor do mariñeiro, que durante moito tempo fora menosprezado… un oficio de pobres, inferior”, conta José Luis Sucau, presidente de Culturmar, o colectivo que prolonga hoxe a tarefa de rescatar do esquecemento barcos, artes e oficios ligados á mar.

Son embarcacións sinxelas e ligadas ao traballo, ese espello do ceo, parte da inmensidade que gobernaba os días daquela vida na illa de Ons.

As asociacións que fan parte de Culturmar dedícanse ao rescate dos saberes e das ferramentas do mar. “Recuperamos aquilo con moito orgullo”, apunta Sucau, antes de explicar algunhas particularidades da flota galega, como a vela de relinga (habitual nas dornas, nas lanchas xeiteiras e nas bucetas), quen ten forma trapezoidal e levanta moito máis do que ocupa na base.

“Os nosos útiles para a navegación proceden na súa maior parte do Mediterráneo. Loxicamente, os barcos adaptáronse ás condicións do mar e das costas. A tipoloxía primitiva procedente do Mediterráneo puidera ter sido a da lancha xeiteira, e a partir dela chegaron todas as evolucións e modificacións”. 

A nivel europeo, Galiza é un dos países que máis tipos de embarcacións tradicionais ten catalogadas. “O catálogo é amplo porque tamén é ampla a diversidade do litoral, por exemplo se nos comparamos coas costas mediterráneas. Aquí temos mares como o da Costa da Morte ou as viraxes dos cabos xunto a mares moi calmos como o das rías. Esa variedade deu lugar a diferentes solucións técnicas”, resume Sucau.

Os tipos

As características máis importantes para definir o tipo de embarcación son o tipo de construción do casco –a tope ou a calime–, a forma do casco –redondeada ou plana–, a simetría ou asimetría entre a popa e a proa, o tipo de vela e a quilla. Todo, en madeira.

Barcos de río

Lancha de Chantada. No Sil e no Miño, construción a tope –as táboas batendo unha contra outra– e fondo plano ou de media construción. A remo. Utilizada para transportar gando e mercancías.

Barco de dornas. No Sil e no Miño, tamén no Cao e no Avia. De construción a tope, dous cascos de fondo curvo e utiliza remos.

Carocho. Bote meixoeiro do Miño que algúns consideran introducido polas invasións viquingas a partir do século IX. Construción en calime, alongada, de fondo en uve, coa popa e a proa case simétricas, remos de pas curvadas e vela trapezoidal.

Barcos de até 6 metros

Gamela de Coruxo. De construción a tope, fondo plano e forma rectangular, duns cinco metros de eslora e vela trapezoidal. Utilizada para pesca e marisqueo no interior da ría.

Gamela da Guarda. De construción a tope, fondo plano e característica cor vermella pola mestura de brea, alcatrán, graxa de sardiña e almagre. Con vela de martelo.

Chalana. A máis habitual nas costas do país. Emprégase para pesca e marisqueo. Construción a tope e fondo plano. Ten forma triangular, coa proa afiada e a popa cortada ou en espello. A remo.

Buceta. Embarcación lixeira, a remo ou a vela. Vela de relinga (a típica galega) nas bocas das rías, mais vela latina de pico nos portos do interior. Construción a tope, casco redondo e popa e proa simétricas.

Bote da ría de Vigo. Como todos os botes, é de construción a tope e casco redondo. Popa de espello, recta. De vela triangular, cunha percha característica que o distingue das outras variedades.

Bote de Carril. De construción a tope e casco redondo, popa de espello e monta vela latina.

Outros botes: Bote de Ribadeo (foto 10), bote polbeiro de Ferrol (foto 10 bis)–a principal característica é que leva cuberta–.

Bote de media construción. Entre unha chalana e un bote, con caso en uve (inclinado). Eslora de apenas 4 metros. A remo e a vela (latina) con martelo. Proa en pico e popa recta.

Polbeiro de Bueu. Un barco pesado, de aspecto barrigudo, con proa e popa simétricas. A vela.

Barcos de até 7 metros

Lancha xeiteira. Empregada na pesca da sardiña. Os restos da última xesteira foron desenterrados en Carnota en 1991. Foi recuperada a súa construción. Construción a tope e casco redondo. Vela trapezoidal. Proa e popa simétricas.

Racú. Tamén para a pesca da sardiña. Derivada da traiñeira. Construción a tope e casco redondo. Vela ao terzo.

Dornas de tope, meca, xeiteira. Embarcacións típicas das Rías Baixas, tamén de posíbel orixe viquinga. Construción en calime (15 c) –tamén a tope (15 b)-, casco en uve, proa redondeada e popa cortada. A dorna meca ten a proa lanzada (caída). As dornas montan vela de relinga. Tamén remos longos de dúas pezas e pa curvada.

Barcos de máis de 8 metros

Galeón. Dedicados ao transporte de mercancías, sobre todo nas Rías Baixas, até comezos do século XX. Construción a tope, casco redondo. Proa recta e popa moi inclinada. Emprega unha gran vela cangrexa, e foque e trinqueta na proa.

Tarrafa. Embarcación de tipoloxía cántabra, aparece a principios do século pasado. Casco longo e lixeiramente curvado. Eslora duns 14 metros. Usada para pesca de cerco, hoxe tamén como transporte turístico. Construción a tope, casco redondo. Motor e vela.

Traiñeira. Tamén de procedencia cántabra a finais do XIX, principios do XX. Usada para a pesca da sardiña. Construción a tope, casco redondo. Navegación a vela latina e tamén ao terzo, e con remos; entre 14 e 20 persoas. Hoxe queda un só barco, o Vigo 05.

Trincado. Barcos de cabotaxe moi utilizados entre a Costa da Morte e o porto de Xixón. Eslora de até 17 metros. Construción a tope, casco redondo. Navegación a vela de relinga, que mudou a vela cangrexa con foque co paso do tempo.

Balandro. Hoxe en día tamén só navega un barco destas características, o Joaquín Vieta, de principios do século pasado. Balandro de dous paus e 18 metros de eslora, construído a tope e de casco redondo. Empezou como embarcación de cabotaxe.

O labor principal das asociacións que continuaron o traballo do etnógrafo Mörling xira na actualidade ao redor dos barcos, “non porque sexa o máis importante, pero si o máis visíbel, é a porta para que a xente se interese por outros elementos patrimoniais, desde as artes e os estaleiros á toponimia mariña e o léxico”, conclúe Sucau.

Publicidade

Publicidade

Pode que che interese:

A Festa dos Maios

Na cultura galega, como en tantas outras, existen ritos e tradicións de exaltación de distintos ciclos do ano. Así, temos ritos coma os de defuntos, nadal e entroido ou o dos maios, unha exaltación do renacer da natureza.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!