O 17 de agosto, o Día da Galiza Mártir, e as eivas da memoria

Publicidade

“É obriga das institucións homenaxear a quen defendeu as liberdades”, di Valentín G. Bóveda. “O 17 de agosto representa o nacionalismo galego en todos os seus vértices”, explica Uxío Breogán Diéguez.

O Día da Galiza Mártir, impulsado por Castelao no exilio bonaerense en 1940 segue esperando ser recoñecido polas institucións democráticas galegas cando pasaron oitenta anos desde que se celebrou a primeira homenaxe a Bóveda e outras vítimas do fascismo.

Homenaxe da colectividade galega de Bos Aires a Alexandre Bóveda, 1945. Fondo do Consello da Cultura

A memoria no exilio

O Día da Galiza Mártir do 2003 marcou un antes e un despois. Mais foi a cúspide. Foi a celebración máis notábel das que se tiñan organizado até ese ano na Galiza, pero tamén das que viñeron despois…

No 2003 festexouse o centenario do nacemento de Alexandre Bóveda (Ourense, 4 de xuño de 1903-Poio, 17 de agosto de 1936). Bóveda é a figura central do Día da Galiza Mártir porque en 1940 a Irmandade Galega sinalou a data do seu asasinato como a da homenaxe aos mártires galegos: o Día dos Mártires Galegos.

Alfonso R. Castelao acaba de chegar a Bos Aires (Arxentina) onde se asentou definitivamente despois de vivir o exilio noutros países. O exilio era forte e o galeguismo no exilio tamén o era. As comunidades galegas en América ían continuar a obra de Bóveda e outros mártires da causa nacional galega. Naquela altura, aínda había esperanzas de completar a obra na propia terra. Terra sementada de futuro, conceptualizou o nacionalismo para asumir a perda de Bóveda e outros.

O exilio galego era forte. A rede rede societaria galega tiña ademais en Bos Aires unha parte galeguista con entidades senlleiras como a Sociedade Nacionalista Pondal e o Centro Ourensán; e tamén empresarios como Manuel Puente. Había unha vontade firme de recompoñer o galeguismo alén mar, unha nova organización ao redor das figuras de Castelao e Antón Alonso Ríos”, lembra o historiador Uxío Breogán Diéguez, que foi o coordinador daquel centenario de Bóveda no 2003.

A Irmandade Galega, conta, tomou dúas decisións importantes desde o punto de vista propagandístico. Unha foi a de relanzar A Nosa Terra. A outra, elixir catro datas sobre as que asentar a conmemoración da patria. O 28 de xuño, o 25 de xullo, o 17 de agosto e o 17 de decembro. As datas do plebiscito sobre o Estatuto en 1936; o Día Nacional de Galiza; o Día dos Mártires Galegos.; e o Día da Queda das Liberdades, na mesma data que en 1483 fose decapitado Pardo de Cela por orde dos Reis Católicos.

“Eran unhas homenaxes a todas as persoas que se destacaron en favor das liberdades galegas, como así se expresaban as Irmandadas. E Bóveda, quen se singularizou en favor do Estatuto, empezou a adquirir esa dimensión, que ano a ano foi sendo maior que calquera outra porque dalgunha maneira sintetizaba aquela vontade que se quería poñer en valor”, explica Diéguez.

O 17 de agosto, como Día dos Mártires Galegos, festexouse por vez primeira en Bos Aires (e foise espallando a outras comunidades do exilio americano) no ano 1941. Despois, a iconografía privilexiaría tamén a Bóveda, cun famoso busto en bronce e, sobre todo, o lenzo de Castelao A derradeira lección do mestre.

Mais non só Bóveda

O 17 de agosto representa o nacionalismo galego en todas os seus vértices, segundo explica Uxío Breogán Diéguez. Bóveda é un deses vértices. O historiador sinala outros: Vitor Casas, Ánxel Casal e Xaime Quintanilla, “os catro foron vítimas de primeira hora do golpe de Estado”.

Casas, conta, e unha figura salientábel polo seu activismo militante, “mesmo era un arredista confeso, cuestión que non se pon en valor suficientemente”. Casas foi quen, con Bóveda, organizou a resistencia o golpe no Goberno Civil de Pontevedra. Alí foi detido. Fixera parte da ORGA, unha formación que, puntualiza o historiador, “foi creación de republicanismo coruñés e tamén das Irmandades”. “Casas abandonou a ORGA xa no ano 29, moito antes que Antón Vilar Ponte, por exemplo, e participou na creación do Partido Galeguisa”. Ademais, tamén foi director de A Nosa Terra.

Ánxel Casal era “o grande editor galego” que acabaría sendo alcalde de Compostela. Estaba en Madrid, como parte daquela comisión que fixo entrega do Estatuto plebiscitado nas Cortes. “Pero decidiu regresar sabendo o que se expuña”. Casal representa ese flanco institucional daquel nacionalismo, representa a todos aqueles que, como cargos políticos, foron asasinados polos sublevados.

Xaime Quintanilla foi un destacado membro Irmandades da Fala, secretario local Ferrol, e logo alcalde socialista “que se mantivo sempre no credo nacionalista, cun galeguismo de longa estirpe, pero non en partidos galeguistas”.

“A lista é máis ampla. Os mártires galegos tamén tiveron perfís como o de Pedro Galán Calvete e a Federación das Mocidades Galeguistas. Ou tamén os exiliados, como María Miramontes”.

Todos eses vértices do galeguismo tiñan reflexo no que, co paso do tempo, acabaría por denominarse Día da Galiza Mártir. “Permitiu, xunto coas outras datas sinaladas, compactar o exilio, particularmente o galeguista. Mais precisamente por facer unha mención directa o golpe que segou todo aquel esforzo democrático de construción nacional, o 17 de agosto tivo unha maior carga emotiva e suscitou as maiores adhesións, fóra mesmo do ámbito do nacionalismo”, resume Diéguez.

Xentes de credo galeguistas, socialistas, anarquistas celebraron os sucesivos 17 de agosto. A “plana maior” en Bos Aires. Pero tamén no resto das comunidades galegas espalladas por América.

Publicidade

Publicidade

Políticas públicas de memoria

“O primeiro que convén deixar claro é que non é o mesmo facer políticas públicas de memoria que políticas con memoria en público”, indica Valentín García Bóveda, “bovediano”, neto de Alexandre, presidente da Fundación Alexandre Bóveda que leva a maior parte do peso de manter vivo o Día da Galiza Mártir

Valentín García Bóveda explica como a Fundación conta co respaldo do Concello de Poio para organizar cada 17 de agosto a homenaxe central na Caeira, “a uns setecentos metros onde foi fusilado Bóveda”, como “colaboran” no resto de actos que se celebran polo país, como lle produce certa decepción ter que seguir liderando unha demanda, a da oficialización do Día da Galiza Mártir, diante dunhas institucións públicas que non escoitan nin atenden as súas responsabilidades.

“Resulta curioso que neste país todos os que están no goberno se declaren galeguistas, herdeiros de Castelao e Bóveda. Se tan galeguistas son, non se comprende porque a Fundación leva once anos pedindo que se institucionalice a data e non acaba de conseguirse e temos que volver unha e outra vez sobre o mesmo cando non é o noso papel, non é un dos obxectivos da entidade. Os legatarios somos todos, a cidadanía en xeral, e é obriga das institucións homenaxear a quen defendeu as liberdades”.

Monumento a Bóveda na Caeira. Imaxe: Wikipedia

García Bóveda asinou as máis de 300 peticións por rexistro a concellos e deputacións. “Despois de once anos, terase aprobado en sete ou oito concellos e nas deputacións de Ourense, hai un par de anos, e de Lugo, este mesmo 2021”. En Ourense, a proposta chegou o pleno da man do PP de Baltar e o BNG abstívose; en Lugo foi o BNG quen tomou a iniciativa e os populares quen se negaron a apoiala.  

A Fundación declárase atenta tamén aos diferentes perfís do Día da Galiza Mártir. O seu presidente indica os distintos perfís da data, en relación tamén á figura do propio Alexandre Bóveda. “As homenaxes teñen que cubrir desde un perfil institucional, de aí o acto na Caeira, até un perfil persoal ou máis íntimo, no cemiterio; pasando polo perfil relixioso, non esquezamos que Bóveda era moi relixioso e penso que hai unha corrente galeguista moi necesaria nese ámbito, con Irimia e os xesuítas que reivindican Bóveda como mártir cristián, e de aí a misa… Ese é o enfoque que lle intentamos dar, mais cando entran partidos ou Administracións, mudan as cousas”.

Valentín G. Bóveda comenta como o acto de maior perfil político, a celebración na praza Curros Enríquez en Pontevedra, foi virando cara unha celebración de partido, do BNG. “Sucede que o BNG, como goberno local na cidade, ten unha gran capacidade de mobilización e iso foi acentuando ese carácter de acto de partido, por iso desde a Fundación pensamos que se debería repensar a celebración para que máis cidadáns se acheguen esa celebración”.

“Nós, a Fundación, distinguimos perfectamente que gobernos son galeguistas e cales simplemente se declaran galeguistas e non o son na praxe. O perfil galeguista tamén ten que estar no Día da Galiza Mártir, como unha celebración do galeguismo aberto e plural. Se de políticas de memoria falamos, aquí non debería haber diferencias. Mais é certo que seguimos precisando de moita didáctica. Para min, o galeguismo é nacionalismo, aínda que esta etapa democrática fose mudando o significado dos termos”.

É Bóveda un descoñecido?

En Ogrobe levantouse un monumento dedicado ao insigne escritor Alexandre Bóveda… “O nome soa, e máis desde o esforzo de divulgación de 2003 e todo o que seguiu até o Ano da Memoria de 2006 e posteriores; Bóveda soa pero asociado a algo cultural, métese nun saco xunto á Xeración Nós”, recoñece o presidente da Fundación Alexandre Bóveda.

“Ese si é o noso obxectivo. Dar a coñecer a figura daquel perito mercantil que deseñou un Estado do Benestar antes de que se coñecesen as propostas de Keynes, quen creou a Facenda galega para o Estatuto do 36, un político galeguista de galeguismo practicista, que pensaba que as galegas e os galegos nos fariamos galeguista en canto caésemos na conta de canto pagamos ao Estado e que se fai e que se podía facer cos nosos cartos”, di García Bóveda. “Esta pode que sexa a parte máis actual de Bóveda, que hoxe se entenda mellor do que se entendía na súa época. Por exemplo, todo este asunto da invasión eólica, pois el diría que a resposta que hai que dar sería: se temos que montar eólicos, sexamos potencia, e non sexamos os que poñemos a terra para que outros se forren. Iso, que é o que está a pasar, non o faría nunca ningún galeguista. Iso é antigaleguismo.”

Comisión do Estatuto en Madrid o 15 de xullo do 36. No centro, o presidente das Cortes, Martínez Barrio, con Ánxel casal e María Miramontes

“No 2003 chegamos ás escolas, aos concellos, mesmo ás universidades. A figura de Bóveda, a súa militancia heroica, púxose en valor. Gañamos “bovedianos” para a causa. E Bóveda adquiriu unha relevancia no imaxinario colectivo galego que até onde non tivera. Mais todo mudou a peor desde 2009, coincidindo co final do bipartido aínda que non só a consecuencia deste factor institucional”, lembra Uxío Breogán Diéguez.

O historiador explica como o movemento memorialístico no país foi perdendo forza. “Producíronse cambios social que afectaron o propio movemento máis alá da data do 17 de agosto. Hoxe nin Bóveda nin a memoria das vítimas teñen a presenza necesaria. A eclosión daqueles anos da primeira década do século, for polo avellentamento das persoas que impulsaban os colectivos de memoria, for por unha falta de relevo macizo e numericamente cuantioso, a memoria decaeu”.

Desde a Fundación Alexandre Bóveda tratan de moverse neste contexto que ten outra compoñente inquietante: o auxe do fascismo.

O fascismo sempre aparece cando o capital ve perigar os seus intereses económicos. Entón, anima o fascismo. Vimos dunha crise e estamos no comezo doutra. Estes non son franquistas, porque a democracia non lles permite actuar como franquistas, pero son “añoradores”, cos mesmos argumentos de comezos do século XX. O problema é que en España impúxose o esquecemento sobre o que aconteceu, e por iso teñen máis sinxelo todo, con políticas públicas de memoria seriamos conscientes de onde nos levou ese discurso, do perigoso que é. Mesmo pretenden re-definir os Dereitos Humanos”.

E Valentín García Bóveda, “bovediano”, neto e admirador da obra do avó asasinado precisamente pola besta fascista cando apenas contaba 33 anos, un 17 de agosto a escasos setecentos metros do memorial que hoxe lle rende tributo na Caiera (Poio), volve mirar cara as institucións que representan, ou deberían, ese muro contra o fascismo de novo cuño e vello discurso.

“Se é certo que como sociedade fomos quen de recompoñernos daquel horror, deberiamos ser quen de homenaxear sen complexo ningún ás vítimas de crimes de lesa humanidade. E se temos, como memorias, facer autocrítica, fagámola. Algo non teremos feito ben nestes anos para que ese discurso fascista teña a aceptación social que ten”.

Monumento a Bóveda en Ourense.

Pode que che interese:

Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro do ano 1913 e faleceu en Vigo o 26 de novembro do ano 2010. Escritor, editor, crítico literario e militante do galeguismo, foi un activo loitador pola lingua e cultura galega até o seu falecemento.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!