Crenzas e lendas asociadas con animais

Publicidade

Como indicamos noutro artigo sobre ditos e refráns de animais, unha parte importantísima do refraneiro representa o mundo rural, e iso ten todo o sentido do mundo xa que a sociedade galega foi amplamente rural até ben entrado o século XX. Isto é aplicable ás crenzas e pensamentos sobre animais, o contacto con estes, os contos, a influencia da igrexa e en definitiva, a relación con eles no medio en que vivían e traballaban determinou a construción de auténticas crenzas que tocan a curuxas, mouchos, lobos, raposos, cobras, corvos, etc. Mesmo moitos animais traspasan as crenzas e penetran no mundo dos seres míticos, sen esquecer que durante séculos foron parte do sistema de culto e adoración. Todo isto forma parte do noso patrimonio inmaterial e está abondo analizado polo mundo da antropoloxía.

Con este continuo abandono do medio rural estas crenzas foron desaparecendo xa que no novo contexto de vida urbano, apenas temos contacto con eles e a súa presenza non inflúe nas nosas vidas nin fan parte das novas crenzas. Será que o novo tempo edificará novas crenzas sobre cans, gatos, gaivotas, ratos, pegas ou pardais? Quen sabe, mais é posible, véxase a crenza e mesmo imaxe negativa que hai sobre as gaivotas, en moitas ocasións esaxeradas e cargada de mentiras, mais que moita xente acredita, e isto que no pasado aconteceu con outros animais, son relatos que teñen un sentido histórico e contextualizable nas épocas pasadas mais que co paso dos anos foi altamente esaxerado, e mesmo algúns animais altamente criminalizados. De feito, todo tipo de sociedade ten as súas lendas e crenzas, e iso é así desde que o mundo é mundo, mesmo na actualidade xa se teñen mitificado a historias e figuras dos anos 70, 80, 90…por moito que coa dominación do mundo urbano todas estes pensamentos fosen vistos como a representación do atraso

Neste artigo queremos tocar as crenzas e lendas que temos asociadas aos principais animais nesta nosa cultura galega, se ben é un artigo en permanente actualización polo que non lle sorprenda ao lector se bota en falta algúns. A Catedral de Santiago que vemos hoxe é resultado dun traballo de séculos.

O Raposo

Este animal ten unha presenza moi importante en moitas culturas e forma parte do seu corpus mitolóxico, desde Grecia até Roma, Xapón, Inglaterra, Finlandia, Rusia ou Galiza, entre outras. O motivo é a súa abundante presenza ao longo da historia e a súa interacción co ser humano, o que o levou a formar parte de lendas, mitos, contos e do día a día das sociedades labregas.

Así, en Galiza é considerado un animal moi astuto xa que se cre que pode simular a súa morte como por exemplo cando unha persoa o colle nun galiñeiro. De feito, na elaboración deste artigo, contamos con dúas testemuñas de máis de 80 anos que nos contaron que era habitual pensar que o raposo podería incluso deter o seu corazón para dar maior credibilidade á súa morte. Mesmo a  tradición oral galega ten cantigas para afastar o raposo dos galiñeiros. Outra moi coñecida é que ver un raposo macho estando en xaxún sería un sinal de bo agoiro mais todo o contrario se o que vemos é unha femia.

No noso país tamén ten nomes como Perico, Domingos, Rabiscollo, Pedro, Xan, etc. Faise para enganalo, xa que se non te referías a el como raposo este non se daría por aludido e sería máis sinxelo dar con el. Sobre estes nomes e a súa intelixencia ten escrito Álvaro Cunqueiro, quen afirmaba que non só era o animal máis antigo de Galiza senón que era o único mamífero do noso país que coñecía á perfección a lingua galega

Na actualidade segue a gozar de moi mala imaxe, mesmo asociado á morte das galiñas cando en ocasións son outros animais quen as matan, e por desgraza no noso país segue a ser cazado se ben é certo contra unha oposición maioritaria da sociedade.

O Lobo

Tal é a importancia da presenza do lobo no noso país que podemos atopalo presente na tradición oral, lendas, mitoloxía, toponimia, crenzas ou mesmo na arquitectura. Existe un concello chamado Lobeira! Se falamos da presenza do lobo na cultura popular, temos que referirnos si ou si ao lobishome ou licántropo, que non deixa de ser un home que se pensa lobo e que polo tanto ten un comportamento similar a el, tendo aquí o caso de Manuel Blanco Romasanta, ao que lle chamaban o lobishome de Allariz ou o sacaúntos.

Por suposto existen moitas lendas asociadas a este animal, como pode ser a que conta que se che intenta atacar un lobo o mellor que podes facer é espirte, así dese xeito fuxirá xa que só atacan a persoas vestidas. Non podemos esquecer de falar do loberno, unha criatura máxica que se pensa que é froito da unión dunha raposa e dun lobo e que ten capacidade para paralizar a xente coa mirada e, tamén, de ver a través das paredes.

Na zona da Limia recolleuse a lenda dun lobo branco do cal din que se é visto ouveando enriba dun penedo significa que vén anunciar a morte dunha veciña ou veciño.

En canto a arquitectura e crenzas, a existencia dos foxos de lobos é indicativo da presenza e interacción que tiveron co ser humano durante séculos, recintos construídos pola comunidade e nos que participaba tamén a propia comunidade. Nos foxos do lobo de Entre Cabezas (Viana do Bolo), Covateiras (Bande) e Chaguazoso (Vilariño de Conso) as lendas e crenzas contan que estes foxos en forma de cruz eran feitos deste xeito para dar co lobo da xente, o lobishome, un becho que baixaba ás aldeas a comer ás persoas. Na zona de Bande din que este se alimentaba de persoas e ía cunha capa negra

Na actualidade posiblemente sexa o animal que goza de pior fama.

O Moucho, a Curuxa e o corvo

O berro da curuxa considérase desavegoso e o anuncio dunha morte que chegará cedo ao igual que se a vemos pousada no tellado, mesmo fálase dela como representante do demo. Existía tamén unha macabra crenza que dicía que se cravas unha curuxa enriba da porta, esta estaría protexida dos lóstregos e desgrazas. O curioso é que nas culturas pagás (tamén en Galiza) tiñan unha imaxe positiva de feito adoitaban ser adoradas ou mesmo ter fama de traer boas novas, o que indica a influencia da cristianización.

Tamén do Moucho, a Pega e o Corvo dise que son paxaros de mal agoiro, portadores da morte e que os seus berros xeran auténtico temor. No caso do corvo existe un dito que di “Corvo agoireiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta”. Con todo, había debate tamén sobre a presenza do corvo ou a pega era sinal de mal agoiro xa que algunhas crenzas dicían que tanto podía ser un bo ou mal sinal.

Avelaíñas

Sobre as avelaíñas di a tradición que son portadores de agoiros. Contan que son as ánimas dos nosos defuntos que veñen nese período de regreso do Alén visitarnos por iso a xente vella dicía que non podías matala. Se a avelaíña é branca indica que van vir boas novas mais se é negra, hai que agardar novas moi malas. Polo tanto cando vexas unha, abre a xanela e deixa que lisque mais non a mates.

As serpes

As serpes están moi presentes no corpus de crenzas da cultura galega, tanto de xeito positivo como negativo. No pensamento cristián é considerada o mal, o pecado, pola contra, nas relixións anteriores ao cristianismo era considerada un animal asociado á fertilidade e as connotacións eran positivas.

Por exemplo, moitas mortes relacionábanse con mordeduras destas, aínda que a meirande parte non fosen velenosas, mais tamén Bouza Brey e Vicente Risco recolleron a crenza de que as cobras son amigas das mulleres e inimigas dos homes. Tamén a súa pel ten un papel positivo tanto para o parto da muller como para curar os catarros.

Na cultura galega e en moitas outras de Europa, África ou Asia, relaciónase ás serpes co leite. No caso galego dise que axexan ás mulleres embarazadas até que paren, e logo, pola noite, métenselles na cama e maman mentres que colocan a punta da cola na boca do neno como se fose un chupete para que non chore e esperte. (Galipedia)

A presenza das serpes é continua ao longo da historia de Galiza, fálase de invasións de serpes, da presenza destas mediante gravados nos petróglifos ou asociados a lendas en castros. Quizais os monumentos máis representativos poidan ser a Pedra da Serpe de Corme ou a serpe gravada no Castro de Troña.

Píntega

A píntega ou coñecida tamén como pinchorra, sacarrancha, salamántiga, etc. é un animal moi coñecido na nosa terra e da que hai crenzas moi negativas. Unha das crenzas máis habituais é a de que che pode matar se a tocas, pero mesmo coa súa simple presenza pode provocar enfermidades moi graves, de aí que en moitas ocasións fose queimada ao instante. Da pinchorra din que pode botar o aire e afectar ás persoas ou animais do seu arredor, mesmo contan que pode cuspir o veleno.

Abella

Da abella podemos contar moito, animal que está moi presente nas crenzas da sociedade galega. Por unha parte temos a desaparecida Danza do Abellón, rito funerario no que a familia, collidos polas mans, danzaban ao redor do corpo do finado facendo o zunido dun abellón. Este ritual celebrouse en Galiza e din que podería representar a saída da alma do corpo do defunto, algo común a outras culturas.

Por outra parte existe a crenza que ao igual que coas avelaíñas, as almas do mortos veñen do alén transformados en abellas, tendo un dito que di que “o que mata unha abella ten cen anos de pena” de aí o respecto que lle procesaban a estes animais. Sen embargo no caso dos abellóns é todo o contrario e o refrán di que o que mata a un abellón ten 100 días de perdón.

Por suposto destacar tamén que o mel ten multitude de propiedades curadoras que foron utilizadas nas sociedades rurais.

Donicela

A donicela recibe multitude de nomes en galego, entre os que podemos destacar o de denociña, denouciña ou doniña.

Antigamente tiñan moito temor a este animal, mesmo na actualidade aínda existe a crenza de que mata grandes animais e persoas. Ao igual que coa pinchorra pénsase que o seu alento pode chegar a matarte.

Donicelas a trabar, campaíñas a tocar.

En moitas ocasións era culpada de que as vacas deixaran de dar leite xa que dicían que fora trabada por unha donicela. Dise tamén que é agresiva coas persoas que visten de vermello e que persegue principalmente ás mulleres.

En canto a curacións contan que o sangue da donicela podía chegar a curar unha epilepsia e que ten a capacidade para curar outras enfermidades.

Polbo

Entre os mariñeiros había o medo de coller un polbo xigante que ataque e arrastre o mar. Ademais, cando se come polbo, non se debe beber auga, xa que din que eses anacos voltarán xuntarse no estómago para reconstruír o animal.

Era habitual tamén non comer polbo os meses que non teñen a letra erre, ousexa, desde maio até agosto. De feito hai un dito que di “mentres cante o cuco, non comas raia nin pulpo”

Outra lenda é a de que as embarazadas non poden comer polbo xa que se manchan a cara co aceite, a crianza nacerá con manchas por toda a pel.

Vacaloura

Sobre a Vacaloura ou Escornabois existiron diversas crenzas, algunhas non moi agradables a verdade. En canto aos seus cornos considéranse amuletos para a protección do mal de ollo. De feito, antes era habitual levalos no peito aínda que había quen os poñía na porta e nos carros, tamén era usado en remedios para distintas enfermidades.

En Orgullo Galego contáronnos que era habitual ter unha veciña ou veciño que quixera mal a alguén da casa, polo que as mulleres da casa metían os cornos de vacaloura no peto da camisa desa persoa. Por suposto, non mates a ningunha vacaloura para facer isto.

Na actualidade a vacaloura forma parte dos pesadelos de xeracións e xeracións que mediante o Xabarín Club escoitaron a tétrica Carmiña Vacaloura. Realmente isto é brincadeira, hai quen di que axudou moito a velas dun xeito positivo entre a poboación, quen sabe.

Cóntanos que coñeces sobre estas historias e se coñeces sobre outros animais. Coas vosas propostas faremos unha segunda parte.

Pode que che interese:

A Festa dos Maios

Na cultura galega, como en tantas outras, existen ritos e tradicións de exaltación de distintos ciclos do ano. Así, temos ritos coma os de defuntos, nadal e entroido ou o dos maios, unha exaltación do renacer da natureza.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!