A Serra do Galiñeiro é unha cadea montañosa presente nos concellos de Gondomar, Vigo, O Porriño, Tui e Mos na que se integra o Monte do Galiñeiro e o Parque Natural do Monte Aloia. O seu punto máis alto acada os 711 metros e é un espazo moi popular no que a xente vai facer sendeirismo, escalar ou mesmo pasar o día nos espazos habilitados que hai aos seus pés.
Nos últimos anos os agresivos incendios destruíron boa parte deste monte que se está a recuperar pouco a pouco aínda que a pegada dos lumes segue moi presente. Aos pes do monte existe un complexo arqueolóxico chamado petróglifos de Auga da Laxe, unhas representacións datadas no Calcolítico.
Ao longo do Galiñeiro contamos con diversos lugares de interese etnográfico e xeolóxico, curros que aínda teñen uso na actualidade lendas asociadas á vella, ao demo e á becha, de quen falaremos neste artigo.
Un dos roteiros máis populares no Galiñeiro é o que che leva ao cumio, de feito é habitual percorrer o cumio xa que ten diferentes accesos. Nun dos puntos máis altos atopamos a mítica Cova da Becha, un lugar moi presente na mitoloxía da zona e na memoria da xente de Zamáns.
Esta cova era o fogar da Becha (tamén coñecida como Coca), unha serpe mitolóxica xigante e vella que se dedicaba a chuchar no ubre (tamén coñecido como remollo) das vacas lactantes da zona, co obxectivo de privar aos xatos da súa alimentación. Lembremos que os montes do galiñeiro contaban con moito gando polo que este estaba moi presente na vida diaria das xentes da zona.
Conta a lenda da zona que esta becha levaba séculos vivindo no Galiñeiro e a veciñanza da parroquia de Zamáns (Vigo) estaba moi preocupada xa que os seus xatos non medraban como os que tiñan noutras parroquias, culpando á becha por quitarlle a alimentación.
A situación era tan tensa que un día, dirixidos por un cacique, montaron unha comitiva con moitísimo ruído (fachos prendidos, sachos, fouciños…) que os levou moi preto da Cova, buscando que por medo fuxira da zona. En ningún momento estivo presente a idea de matala xa que o consideraban un animal mítico e polo tanto era inmortal.
A Becha ao escoitar tanto ruído decidiu fuxir cara a zona de Puxeiros mais os veciños decidiron botala o máis lonxe posíbel polo que a perseguiron ate os Montes da Madroa, ao carón de Trasmañó, onde xa non a volveron ver. Aínda así os veciños non estaban moi confirmados polo que decidiron deixar no monte a uns vixías por se a becha decidía dar volta, este punto de vixilancia está no monte do Vixiador.
Segundo contan os vellos, a Becha fuxiu ate Redondela, onde chegou nun estado moi precario, morta de fame e de sede polo acoso ao que foi sometido. Un veciño chamado Xan Carallás, cheo de compaixón por como a atopara, decidiu darlle de xantar e beber.
A becha tentou comer e beber mais o seu estado de saúde era tan malo e estaba tan triste por ter que fuxir e polo acoso ao que a someteran que acabou por falecer o xoves de Corpus. Din que de aí ven o motivo de sacar a unha Coca ese día en Redondela, aínda que as lendas desta vila teñen outra versión.
O máis sorprendente é que no ano no que faleceu a Coca, en Redondela tiveron unha das mellores colleitas que lembraban en anos, mesmo os mariñeiros tiveron abondoso peixe, nun día de traballo sacaban do mar o que antes levaba 1 semana.
Pola contra, en Zamáns viviron unha época de moitas penurias, o viño secou, apenas tiveron millo e patacas e en resumo a xente pasou moitísima fame. A veciñanza pensou que fora unha maldición polo que lle sucedera á Becha así que decidiron subir todos os anos ate a cova para deixarlle todo tipo de ofrendas, candeas prendidas mais especialmente leite fresco.
Aínda na actualidade os máis maiores da zona lembran destas ofrendas e da lenda, mesmo o grupo de punk-folk Falperrys dedicoulle unha canción.
Coñecías esta historia?
1 comentario en “A lenda da Cova da Becha na Serra do Galiñeiro”
Qué riqueza ten a nosa terriña en todos os sentidos!!!!