Desátase a polémica. Como non ligar cun galego! Desmontamos os 7 mitos.

Publicidade

Hai un tempo púxose de moda nos magazines de viaxes, corazón e chismorreos máis populares realizar intensos artigos de investigación que mostraban como era iso de ligar con un gallego. Porque si, amigas e amigos de Orgullo Galego, segundo a súa visión debemos ser unha especie de humanos algo pintoresca, mesmo extraña, sobre os que teñen que redactar guías de como comportarse connosco.

E o certo é que razón non lles falta. Algunha guía si que tiñan que redactar pero non para saber como ligar connosco, senón para que aprendesen a non destruír a nosa costa e as nosas praias cando veñen de vacacións. Ou a respectar a natureza cando fan o Camiño de Santiago.

Iso é outro conto do que falaremos nalgunha ocasión no futuro.

En todo caso, o tema que nos trae hoxe é desmontar os mitos que existen sobre nós á hora de realizar a acción do cortexo, de facer as beiras, de galantear. Porque se quen escribe estes relatos son como os expertos que afirman que os galegos non damos a “talla”, mellor deixalo xa.

Que si, que somos galegos e estamos orgullosos de selo, por iso escribimos nesta páxina e somos a maior comunidade en galego de internet, pero que non somos marcianos nin hai que tratarnos como se foramos nenos pequenos.

Imos ao lío…

Mito #1. Non o vas conseguir na primeira cita

Segundo parece, como somos así moi desconfiados e non temos claro o que queremos, respostaremos moitas veces “depende” ás preguntas e proposicións que nos fagan. Vaia, que segundo os brillantes redactores deste tipo de artigos para nós todo é relativo, e como non nos fiamos nin da nosa sombra, pois temos problemas para saber do que realmente gostamos ou non gostamos.

A quen non lle pasou iso de quedar con unha persoa e realmente non saber se queres algo do que che ofrece ou non porque… “depende”.

– Queres unha copa? – Depende. – Queres vir a miña casa? – Depende.

Como que depende, seguro que imos todos rapidamente, ou non? Pero que clase de conversas pensan que temos?

Mito #2. Resposta a todo con preguntas

O noso carácter desconfiado propio dun rural escuro e húmido fai que tampouco saibamos manter unha conversa normal. Que se gostamos de tal ou cal cousa? Pois dálle que nós sempre respostamos cunha pregunta.

Isto está bastante relacionado co anterior. Segundo estas guías sobre como conquistar o corazón dun galego, parece que o noso interlocutor ou a nosa interlocutora nunca vai ter claras as nosas intencións porque nunca seremos claros á hora de falar.

Obvio, como lles imos contestar claramente se logo nos van mover os marcos… en fin (nótese a retranca).

Publicidade

Publicidade

Mito #3. Ao ir comer hai que deixar algo de comida na fonte

Esta historieta da vergonza do galego de onde saíu exactamente? Se somos de bo comer, de bo beber e gostamos de todo o que sexa bo nesta vida. Non se entende que necesariamente teñamos que deixar algo por non sei que vergonza.

Que si, que se vés ligar cun/cunha galega podes comer o último anaco sen problema.

Mito #4. Aprende expresións que realmente case ninguén di

Este mito gústame moito, a verdade. Houbo que ir investigar a páxinas web en inglés para ver que aconsellaban aos turistas do resto do continente facer aquí. E resulta que nos atopamos que Galicia é “unha zona principalmente rural onde o contexto agrícola fai que teñan obsesión cos tractores e as vacas”.

Así, literalmente así.

Pode que a principios do século XIX gran parte da poboación galega entrara nesa descrición, pero desde logo no 2019 nada máis lonxe desa realidade. E non é algo que nos pareza ben nin é algo que nos pareza mal. Estamos orgullosos de todo o noso país, rural e urbano, e de todo o que se fai nel. Pero eses tópicos só existen para referirse a nós como brutos ou atrasados.

Vaia, volvendo á web inglesa esta. O autor recoméndalle aos seus lectores aprender frases como:

  • És máis juapa c’un arado con peghatinas.
  • Mosa, ¿fodes ou m’astorbas?
  • Nena dime quen é o teu xinecólogo para ir chuparlle o dedo!                   
  • Juapa! Bombón! Comíate, e para non cajarte, cosíame o cú!

E ademáis puñan anexa unha explicación para cada frase tal que así:

  • The plow is important in Galicia, and with stickers it’s sort of like a pimped out ride.
  • Another version of this; the last word is a pun, as it sounds like “do you masturbate?”

En fin… nada máis que dicir.

Mito #5. Repite moito que gostas do Licor Café e das verbenas

Parece ser que o único xeito de divertirnos que temos aquí é bebendo licor café e indo ás verbenas. Que tamén, naturalmente nós enchemos a licor café e imos á orquestra de turno, pero non só, ou?

Segundo os tips dos expertos en ligoteo galaico, sentiremos un estremecemento interno ao escoitar que nunca probaron tales manxares e organizaremos un ocio rural galaico inxerindo masivamente LK.

Non sei se con ocio galaico din de ir a Muimenta ou con ocio rural pensan que nós temos a un Koala de turno (o de Opa’viacé un corrá, non o animal… aínda que coa eucaliptización ben poderiamos).

Mito #6. Lluvia, gaitiña, gastronomía, subes o bajas?

Isto é reiterativo co comentado no punto 1 e 2, pero así de reiterativas son estas listas para ser unha especie de Don Juan Tenorio norteño. Que se chove moito e non vemos o sol, que se estamos tocando a gaita en torno ao lume, que se comemos moito (sempre deixando o último anaco)…

Non hai outros tópicos? Claro que chove, e ben que gostamos de ver a nosa terra verde e húmida, pero tamén fai sol. Tamén temos praias e montañas. Tamén hai outros instrumentos… e oh! Sorpresa! Na nosa terra fanse moitos estilos de música distintos. E as veces incluso tocan en escenarios antes miles de persoas e non só nunha lareira rural dunha casa sen luz eléctrica.

Mito #7. Se dicimos “riquiño” ou “riquiña” é que non queremos nada

Isto é o último e o máis importante. De onde saiu iso de que “riquiño” signifique que a persoa é pouco agraciada ou non gostemos dela?

Iso é un completo invento moderno que nada ten a ver coa concepción orixinaria do termo. Unha persoa pode ser riquiña, e guapa e atraernos e querer pasar un bo momento íntimo con ela.

Riquiño NON É sinónimo de feo, por moito que nolo teimen en repetir non só os magazines do corazón senón La Voz de Galicia.

Conclusión

Si, como podes comprobar mostramos neste artigo unha escolma de tópicos ridículos que nos puxeron enriba e dos que non somos quen de liberarnos.

E de verdade que se pos en Google “como ligar con un gallego” todos eles repítense unha e outra vez.

De verdade crense o que escriben?

Pensas que son certos ou, pola contra, son clichés completamente desfasados que se nos poñen enriba e que nada teñen que ver coa realidade? Que está ben rirse de cando en vez dos tópicos que nos colocan, pero oes, que nós tamén gostamos de sair, ligar, foder na primeira cita, respostar si ou non, rematar toda a comida do prato, ir arriba ou abaixo sen ter dúbidas e ir á praia co sol.

E ti, que opinas?

Pode que che interese:

12 ditos e refráns sobre animais

A continuación deixamos unha serie de ditos e refráns sobre animais, esta é unha pequena escolla e por suposto estamos abertos a que deixedes as vosas propostas nos comentarios.

10 palabras galegas que igual non coñecías

O certo é que a nosa lingua ten moitísimas palabras propias dalgunhas zonas e outras adaptadas doutros idiomas. Nestes meses fomos recollendo as vosas aportacións e elaboramos unha nova lista. Coñeces estas 10? Bótalle unha ollada!

Publicidade

Publicidade

8 comentarios en “Desátase a polémica. Como non ligar cun galego! Desmontamos os 7 mitos.”

      • O Topico 1 non é verdade. Se queremos, imos á primeira.

        O Topico 2 pode darse o caso, pero a pregunta pode ser retranqueira dandoche a resposta na mesma. E ese caso non o contemplan no “Cuore”.

        O Tópico 3 nunca existiu. A vergoña do galego é deixar ese anaco na fonte.

        O Tópico 4 poderìa ser de cando non existía internet e ías ó rural mais profundo. E ainda asi, non me parece que fose o mais romantico para lijar.

        Topico 5. A quen lle guste o LK. Pero tamen gostamos, coma o resto do mundo, de outros licores. E a verbena é bo sitio para uns ajarradiños, pero para ligar…..

        Tòpico 6 para quen sexa jaiteiro. Pero se non tocas insteumentos? Ou eres da jitarra electrica?

        E por ultimo, o topico 7 refirese a que alguen riquiño precisamente non é feo. Nin Claudia Schiffer nos bos anos, nin Quasimodo carallo.

        Responder
  1. Eu teño unha dúbida. Nós dicimos que a última porción que queda de algo é a da vergoña do galego, no resto do estado dise que é a da vergoña. Nos dous casos pódese coller pero sí que a frase fixémola nosa.
    O das frases q hai q ter aprendidas para ligar… morro da pena. Onde se documentaron eses ingleses? Mi madriña xa non saben o q han de inventar.

    Responder

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!