Que ver en Combarro: a vila dos hórreos, cruceiros e tradicións

Publicidade

Nas últimas décadas, puidemos observar como parte do patrimonio arquitectónico de moitas vilas mariñeiras foi desaparecendo para dar paso a grandes bloques de vivendas nun proceso de de grandes transformacións urbanas parello á mudanza no modo de vida de milleiros de persoas.

Aínda que esta destrución de parte do noso patrimonio foi importante no conxunto do país, Combarro é un deses lugares que conservou a súa arquitectura tradicional e, aínda que na actualidade corre outros perigos como a masificación turística e a perda da súa identidade o certo é que posibelmente sexa a vila mariñeira que mellor conserve o seu patrimonio.

Imaxe da vila de mariñeiro de Combarro

Onde está Combarro?

Combarro é unha parroquia situada no Concello de Poio, declarada Conxunto Histórico-Artístico e unha das mellores mostras da arquitectura popular galega. Historicamente viviu da pesca, mais na actualidade a actividade principal é o turismo.

Este é un lugar de visita para moitas persoas que van pasar uns días nas Rías Baixas, xa que se atopa moi preto de lugares como Pontevedra ou Sanxenxo.

A maioría da xente adoita complementar a visita a Combarro con outros lugares da zona como son o Mosteiro de Poio, o Mosteiro da Armenteira, os petróglifos da Caeira ou a ruta dos muíños de Samieira.

Que ver en Combarro?

Este lugar mariñeiro constitúe un conxunto etnográfico e patrimonial moi importante, formado principalmente por vivendas mariñeiras datadas dos séculos XVI en diante, máis de sesenta hórreos (ou palleiras como lle chaman en Combarro) e unha importante concentración de cruceiros, un dos principais elementos que atoparás en calquera lugar de Galiza. Ademais, os soportais, as numerosas fontes e o seu chan empedrado tamén os hai que ter en conta polo seu notábel estado de conservación.

Combarro non ten sitios concretos para visitar, todo o seu casco histórico é un museo ao aire libre no que é preciso estar atento para ver cada detalle.

Un dos principais lugares de xuntanza da veciñanza e de celebración de eventos é a Praza do Peirao da Chousa, lugar onde ademais se concentran unha parte importante de restaurantes e terrazas da zona e desde onde podes iniciar a túa visita ao centro histórico.

En canto ás rúas, as dúas principais son a de San Roque e a do Mar, xa que son as que concentran a maior parte das vivendas e hórreos e á súa vez conectan con outras rúas máis pequenas.

Como curiosidade, a orientación dos sete cruceiros non é froito do azar: a maioría dos que teñen a Virxe na cruz teñen orientación cara o mar mentres que os que teñen a imaxe de Cristo están orientados cara a terra.

Publicidade

Publicidade

Cando visitar Combarro?

O certo é que este lugar podes visitalo en calquera momento do ano, mais no verán é cando concentra grandes masas de xente e posibelmente cando sexa máis complicado gozar de todos os seus encantos.

Se non tes máis remedio que vir no verán, recomendamos visitalo a primeira hora da mañá. Mais, se tes a posibilidade de visitalo en calquera época a nosa recomendación é vir a comezos de maio, coincidindo coa mudanza de estación e cando a natureza comeza a florecer.

Na primavera, Combarro está perfecta para visitar xa que non atoparás a masificación doutros meses. Ademais, a súa veciñanza decora portas e balcóns con xestas dando un ambiente aínda máis incríbel.

E por que a xente de Combarro decora así as súas vivendas?

Pois ben, cando chega o mes de maio existe un costume moi arraigado nas Rías Baixas, Norte de Portugal e sur da provincia da Coruña, que consiste en pór xesta nas portas das casas, carros, leiras, embarcacións, fiestras e, nos últimos anos, tamén nos coches.

A tradición di que hai que poñela antes das doce da noite do 1 de maio co obxectivo de protexerse contra o “mal de ollo”, para evitar en definitiva que non poida entrar o mal e que nesas casas non collan o meigallo.

Por exemplo, moi preto de Combarro, na Illa de Ons, teñen unha tradición que consiste en mallar nas dornas con ramallos de xesta, co obxectivo de rachar o meigallo que lles provocaba  dificultades para pescar.

E como podedes ver nestas fotos, a tradición continua en Combarro, decorando a maioría das vivendas de toda a parroquia.

Pode que che interese:

Guía completa para visitar os Ancares

A serra dos Ancares é unha cordilleira administrativamente dividida entre Galiza e Castela e León, localizada entre o oriente de Lugo e o Bierzo. No ano 2006 foi declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO e posiblemente sexa o maior tesouro galego a nivel medioambiental e cultural.

12 lugares para visitar que están cargados de lendas e historias

No país temos infinidade de sitios para coñecer e descubrir cousas novas, lonxe das recomendacións das grandes revistas ou do que marca a moda que debemos visitar. Estes lugares, ademais de impresionantes están cargados de historia. Tamén somos dos que pensamos que para valorar e coidar un monumento é imprescindible coñecelo, saber que estamos visitando e cal é a historia que agocha.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!