Cogomelos zugan eucaliptos

Publicidade

Chámase Miguel Ángel Rodríguez, vive en Tui, é inventor, descubridor… ou, para que non pareza moi solemne, o pai dalgunha pequena gran idea. Vai camiño dos cincuenta e a falta de emprego deixoulle tempo para cultivar ideas e compartilas.

Empezou compartíndoas coas compañeiras e compañeiros da súa filla no colexio. As ideas son como fillas, pero marchan moito antes da casa. Iso pasou hai uns anos, cando a rapaza era moi cativa.

Miguel Ángel ten hoxe unha páxina en Facebook que se chama Ideas para tu huerto, gañou algún premio dunha marca de produtos ecolóxicos. Estes días vén de facerse modestamente famoso porque unha desas ideas deu froito nun monte de man común, dos do Couso, preto de Tui, alá no Baixo Miñoto, onde hai terra fértil para as boas ideas.

A de Miguel Ángel é sinxela, como todas as boas ideas. Só necesita tempo, paciencia. O demais é pura lóxica.

Cultivo de Shiitake

Problema: A xente deu en arrancar eucaliptos porque din que consumen o país e por riba arden por menos de nada… Sobran eucaliptos pero arrancalos de raíz custa un mundo. Fan falta máquinas. E se non arrancas a raíz, rebrotan por menos de nada… e volver empezar.

Solución: Os tocos de eucalipto seguen chuchando auga, chuchan moita os eucaliptos, iso din. Pois plántase no toco unha planta que chuche a través do eucalipto. Aquí a simbiose dáse entre planta e home. Substitución de cultivos, dirán outros.

Coma case sempre a solución apareceu por casualidade.

“Antes da pandemia eu era moito de feiras, participaba nos mercados de proximidade e fun coñecendo xente. Un día no Porriño topei co responsable dunha empresa que estaba a traballar coa comunidade de montes de Couso. Contoume que andaban preocupados porque certas variedades micolóxicas non lles funcionaban. Quedamos para unha reunión coa comunidade. Levei comigo unha amiga bióloga. Demos unha charla aos comuneiros. Despois impartimos un taller un amigo de Porto especialista en cogomelos e mais eu. Couso é un luxo. É un luxo traballar con eles porque son das poucas comunidades de montes que apostan por un monte multifuncional con recursos variados”. 

No taller explicaron como se cultivan cogomelos aproveitando certas variedades de madeira. En Portugal, o carballo, por exemplo. Así que Cousa tiña dous problemas: un puntual (dar cunha variedade micolóxica que se adaptase o terreo) e outro case endémico (os eucaliptos). Miguel Ángel decidiuse a facer o experimento. A base científica: “reproducir o proceso natural de descomposición da madeira por fungos saprófitos, ao tempo que se obteñen cogomelos comestíbeis”.

Enriquecido coa madeira

“Pensei no shiitake, unha variedade que me atrae. Sabía que en Brasil e en Portugal cultivan o shiitake en madeira. A verdade é que non fun quen de conseguir moita máis información. Vin que nos rebrotes de eucaliptos aparecían cogomelos, pois o shiitake tiña que aparecer. Lembro o día que empezamos porque foi o día antes do confinamento, o 14 de marzo de 2020. Sementamos en quince tocos de diámetros desde os 20 centímetro a un metro. Sete meses despois recollemos os primeiros shiitakes, variedade lentinuda edodes”.

A experiencia di que a produtividade do shiitake en carballo equivale o 20% do peso da madeira. No eucalipto é algo menor, entre un 5 e un 10%. Mais un toco de tonelada e media pode estar dando cogomelos durante cinco anos.

“Estamos nun experimento maior. Os tocos están cargadiños de primordios, o que augura bastante éxito”, advirte Miguel Ángel, con que xa contactaron outras comunidades de montes interesadas en erradicar os eucaliptos a baixo custe.

“A idea está en desenvolvemento”, precisa. O proxecto inclúe o procedemento para preparar o toco antes de sementar. O deseño tamén leva ferramentas especiais. Mesmo usos diferentes. “A recolección lúdica nun coto micolóxico é unha alternativa. O bo que ten o shiitake é que pode estar dando froito de febreiro ou marzo até o outono cun pouco de chuvia”.

Publicidade

Publicidade

Premisa: transformar recursos en algo útil

O pequeno shiitake zuga o eucalipto porque ten mellor aproveitamento, non destrúe a biodiversidade. Ademais, o faino-ti-mesmo está de moda. “Era tendencia antes da pandemia e agora vese como solución. Saber facer as cousas, como coidar unha horta urbana, isto gústalle a nenos e a maiores. Eu, pola miña banda, trato de desenvolver cada produto en base a unha premisa: transformar un recurso en algo útil. Esa é a esencia da sosteñibilidade, da economía circular”, reflexiona Miguel Ángel, que ten ganas de volver ás feiras e os coles.

En Tui, na escola da súa filla, mesmo incluíron no currículo escolar un proxecto seu para a reciclaxe do aluminio.

A páxina en Facebook e as fórmulas para cultivos innovadores, como o do shiitake –onde xa conta cun socio para dar servizo a novos clientes–, son unha parte do plan. “Teño proxectos e ideas para facer cousas na horta, estou experimentando na miña, mais tamén teño proxectos para a reciclaxe, para deseñar ferramentas, para facer útiles en 3D”.

A pregunta polo sabor do shiitake cultivado en madeira quedou para responder despois de degustar a receita proposta máis abaixo.

A outra pregunta era pola planta de tan mala fama no país. Que pasa co eucalipto? Que facer con el?

Miguel ten a súa propia opinión sobre iso. “Non o chamaría especie invasora. Hai unha principio en permacultura que sostén que non hai plantas invasoras, senón manexos invasores ou que propician esa invasión”. Explica que o eucalipto, controlado e ordenado, podería ser un recurso, “pero cando non existe esa ordenación aparecen os problemas”.

É partidario de substituír os eucaliptos por masa forestal e bosques. “Inclínome por un monte con frondosas, moito máis rico en especies, como os cogomelos, por exemplo; aínda así, haberá xente que pense que son pro-eucalipto e que con esta idea do shiitake fomento a plantación, outros pensarán que é unha boa maneira de erradicalos”.

Miguel Ángel Rodríguez

RECEITA

Por Kike Fernández

GARAVANZOS SHIITAKE E ALLO PORRO

Receita ‘veggie’ para 4 comensais.

Tempo de cociñado: 1 hora E 30 minutos

Dificultade: fácil.

Ingredientes:

  • 300 gr. de garavanzos
  • 80 gr. de shiitake seco
  • 1 allo porro grande( cortado en rodaxiñas de 1 centímetro)
  • 1/2 cebola pequena
  • 2 dentes de allo
  • Caldo de verduras ou auga
  • 150 ml. tomate triturado natural
  • Sal
  • Aceite de oliva
  • Pementa negra (o gusto)
  • Ourego seco (o gusto)
  • Pementón doce (dúas culleres de café).

Pasos:

  • Teremos o caldo de verduras ou auga quentes noutro recipiente, e a setas a hidratar 1/2 hora antes.
  • Os garavanzos en auga o día anterior.
  • Facemos un sofrito coa cebola e os dentes de allo, unha vez doradiño engadímoslle o pementón, os garavanzos e o allo porro e darémoslle unhas voltas ata mesturalo todo e baixamos o lume medio gas.
  • Pouco despois botaremos o tomate natural triturado, a pementa negra, o ourego e o sal e deixarémolo cociñar uns 5 minutos antes de engadir o caldo de verduras quente.
  • Así debera estar unha hora ata que os garabullos estean brandiños e o caldo de verduras quede na metade de volume. Prova se está ben de sal e pementa.
  • Deixámolo repousar antes de servir.

Bo proveito.

Pode que che interese:

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola súa arquitectura e a preservación de ritos, lendas, gastronomía e tradicións.

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda parte imos tocar outras 10 que puidemos visitar e que recomendamos coñecer, especialmente na época de choivas que é cando baixan no seu pleno esplendor.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!