Club Raza Can de Palleiro: “Se ben é certo que levamos camiño andado, aínda queda moito por facer”

Publicidade

Durante moitos anos o can de palleiro fixo referencia a cans mestura de varias razas que abundaban tanto no rural como nas cidades mais isto non é así, tal e como recolle a Real Academia Galega desde o ano 2018, un can de palleiro “é un can de aspecto semellante ao lobo, constitución robusta e tamaño medio, que está recoñecido como raza autóctona galega”.

Cara finais do século XX, a Xunta de Galiza a través da Consellería de Agricultura, Gandaría e Política Agroalimentaria, seguindo os programas impulsados pola Unión Europea para poñer en valor a biodiversidade das diferentes agrupacións raciais dos animais domésticos, decidiu facer unha prospección para determinar a realidade da situación étnica nativa da especie canina no noso país. Así, estiveron á procura dos primeiros exemplares ao longo das catro provincias galegas.

Por que recibe o nome de can de palleiro? Pois ben, a referencia de palleiro refírese ao lugar onde adoitaban durmir os cans mais como veredes na entrevista, tamén recibía outros nomes. Este animal pertence ao tronco indoeuropeo e está relacionado cos cans de pastoreo de Centro Europa polo que a súa existencia está remontada a moitos séculos atrás.

Na tradición oral hai moitas referencias a este can e podemos atopar refráns como:

Can merendeiro garda mal o palleiro

Can de palleiro non quere compañeiro

Can de palleiro só lle falta falar

Non quedou can tras palleiro, todo canto e gato hai

As súas referencias podemos atopalas tamén nos escritos de Rosalía de Castro, concretamente no poema “Vanidade” que figura no Follas Novas. Como indican na Galipedia, o can de palleiro funciona como metáfora e unha crítica aberta á pobreza e ao analfabetismo.

Coma can sen palleiro nin dôno,que todos desprezan,
n’ un corruncho s’ esconde tembrando d’ a dura escaleira.

Para coñecer máis sobre este proceso de recuperación e a situación deste can, hoxe conversamos con Juan Carlos Puente Hermida, presidente do Club Raza Can de Palleiro

Levamos anos escoitando o traballo que está a desenvolver o Club Raza Can de Palleiro mais cando naceu e con que obxectivos?

Naceu o 2 de febreiro do 2002, a instancias da Xunta de Galicia. Constituído por criadores e afeccionados, ten como obxectivo a conservación, recuperación, mellora, selección, fomento e difusión da Raza Autóctona Galega “Can de Palleiro” (CdP).

O nacemento do Club Can de Palleiro foi paralelo ao proceso de recuperación deste especie ou xa había movementos antes de nacer vos?

A finais da década dos 90 do século pasado, un traballo de investigación e observación de campo, por parte dos técnicos veterinarios da Xunta de Galicia, deu como resultado a constatación da existencia de catro razas caninas autóctonas (Can de Palleiro, Can Guicho ou Quisquelo, Podengo Galego e Perdigueiro Galego). 

Na Orde do 26 de abril de 2001 no DOG (DOG Núm. 91 de 11 de maio de 2001), publicouse o prototipo racial e a creación dos libros xenealóxicos das citadas razas.

Popularmente deuse en chamar can de palleiro ao típico can de aldea pequeno e que non respondía a unha raza en concreto, ao contrario, era a mestura de diferentes razas. Agora sabemos que isto non era así o que reflicte o descoñecemento deste pastor galego e supoñemos que obedecía a unha desaparición case total.

É certo que en moitas zonas de Galiza, can de palleiro empregábase para calquera can sen raza. É máis, até o 2018 así figuraba no dicionario da Real Academia Galega, afortunadamente, hoxe en día: “Can de aspecto semellante ao lobo, constitución robusta e tamaño medio, que está recoñecido como raza autóctona galega. Un can de palleiro axudáballe a coidar das vacas.”, aínda queda traballo de sensibilización por facer, pero levamos un bo camiño.

Xa que falamos disto, cales pensades que foron os motivos que o levaron case á desaparición no conxunto do país? 

Nos anos 50 e 60, aconteceron uns cambios que afectaron de maneira directa ó rural galego e por ende ó noso Can de Palleiro: grandes movementos de emigrantes a Centro-Europa, o abandono do rural en prol das cidades, e o cambio da gandaría en extensivo ás granxas. Co retorno dos emigrantes retornaron con eles cans doutras razas que xa daquela contaban con unha fama (pastor alemán, pastor belga, etc.) cos que se foron mesturando.

Por outra parte, existen fontes coma documentos antigos ou a propia tradición oral que nos poida indicar as orixes deste pastor ou cal era a súa importancia na Galiza de séculos anteriores?

Tristemente, o can nunca foi tan considerado coma outros animais de aproveitamento gandeiro e polo tanto, son moi escasas as referencias iconográficas ou literarias nas que se fai mención como “can das vacas”, “can da casa”, “lobeiro”, etc.

Publicidade

Publicidade

Nos últimos anos tivo unha presenza mediática moi importante tanto en anuncios como en programas de televisión. Contribuíu positivamente nos obxectivos marcados?

É certo que en base ao traballo de recuperación da raza, o CdP acadou sona e protagonismo nos anuncios e nos programas de televisión, que contribuíron en dar difusión e prestixio á raza.

Para quen aínda non o coñeza, cales son as características do can de palleiro e en que se diferencia doutras especies de pastor. 

O can de palleiro é un animal de tronco indoeuropeo, rústico e fornido, de tipo lupoide, de perfil recto, de tamaño medio, duns 60-62 Cm. á cruz, de proporcións armónicas e de constitución forte, con ósos bastante anchos, característica da súa rusticidade.

As femias son algo máis baixas, de aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas.

A pesar de presentar unha osamenta forte non dá unha sensación de pesadez, xa que os seus movementos son rápidos e de boa musculación.

Este é un can pastor e de garda, polivalente, pois tanto vai coas vacas arreándoas e gardándoas como tamén coida da casa. O can de palleiro é un gardián de proverbial intelixencia, presenta un carácter forte e reservado cos estraños, sendo ademais valente e traballador, características que o fan un gran colaborador na condución e garda do gando. Ten grande fidelidade para co seu amo e coa xente da casa tórnase doce e tranquilo.

É necesario destacar a estabilidade psíquica e equilibrada deste animal, polo que este trazo débese coidar con extremo, fomentando a selección de exemplares equilibrados e suficientemente socializados.

Tamén preguntar sobre as súas cores xa que moita xente ten en mente ao pastor de cor clara mais tamén poden chegar a ter cores moi escuras coma o negro. Isto marca unha diferencia no seu comportamento?

A capa (cor) é normalmente uniforme, presentando unha gran variedade: marelos (dende área a canelas), negros e alobados, pudendo aparecer algún exemplar castaño. Non son aceptables os individuos brancos nin aqueles con particularidades brancas. 

Polo tanto, non temos constatación de que a cor da capa garde relación co seu comportamento.

O certo é que a recuperación deste animal coincide tamén cun abandono masivo do modo de vida tradicional e das propias aldeas. Pode adaptarse a unha vida urbana e a un piso? Esta é unha pregunta que se fai moita xente cando pensa en apostar polo can de palleiro 

Estamos a falar dun can de temperamento equilibrado, pero un can de tipo pastor, é dicir, está na súa xenética o traballo e polo tanto o movemento. Poden adaptarse a vivir en entornos urbanos, sempre que lle procuremos un nivel axeitado de actividade física. Neste senso, hai moita xente que se anima a practicar deporte co seu can: canicross, agility, bikejoring, etc. 

O abandono é un mal que azouta aos cans e podemos ver como as canceiras de calquera vila están saturadas. Co incremento do número de cans de palleiro, incrementouse o seu abandono ou pola contra quen aposta por el adoita ter conciencia e responsabilidade?

Quen mostra interese na raza faino de xeito xenuíno e responsable.

A labor de inscrición e rexistro no Libro Xenealóxico que levan o Club e a Xunta, fai que os exemplares estean correctamente identificados (pasaporte con microchip e o pedigree da raza) e polo tanto non se atopan exemplares de raza CdP abandonados.

En que situación está o can de palleiro na actualidade? Poderá deixar de estar en perigo de extinción a curto ou medio prazo?

Seguimos a traballar na consolidación da raza. Se ben é certo que levamos camiño andado, aínda queda moito por facer. Actualmente hai uns 2100 cans, repartidos principalmente polo territorio galego, pero tamén por España, Norte de África, Europa e América.

Para unha persoa que teña interese en contar na súa vida con esta especie, como tería que facer e con quen tería que contactar.

Pois pode contactar ou ben a través da páxina web do club ou achegándose á carpa do club en calquera dos eventos e feiras ás que asistimos ao longo do ano.

Pode que che interese:

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!