En Galicia chove. Abondo. De feito, chove tanto e de formas tan diversas que a lingua galega ten unhas 75 palabras para nomear a choiva. Porén, a frecuencia da chuvia non é a única explicación para ter tantos vocábulos, xa que a lingua inglesa carece desta riqueza léxica.
Aínda que non sabemos con certeza por que se produce este fenómeno, non podemos deixar de desfrutalo!
Neste artigo falamos de...
Curiosidades sobre o galego: os máis de 75 xeitos de dicir “chuvia”
A catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Elvira Fidalgo é a filóloga que estudou esta riqueza léxica en numerosas das súas obras. Desde a súa tese doutoral, pasando por pequenos artigos, ata un libro sobre a creación onomatopeica das palabras, Fidalgo non só compilou un centenar de voces que describen a chuvia, senón que tamén estuda a formación e derivación de ditas palabras.
Definir o número exacto de vocábulos para describir a choiva non é sinxelo. Existen moitas variacións dun mesmo lexema e poden existir case tantas variedades como idiolectos hai en Galicia. Porén, neste artigo teremos en conta as voces recollidas pola doutora Fidalgo nas súas obras.
Condensación de auga sen chegar a chover
Para os momentos no que existe unha grande humidade con auga condensada, pero non se chega a producir a chuvia, existen varias palabras en lingua galega, boa parte delas procedentes das voces latinas nebula, brevis, fuscus:
Borraxeira, borraxoia, brétema, cegoña, fuscallo, néboa, neboeiro, nebra 8
Chuvia feble
Para designar a chuvia feble, a lingua galega ten o maior número de palabras. Aínda que non existe unha explicación de por que o galego ten mais vocábulos para a chuvia débil que para o resto de tipos, non sería estraño pensar que é porque é o tipo de precipitación máis común. Estas son algunhas das palabras que se utilizan para falar de choiva feble en galego:
Babuña, babuxa, barbaña, barbuza, barrallo, barrufa, barruñeira, barruzo, borralla, breca, chuvisca, chuviscada, chuviñada, froallo, lapiñeira, marmaña, orballo, parruma, parrumada, patiñeira, patumeira, poalla, poallada, poalleira, poallo, zarzallo, etc.
Chuvia forte
Para describires a chuvia máis forte, atopamos menos cantidade de vocábulos, pero con lexemas moi diversos entre elas. Aquí podemos ver que estas palabras derivan de lexemas latinos como pluvia, battuere, corrigia, circĭus, etc.
Arroiada, ballón, basto, bátega, bategada, cebra, cebrina, chaparrada, chuvascada, chuvasco, chuvieira, cifra, ciobra, dioivo, treixada, xistra, zarracina, zorregar, etc.
Chuvia con treboada
Para falar da choiva que vén acompañada de raios, utilízanse varias palabras, todas elas derivadas da voz turbone, do latín:
Treboada, torboada, torbón, trebón.
Neve e xeo
Cando a choiva adquire temperaturas máis baixas ou adoita a forme de neve ou xeo, pódense utilizar as seguintes voces:
Auganeve, cebrina, cebrisca, escarabana, nevada, nevarada, nevareira, nevarío, nevisca, nevarisca, pedrazo, salabreada, sarabiada, torba…
Cando para de chover
Mesmo o momento no que a choiva remite pódese expresar de case 10 formas distintas:
Amizar, delampar, escambrar, escampar, estear, estiñar, estrelampar…+
O mito das 100 palabras para describir a neve dos inuit
Cando falamos deste fenómeno lingüístico, écase inevitable falar do mito dos inuit e as súas máis de 100 palabras para falar da neve. Pero, canto hai de verdade nesta afirmación?
O certo é que é unha verdade a medias. A principios do século XX, o antropólgo Franz Boas comezou un período de estudo dos inuit e os seus dialectos. Nalgunhas das súas obras, como en “The Central Eskimo” e “Der Eskimo-Dialekt des Cumberland-Sundes”, explica o seu léxico e as numerosas palabras que empregan para nomear a neve.
Con todo, os inuit non teñen unha soa lingua, senón que empregan todo un conxunto de dialectos, como se pode ver nos estudos de Boas. Nalgunhas listaxes de palabras para describir a neve, é mesmo posible atopar palabras do finés e do lapón, ademais das linguas inuit.
Ademais, as linguas dos inuit son polisintéticas. Isto é, as linguas dos inuit permiten crear novas palabras xuntándoas entre elas. Así, combinando distintos termos pódense crear novos vocábulos para designar conceptos moi determinados con gran precisión.
A orixe da formación das palabras é unha diferenza fundamental entre a lingua galega e os dialectos inuit. As máis de 75 voces para describir a choiva en Galicia fórmanse con lexemas distintos, que proveñen de linguas distintas (como o latín ou o grego) ou mesmo son formadas metaforicamente, tomando o son ou a onomatopea que se produce no fenómeno.
E ti? Cantas destas voces utilizas para falar da choiva? Compárteas connosco nos comentarios!
4 comentarios en “Os máis de 75 xeitos de chamarlle á choiva en galego”
Viva Galicia!
Viva!
Parabéns polo artigo, mais a próxima vez evitade utilizar “sen embargo”, pois en galego non existe nin esa expresión nin tampouco “nembargantes” ou “sin embargo”. En galego podemos empregar Non Obstante, Porén, Así a Todo, Así e Todo, No Entanto, Con Todo, Emporiso…
Moi boas, Fibelas. Tes toda a razón. Corriximos e intentaremos evitalo. Apertas e grazas por pasarte!!