Cando procuras lugares a visitar en Google o habitual é que atopes listas interminábeis de praias, monumentos, cidades ou miradoiros. Concretamente o dos miradoiros é algo que está moi de moda hoxe en día e que agocha problemáticas como a masificación ou a destrución de espazos naturais para ter o banco ou o miradoiro “máis fermoso”. Pola contra, non é tan habitual atopar artigos nos que poidas coñecer petróglifos, mámoas ou os propios castros dos que falaremos neste artigo.
Por qué sucede isto? Pois ben, aínda que non somos expertos nesta materia, o certo é que o trato que se lle da ao patrimonio neste país é bastante cuestionábel. De feito, unha boa parte del está en estado de abandono, sen sinalizar ou, o que é máis habitual, sen o mantemento necesario. No entanto, adoitan invertirse moitos cartos en facer en miradoiros, bancos ou paseos marítimos.
E voltando ao tema deste artigo preguntámonos: que é un castro? Pois ben, segundo o dicionario da Real Academia Galega, un castro é un “poboado fortificado da Idade de Ferro ou final da Idade de Bronce, propio da Europa occidental” e que se estendeu aproximadamente ata ben avanzada a romanización. Aínda que os castros eran construídos con estruturas predominantemente circulares, os romanos aproveitaron moitos para os reconstruír e os ampliar como vilas romanas. Tamén é certo a maioría foron abandonados para instalarse nas vilas e aldeas creadas baixo os dominios dos intereses económicos de Roma.
E que castros podemos visitar no noso país? Pois ben, tanto en Galiza coma no norte de Portugal e no que foi a antiga Gallaecia podemos atopar ducias deles. Como é imposíbel sintetizarmor todo nun só artigo, comezaremos cunha lista de 14 castros que iremos ampliando co paso do tempo.
Neste artigo falamos de...
Castro de San Cibrao de Las
Este castro que tamén é coñecido como A Cidade, Lambrica ou Lansbrica é un dos máis senlleiros da nosa terra e tamén un dos de maior tamaño. O seu período de ocupación vai desde o século II a. C. ata o século II d. C. aínda que é probábel que tivera ocupacións esporádicas posteriormente. En canto ao estudo do recinto, comezou no ano 1921 por parte de Florentino López Cuevillas e Vicente Risco.
O castro está localizado entre os Concellos de San Amaro e Punxín, na comarca do Carballiño e a algo menos de media hora da cidade de Ourense. Recomendamos visitar o Centro de Interpretación e sobre todo facer a visita guiada xa que os seus guías son moi profesionais e axudan moitísimo para coñecer datos que doutro xeito, sería imposíbel. Nós tivemos a oportunidade de facela con Carrasco e podemos afirmar que a visita foi de dez.
Castromao
Este castro está localizado no Concello de Celanova e é un dos máis populares a nivel arqueolóxico e histórico. Atópase ás aforas da vila nun outeiro a máis de 730 metros de altitude. Os estudos documentan presenza humana desde o século VI a. C. até o século III d. C. concretamente polo pobo dos coelernos.
As primeiras referencias modernas remóntanse ao libro Antigüidades de Galicia de Ramón Barros Silvelo, publicado no ano 1875 e no que se refería a el como Castra Mamuaria. No castro podemos atopar tanto vivendas orixinais como as propias da época da romanización.
Para visitalo podes chegar en coche até a contorna, aínda que nós recomendamos ir a pé desde a vila de Celanova.
Castro do Facho de Donón
Este castro está localizado no monte do Facho (O Hío, Cangas) na chamada Costa da Vela. Deste fermoso lugar temos un artigo para coñecer todo o que podes visitar mais hoxe centrarémonos nun xacemento galaico romano localizado a 160 metros de altitude.
Este lugar acolleu diversas poboacións durante séculos, tendo constancia de presenza humana desde o século X a. C. até o século VI a. C. cun castro galaico que se manterá até o século I a.C.
O monte do Facho acolleu tamén un santuario no que atoparon máis de 150 aras (actualmente están no museo Quiñones de León de Vigo) que tiñan como función ser a ofrenda a un deus chamado Bero Breus. O curioso disto é que este santuario tivo o seu momento máis álxido durante a romanización xa que os colonizadores romanos non foron capaces de impedir que deixaran de adorar aos seus deuses.
Castro de Castrolandín
Este recinto fortificado atopámolo en Castrolandín (Cuntis) e foi habitado entre os séculos IV a. C. e o século I a. C. aínda que nalgúns estudos falan incluso do século IX d.C. Como é habitual en moitos castros, neste poboado podemos atopar vivendas primitivas e tamén de orixe romano aínda que coa romanización a poboación comezou a baixar á vila de Cuntis, lugar famoso polas súas augas termais.
Aproveitando esta visita recomendamos baixar até Cuntis e visitar o Centro de Interpretación do castro onde poderás coñecer o xeito de vida da época e ver algúns muíños de man daquela altura.
Castro de Baroña
O castro de Baroña está localizado na parroquia de Baroña (Porto do Son) e é posibelmente o mellor exemplo dun castro marítimo, xa que se atopa construído enriba do mar, concretamente na Punta do Castro. As primeiras escavacións datan do ano 1933 e foron realizadas por Sebastián González-García.
Neste lugar atoparonse anacos de ánforas con probábel procedencia púnica aínda que posibelmente o poboado fose ocupado entre os séculos I a.C. e finais do I d. C. A economía de Castro Baroña era marítima e a súa localización (2,5 ha) provocou que se mantivese en moi bo estado de conservación até a actualidade.
Castro da Torre
O Castro da Torre, torre do Castro ou Castro de Sobredo é un recinto localizado na ladeira do monte da Golada a 761 metros de altitude, no lugar de Sobredo (Folgoso do Courel). Este lugar reúne 16 vivendas dentro dun foxo defensivo de 120 metros de longo. Na súa cabeceira atópanse os restos dunha torre e de aí ven un dos seus nomes.
Este castro destaca tanto pola súa impresionante localización como polo seu bo estado de conservación, o que o levou a catalogalo como un Ben de Interese Cultural (BIC). Un dos motivos da súa existencia e mesmo continuación durante parte da presenza romana é a máis que probábel actividade mineira na zona, de feito, algúns estudos apuntan a que se edificaría durante o século I d. C. e estaría activo até os séculos III ou IV d. C.
Castro de Viladonga
O castro e museo de Viladonga están localizados na Terra Chá, concretamente no concello de Castro de Rei, a poucos minutos da cidade de Lugo.
Este recinto é de orixe galaico-romana, conserva vivendas primitivas mais tamén da época da romanización. Atópase a 535 metros sobre o nivel do mar e no ano 2009 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC). A súa data de ocupación vai desde aproximadamente o século III d. C. até o século V d. C. aínda que se atoparon restos de presenza xa no século I a. C.
Os primeiros traballos arqueolóxicos comezaron no ano 1971 e un dos seus principais atractivos é a muralla principal, quechega a acadar unha altura de 12 a 14 metros cara ao foxo.
Sen dúbida podemos afirmar que este castro é un dos máis espectaculares de todo o noroeste peninsular.
Castro de Santa Trega
O Castro de Santa Trega atópase no monte do mesmo nome, pertencente ao Concello da Guarda, a 341 metros sobre o nivel do mar desde onde se pode observar a desembocadura do río Miño. Na altura, desde esta posición privilexiada controlábase o tráfico marítimo e os posíbeis atacantes. Este poboado é unha das maiores representacións do mundo galaico e probabelmente o máis visitado. No ano 1931 foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional mais tamén é un Ben de Interese Cultural (BIC).
A data de ocupación é moi ampla, desde o século IV a. C. aínda que tivo unha ocupación continuada entre os séculos I a. C. e I d. C. Pénsase que posteriormente tivo ocupacións esporádicas e que a maioría da poboación baixaría ao lugar que hoxe recibe o nome de A Guarda.
Neste monte atopamos presenza anterior aos castros xa que en diversos lugares apareceron petróglifos fóra do recinto galaico.
Castro de Borneiro
O Castro de Borneiro recibe tamén o nome de A Cibdá e está localizado na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños). O poboado galaico data de finais da Idade de Bronce e estivo habitado entre os séculos VI a. C. e I d. C. aínda que a súa singularidade radica en que non ten sinais de romanización.
O poboado de Borneiro foi descuberto no ano 1924 por Isidro Parga Pondal e foi o primeiro en ser datado cientificamente co carbono-14. Comezou a escavarse na década dos 30 e na actualidade podemos ver as tres cuartas partes do total da vila.
Ao igual que o resto de castros foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e naquel momento é moi probábel que divisaran toda a desembocadura do Anllóns e da propia Ría de Corme e Laxe.
Castro de Troña
O castro de Troña podemos atopalo no lugar das Pías (Concello de Ponteareas) no chamado Monte do Doce Nome de Xesús a 229 metros de altitude. Este é un dos poboados máis importantes do sur da provincia de Pontevedra e desde el podes divisar o val do río Tea.
Aínda que é máis que probábel que houbera asentamentos humanos séculos antes, as edificacións actuais datan desde o século IV a. C. até o século I d. C. cando comezou a ser abandonado, aínda que tivo ocupacións esporádicas posteriores. A maioría das vivendas teñen forma circular, aínda que tamén atopamos as típicas cadradas froito da presenza romana.
Unha das características deste lugar é o proceso de cristianización que atravesou, xa que na croa do castro podemos atopar unha capela. Tamén podemos atopar un impoñente petróglifo cunha serpe en posición heráldica, a cal recibe o nome de Serpe de Troña, animal que ten asociada unha lenda propia.
Foi declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1949 e Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de monumento desde 2009.
Castro de Armea
Este poboado recibe tamén o nome de castro de Augas Santas e atopámolo no lugar de Armea, parroquia de Augas Santas (Concello de Allariz). Aínda que este castro está plenamente romanizado e é lugar de lendas que contamos nun dos nosos artigos sobre Allariz, a cronoloxía de ocupación vai entre os séculos IV-III a. C. e posteriormente até o século IV d. C. De feito, ao seu carón atopamos nunha pequena elevación os restos dun castro anterior chamado da Cidade do Monte das Muradellas ou dos Pendóns. Este castro está localizado na zona máis alta, concretamente no Outeiro dos Pendóns e Outeiro dos Fornos, de aí o seu nome.
O lugar onde se atopa o castro romanizado recibe o nome de A Atalaia e aquí xa podemos atopar as rúas completamente pavimentadas, rede de saneamento, canais de evacuación da auga, pórticos e en definitiva unha das mellores mostras dun castro plenamente romanizado.
O castro de Armeá foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e Monumento Histórico-Artístico no ano 1963 e está localizado nunha contorna chea de lendas e moitísima riqueza antropolóxica.
Castro de Elviña
Este castro está localizado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, no Concello da Coruña, nun cumio dun outeiro a 120 metros de altitude. Desde este lugar os seus habitantes podían controlar o tráfico marítimo e tamén o terrestre, xa que a súa situación privilexiada permitía obter unha panorámica xeral dos vales da zona.
O seu período de ocupación vai desde o século III a. C. até o século II d. C. cando se pensa que comezaron a abandonar a vila para trasladarse á cidade romana de Brigantium, no actual Parrote.
Neste castro atoparon o coñecido “tesouro de Elviña” que podémolo contemplar no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón.
Castro de Fazouro
Este castro atópase na parroquia de Fazouro, no Concello de Foz ao norte da provincia de Lugo. Este poboado é o único que podemos atopar como museo en toda a costa cantábrica galega e ten ao seu carón o mar e a praia de Arealonga.
Froito da erosión mariña, parte da superficie do castro está a desaparecer e de feito xa desapareceron algunhas das construcións. A súa ocupación data desde o século I a. C. até entrado o século III d. C. , cando se comezou a abandonar tamén pola facilidade para sufrir ataques e saqueos dos invasores.
Castro de Santomé
O Castro de Santomé é un castro galaico, aínda que os restos que conservamos na actualidade son case todos da época romana. Está localizado ás aforas do Concello de Ourense, completamente musealizado e en óptimo estado de conservación.
Como dicíamos, nun outeiro do poboado hai restos do castro primitivo aínda que a maior parte son da época romana. Atópase a 245 metros ao carón do río Loña nun lugar de moi difícil acceso na época. Desde este lugar poderían divisar todo o val e poder prepararse para un posíbel ataque.
A súa ocupación data dos séculos I a. C. até ben entrado o século II d. C. e entre outras particuladirades, podemos observar como contaban con vivendas de até dúas plantas con escaleiras exteriores e tamén un curioso sistema de calefacción para sobrevivir nos duros invernos.
3 comentarios en “14 castros para coñecer a historia de Galiza”
Moitísimos parabéns polo artigo! Había algún que non coñecía e que xa está anotado na lista de castros pendentes de visita. Aínda que o castro de Santa Trega, honestamente, non o recomendo en absoluto, demasiado masificado. Hai castros moito máis bonitos e mellor conservados, coma o de Baroña, fermosísimo ao pé do mar. O de Armeá é fermoso tamén, e iso que aínda non está escavado de todo.
Con todo, gostaría de facer un apuntamento. Como comentades, é imposíbel citar todos os castros da Gallaecia. Mais gostaría de recomendar un en particular, alén do Miño, a Citânia de Briteiros, a uns 15 km de Gumarães. Como curiosidade, conserva restos dunha sauna castrexa, de uso ritual, non tan común nos castros da actual Galiza.
Novamente, moitos parabéns e obrigadísima polo artigo!
Parabens polo traballo. Propoño que fagades un álbum con todo os castros da Galiza, no cal poidan participar todo os que o desexen, con fotos e contando a súas lendas.
Moi boa idea! Tomamos nota para poder desenvolvela máis adiante!