Ao sur de Galiza na península do Morrazo, concretamente no Concello de Cangas, atoparás un deses tesouros que poderían abrir calquera revista internacional de viaxes. Efectivamente estamos falando da Costa da Vela e do Cabo Home, un dos lugares máis visitados das Rías Baixas e que divide as rías de Vigo e de Pontevedra.
A menos dunha hora de Vigo ou Pontevedra atopamos o Cabo Home, un espazo natural que concentra patrimonio e natureza en 1.419 ha e que conta con figuras de protección como a de LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) e ZEC (Zona de Especial Conservación) ademais de estar integrada na Rede Natura 2000.
E como adoita acontecer en tantos recunchos da nosa terra as paisaxes máxicas veñen acompañadas de lendas e de rico patrimonio que descubriremos a continuación. Porque se queres coñecer un pouco máis dun dos mellores lugares de toda a Península Ibérica para gozar do solpor este é o teu artigo.
Neste artigo falamos de...
Cabo home, un lugar para toda a familia
O certo é que o Cabo Home é un lugar accesíbel para todos os públicos, xa que as rutas coas que conta non supoñen demasiado esforzo. A maioría dos visitantes adoitan estacionar os seus vehículos no pequeno aparcadoiro situado a carón da buguina, un monumento feito en 2004 polo artista cangués Lito Portela e sen dúbida un dos lugares da zona que máis fotografado.
Desde aquí comeza a ruta dos Faros e tamén o pequeno paseo até o Monte do Facho.
Monte do Facho: Castro e Olimpo de oración
Á man dereita da buguina de Lito Portela comeza un pequeno percorrido cara o Monte do Facho, a zona de maior altitude de Cabo Home, a 184 metros sobre o nivel do mar. Este é un camiño empedrado e de continuo ascenso no que podemos atopar o restos de Punxeiro, unha aldea con orixes na Idade Media que quedou deshabitada no século XVIII debido á perda da auga que chegaba á aldea.
Nas décadas seguintes foi usada como cortes para o gando por iso tamén é coñecida popularmente como a “aldea das cortes”.
Na contorna do Monte do Facho percorremos tamén o chamado “Camiño dos Lameiros”, no que poderás ver aínda as marcas dos carros que circulaban entre Donón e Vilanova e tamén algúns pequenos petróglifos recentemente sinalizados. Pouco antes da aldea, en pleno Camiño dos Lameiros, natureza e mitoloxía xúntanse no lugar chamado “Cova e Carballo dos Namorados”, un fermoso e impoñente carballo de tronco dobre do que din que era lugar de encontro habitual para a mocidade da zona.
A lenda di que diante deste carballo existía unha cova para os encontros dos amantes ou, quen sabe, se tamén o lugar onde vivía a moura.
Chegados ao punto máis alto do Monte do Facho podemos observar a xoia patrimonial da zona: os restos dun poboado galaico, chamado Beróbriga, habitado entre os séculos VI a.C a I d.C. e que exemplifica a situación estratéxica do lugar. O que non todo o mundo sabe é que este espazo tamén foi un lugar de culto galaico ao deus Berobreo xa durante a ocupación romana.
É considerado un dos santuarios de peregrinación máis importantes de Galiza, feito ratificado polas máis de 170 aras en honra ao deus e expostas moitas delas no Museo Quiñones de León de Vigo.
Nin os romanos conseguiron que os galaicos deixaran de adorar os seus deuses xa que ese espazo de culto xurdiu despois do abandono do propio castro, aínda que recentemente atopáronse restos de santuarios previos á romanización e as aras citadas anteriormente eran ofrecidas no cumio polos peregrinos ao deus Berobreo. Por certo, nestas aras o que pedían era saúde como poden mostrar as frases escritas en latín “Deus lari Berobreo aram posuit pro salute”.
No Monte do Facho tamén poderás ver a chamada Garita do Facho, unha especie de construción circular que serviu como faro e como garita de vixilancia na que prendían palla húmida para avisar con fume ás aldeas da zona, xa que que desde o Facho pódense divisar as rías de Vigo e de Pontevedra mais tamén as Illas Cíes, as Ons, o Cabo Silleiro e, dependendo do día, tamén a Ría de Arousa e a Serra do Barbanza, o que lle dá unha localización estratéxica.
Na actualidade xa non realiza funcións defensivas polo que é un lugar fantástico para ver un dos mellores solpores de toda a Península Ibérica.
Isto non é todo o que podes ver nunha zona con tanto que facer como esta xa que que unha vez regreses do Monte do Facho e chegues novamente á buguina tes dúas opcións: coller o coche e aparcar nas inmediacións da paradisíaca praia de Melide ou ben percorrer o sendeiro, moito máis recomendable se vas con tempo, xa que o paseo transcorre a carón dos cantís que conforman a Costa da Vela e desde aquí poderás obter unhas imaxes impresionantes das Illas Cíes.
Nesta zona podes visitar a xa citada Praia de Melide, lugar de peregrinación no inverno para desfrutar dos solpores e da forza do mar e para pasar o día ou pegarse un baño durante o verán. Aínda que esta praia está protexida pola Punta da Robaleira e pola Punta Fuxiño o mar adoita bater con bastante forza.
Cabo Home tamén é zona de faros e ao carón da Praia de Melide podes atopar até tres, separados por poucos metros. No lado esquerdo da praia atoparás o Faro de Punta Subrido, desde o que podes ver a Ría de Vigo, Vigo e as praias de Barra, Nerga e Viñó. No lado dereito está a o Faro ou Baliza de Punta Robaleira, un dos máis fotografados e desde o que tes unhas vistas de luxo da praia de Melide e das Illas Cíes, as que case podes tocar coas mans.
Por último, e a poucos metros do Faro de Punta Robaleira, tes un dos faros máis salvaxes: o chamado Faro do Cabo Home, desde o que tes unhas vistas privilexiadas dos cantís da Costa da Vela, do Monte do Facho e até da Illa de Ons.
Non podemos rematar sen contar outra lenda asociada ao Cabo Home e á Costa da Vela e é que esta é unha zona cun tráfico marítimo moi importante onde ao longo da historia houbo numerosos naufraxios. Así, ao longo dos séculos a poboación e en especial a xente mariñeira transmitiu lendas de forma oral relacionadas con monstros mariños como causantes dos naufraxios.
Unha destas historias que contan os mariñeiros é que en moitos destes naufraxios sucedidos no Cabo Home aparecían uns dentes moi afiados que eran os que cargaban contra os seus barcos. Houbo un día de forte ondada, en que un monstro máis grande que 143 elefantes saíu do mar coa intención de devorar os habitantes da parroquia do Hío. A veciñanza armouse e enfrontouse contra del contando coa axuda dun Guerreiro chamado Oridón.
Como o monstro fuxía da luz do sol o Guerreiro Oridón aproveitou para devolvelo ao mar mediante o reflexo da luz do sol no seu escudo. Este monstro finalmente agonizou até morrer a carón dos cantís mais deixou as súas pugas fóra da auga, acabando por converterse en pedra e posteriormente nas rochas situadas aos pés dos cantís.
A lenda di que hai que ter coidado ao pasar por alí e non facer ruído por se este xigante realmente estivese durmindo e puidese espertar para atacar á poboación da zona.
* Esta lenda din que realmente naceu dun traballo dun rapaz do colexio de Darbo (Cangas) mais quen sabe se realmente o monstro está aí ou non 🙂 .
E que facer se che sobra algo de tempo?
Pois o certo é que na zona tes un bar no que poder tomar algo, mais se o que queres é seguir gozando do patrimonio de camiño ao Cabo Home tes a parroquia do Hío, coñecida pola súa igrexa, a súa casa reitoral e principalmente polo espectacular cruceiro que lle da sona, un dos máis importantes de toda Galiza.
A igrexa é coñecida como Igrexa de Santo André, é de estilo románico e data de aproximadamente o século XII. Ao seu carón poderás observar o maxestoso cruceiro do Hío cuxa autoría non está clara xa que algúns expertos atribúeno a Xosé Cerviño García, tamén coñecido como Pepe da Pena, pero outros negan a súa autoría e consideran que Ignacio Cerviño Quinteiro é o seu autor. A escultura do cruceiro consiste nunha representación de distintos momentos do home desde a súa creación ate a redención con estilos característicos do barroco.
Con este percorrido poñemos fin á nosa visita ao Cabo Home mais a península do Morrazo ten moitísimo que ofrecer, polo que se a túa idea é quedar varios días pola zona podes visitar outro fantástico paraíso como é o Cabo Udra, as vilas de Cangas, Aldán, Moaña, Bueu ou Marín e espazos de alto valor natural como o Lago de Castiñeiras, o Bosque Encantado, a Poza da Moura ou o dolmen de Chan da Arquiña.
8 comentarios en “Cabo Home, unha visita entre cantís, lendas e solpores máxicos”
Que bo artigo e que fermosas lendas. Moitas grazas por traer estes tesouros da nosa terra. Intentarei visitalo durante este ano… Grazas!!
Moitas grazas por pasarte Xoan. Cando o visites non dubides en comentarnos de novo!!
Grazas polo artigo que me fixo lembrar as varias veces que tenho ido a Cabo Home de excursión hai xa uns anos. Desde logo agora tenho moitas ganas de visitar novo esta marabilhosa parte das Rías Baixas.
Que ilusión nos fai que che gustara. Moitas grazas por pasarte e comentar!
Bo artigo. Xustamente fai pouco vin un video mostrando o lugar. Quedaría ben quizás añadilo para quen quería extender o material videográfico de este fermoso lugar.
https://youtu.be/05g4lp3x_Y8
Moi boas, David. Moitas grazas polo vídeo, é un recurso máis que ver neste artigo. E grazas polos parabéns!!
Bo artigo, se non tivese tantas lendas inventadas: nunca houbo nin carballo, nen cova de namorado algún, senón a Banda do Namorado, que é a ladeira Este do monte, e un outeiro do Namorado, que está nesa ladeira. O carballo non ten máis de cen anos e atópase no lugar chamado “As Palleiras”; e a suposta cova é un muro dunha das antigas cortes. O topónimo “O Namorado” non ten orixe coñecido, nen ningunha lenda.
Por outra parte, ó Facho é un castro do cambio de Era, cunhas orixens non máis atrás que os fins do séc. III a.C e os finais no sec- I d.C.
En canto a lenda do monstro Oridón está sacada da manga, pois nunca tal houbo. E o propio nome apunta a fantasías de tempos recentes.
É magoa, porque, polo demáis, o artigo está ben escrito. Pero si se intenta presentar un lugar, deberíase estar mellor informado e evitar confundir ó lector con erros, cando non con fantasías inventadas por quen non coñece realmente a historia de ese lugar.
Un saúdo
Ola José, moitas grazas por pasarte e comentar.
É certo que o artigo pode conter certas imprecisións porque non é a nosa unha labor de divulgación científica nin un estudo académico, de feito en ningún intre o presentamos así. É máis ben un relato do que nós mesmos visitamos, sentimos, nos podemos documentar e intentamos espallar como parte das marabillas da nosa terra.
Naturalmente estamos abertos a indicar “fes de erros” e rectificar o que sexa preciso para non escribir cousas que se afasten da realidade.
Se tes a ben botarnos unha man sobre as cuestións que podemos cambiar, ou documentación escrita previa á que podamos acceder para ler a historia do lugar, agradecémoscho.
Un saúdo!