A folla de ruta que nos marcamos á hora de visitarmos distintos recunchos do noso país, indícanos agora que voltemos ao Morrazo, bisbarra da que xa temos un artigo sobre o Cabo Home.
Desta volta faremos parada en Aldán, unha parroquia localizada ao norte do Concello de Cangas e que destaca polas súas paradisíacas praias. Con todo, hoxe non vai de praias senón que falaremos sobre un dos seus recunchos máis coñecidos, o famoso Bosque Encantado.
Por que recibe este nome?
Este lugar, que recibe o nome de finca do Frendoal, é popularmente coñecido como “Bosque encantado de Aldán”. Era propiedade da Casa Torre de Aldán, pertencente aos Condes de Canalejas, quen o usaban como lugar de descanso e diversión. Co paso do tempo esta parcela, que forma parte do patrimonio do Concello de Cangas, foi dividida en dúas pola construción da estrada PO-315 que vai de Bueu e Cangas.
A finca en tempos estaba unida á dita finca do Pazo-Torre de Aldán. Trátase dun fermoso bosque autóctono que podes visitar todo o ano, aínda que destaca especialmente nos meses de choiva xa que a mestura de humidade, vexetación e o paso do río Orxas fai deste lugar un lugar máxico.
No transcurso da estrada PO-315 á altura de Aldán, á man esquerda se vés desde Bueu e á man dereita se ves desde Cangas, hai un pequeno aparcadoiro e xusto ao carón unha ponte medieval e o lavadoiro de Orxás. Desde este lugar sae un pequeno camiño entre árbores autóctonas como carballos, castiñeiros, loureiros ou bidueiros (ainda que o certo é que non está todo o coidado que debería) que chega até un pequeno acueduto.
Este acueduto, que recibe o nome de Arco dos Mouros ou Arco da Condesa, tiña como función a canalización da auga desde unha mina da zona ate o Pazo. Tamén serviu para levar auga até os cultivos da zona e aínda que ten modificacións medievais existe unha hipótese que o vincula coa época romana. Orixinalmente puido ter como función levar auga a unha fábrica de salazón á beira do mar.
Un castelo do século XX
Por este camiño chegas á xoia do lugar, un pequeno castelo que comezaron a edificar nos anos sesenta do pasado século mais que quedou a medio construír. Aínda que é de pequeno tamaño conta cuns torreóns e un pequeno foxo e ponte elevada. O acceso ao interior do mesmo é complicado xa que está completamente deteriorado e cheo de suciedade. O destacábel desta edificación é que non se ergueu para ser un lugar de residencia se non para ocio e xogo dos fillos do Conde.
E por último, se tes tempo, podes percorrer a beira do río Orxás. Alí poderás atopar varios muíños que tiveron estiveron en funcionamento até que a mediados do século pasado comezaron a ser abandonados. Na actualidade non teñen mantemento ningún despois de que fosen rehabilitados hai uns anos, algo que por desgraza é habitual que suceda no noso país.