Nos últimos anos vimos incrementada a produción de novas sobre a fauna do noso mar. En pouco tempo pasamos de non recibir apenas información a ler moito sobre a presenza de candorcas, baleas azuis, arroaces ou quenllas. En moitas ocasións, este incremento de información non veu acompañado de rigorosidade informativa, mais ben de sensacionalismo que o único que conseguía era a criminalización destes especies e a súa posta en perigo.
O labor de CEMMA é fundamental, non por iso é a única institución responsable da asistencia a animais varados na costa galega, a xestión do banco de mostras oficial, a recuperación de exemplares feridos, o estudo poboacional das especies que son obxecto da súa atención e a redacción dos plans de xestión daquelas especies cuxo estado de conservación é máis preocupante. En 2010 foi declarada Asociación de Utilidade Pública.
Cómpre destacar que a falta de formación no conxunto da poboación tamén levou a actuacións negativas con especies coma golfiños ou lobos mariños que non só poñían en perigo a vida dos animais, tamén das propias persoas. O papel que desenvolve CEMMA é máis importante ca nunca, por iso quixemos conversar con Alfredo López, biólogo da Coordinadora.
En primeiro lugar, cóntanos cando naceu CEMMA e con que obxectivos.
A CEMMA nace no 1990, legalízase dous anos despois e aparece coa finalidade do estudo divulgación e conservación das tartarugas e mamíferos mariños en Galiza. Aparecemos por mor dun esqueleto de balea azul que estaba tirado nun faiado en Compostela.
Nestas case tres décadas que levades estudando os mamíferos mariños, como vedes a situación do mar e dos mamíferos nas costas galegas? Adoita falarse moito do cambio climático, lixo, dos efectos a longo prazo do Prestige… Tres décadas de traballo poden dar unha perspectiva máis ampla da situación.
A situación é de mal a peor, cada día aumentan as ameazas sobre o medio e sobre as especies, non acabamos de abordar o impacto da pesca cando nos chega a ameaza do impacto dos aeroxeradores. Son demasiadas alteracións que estamos introducindo no medio e as especies non as resisten.
En canto á presenza de baleas é certo que están a regresar ás costas galegas? Hai quen di que as redes sociais e os xornais fan que se fale deles mais que sempre tiveron presenza. Pola contra, existe outra versión que explica que no seu momento mudaron a ruta migratoria froito da caza e que agora están a recuperar esas rutas.
Regresar non porque nunca se foron, quizais pasaban un pouco máis lonxe para evitar aos baleeiros. Simplemente as que entran na plataforma ninguén as colle por iso hai máis probabilidade de observalas, os móbiles fan o resto, mais hai tamén un terceiro factor que son os cambios que están a acontecer no océano e as baleas están a perder os bos pastos doutras latitudes.
Os arroaces sempre tiveron ampla presenza na costa galega, non?
Claro, os arroaces son os cetáceos que sempre viviron máis cerca nosa.
En moitas ocasións temos lido nos medios a situación das baleas e dos golfiños mais non tanto a da toniña, da que tedes falado como unha especie en perigo nas costas galegas. É tan crítica como se ten apuntado?
A toniña está moi ameazada, os berros que demos por ela levouna a ser declarada como especie en perigo de extinción oficialmente polo goberno español. A súa situación é moi crítica e está a desaparecer máis rapidamente que o fixo a vagüita americana, da que é curmá.
Tedes falado da mortalidade por captura accidental en artes de pesca. Podes explicarnos isto e, como pensades que se pode enfrontar para diminuílo?
A intensidade da pesca na plataforma de Galiza provoca unha enorme mortalidade de cetáceos que se conta en máis de mil ao ano. Calquera trebello que estea no mar provoca impacto, sobre todo os aparellos de pesca que actúan día e noite os 365 días do ano. Cómpre estudar ben os detalles de como, cando e onde se producen, para tratar de analizar onde se pode incidir para diminuír as capturas, até o de agora só se acometeron medidas cosméticas pero de efectividade dubidosa, ogallá me equivocara.
Posiblemente non se chegue nunca á captura cero mais é imprescindible reducir o impacto.
As interaccións coas candorcas, a presenza dun lobo mariño, unha quenlla branca ou dos arroaces solitarios… Estamos concienciad@s e preparad@s para convivir con eles? Como recomendades actuar se atopamos un mamífero?
Para nada. Temos que asumir que non estamos sós no planeta, que todo é natureza, incluso o que nós modificamos, e moito máis aquelas áreas con aspecto máis natural, é por iso que se chegamos ás praias ou ao mar somos nós os invasores, e por tanto, teremos que tratar con respecto a quen está alí. Mentres non comprendamos iso estamos abocados á extinción porque non merecemos pisar sobre a superficie do planeta. Nada disto é novo, Engels expúxoo diafanamente na dialéctica da natureza, e outros escritos conxuntamente con Marx, hai máis dun cento de anos, mais fixemos oídos xordos a aquelas palabras, incluso os marxistas máis ortodoxos.
Cal é o papel dos mariñeiros á hora do traballo de campo que desenvolvedes. Existe colaboración con eles?
Claro que colaboramos, precisamos da súa información no día a día para saber que cousas están pasando no mar, tamén dos seus medios para distintas tarefas, como por exemplo reintroducir aos lobos mariños ao seu medio logo do período de rehabilitación, alertas da presenza das candorcas, avistamentos de baleas, etc.
Cales son as actividades principais nas que traballades desde CEMMA?
Atendemos animais varados e sobre todo a aqueles susceptibles de seren rehabilitados e devoltos de novo ao medio, rexistramos os casos de interaccións das candorcas, estamos atentos a aqueles exemplares que precisan da nosa axuda como o lobo mariño DOQUI o arroaz solitario CONFI, tamén levamos a cabo actividades divulgativas e campañas marítimas de estudo.
Como pode colaborar a xente co traballo que desenvolve CEMMA? Que xeitos tedes de colaboración?
De moitas maneiras, dando avisos de varamentos e avistamentos, consultando as nosas redes sociais, participando nas actividades de voluntariado e nas campañas marítimas e mesmo facéndose asociado da entidade. Hai para todas as posibilidades.