Os traballos dos arqueólogos estanse a converter nalgúns casos no argumento científico clave para parar a desfeita da invasión eólica. Ao mesmo tempo, a veciñanza comeza a tomar conciencia do valor do patrimonio e a defendelo.
Neste artigo falamos de...
Monte do Gato, unha fortaleza Sueva para As Irmandiñas
O Castelo de Teodomiro é a última fortaleza na que se fixeron fortes as Irmandiñas do Monte do Gato. Unha fortaleza virtual, claro. O castelo estivo en pé durante a época sueva e agora un arqueólogo, Antón Malde, acábao de recuperar do esquecemento grazas a modernas técnicas cartográficas e un traballo paciente consultando documentación.
“Son un veciño de Coirós interesado polos tesouros destas comarcas desde hai moito anos. Son científico, non estou en contra dos eólicos. Non son un espadachín. Simplemente penso que hai que conservar o patrimonio, que se debe cumprir a lei e que calquera desenvolvemento de explotación enerxética debe ser compatíbel con iso”, apunta Malde para explicar o sentido do seu labor.
Hai dúas semanas a Plataforma Aire limpo nas Mariñas-Mandeo difundiu un comunicado no que daba conta de que Malde viña de entregar á Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura “o informe coa xeolocalización exacta da Torre de Teodomido, unha fortaleza militar da Alta Ideade Media declarado Ben de Interese Cultural” que “as referencias documentais” situaban no Monte do Gato, “pero até o de agora se descoñecía o seu emprazamento”.
Antón Malde foi contratado pola Comunidade do Monte Veciñal en Man Común da Parroquia de Fervenzas, que ten parte dos terreos afectados polos tres proxectos eólicos –en realidade, un só, xa que mesmo comparten a mesma subestación– que ocupan unhas 900 ha nos concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós. O caso chegou ao Parlamento e as veciñas conseguiron que Patrimonio concedese o permiso e avalase a prospección.
Trátase dunha cata “limitada”, comenta o arqueólogo. Foron varias as semanas consultando papeis, con tres fontes principais entre un cento de documentos: o proxecto da estrada entre Monte Salgueiro e Curtis de 1919, as minutas cartográficas que realizou o Exército a partir de 1927, e as ortoimaxes do catastro de 1946 que se conservan no Arquivo do Reino de Galiza.
“Consultamos cartografía de hai cen anos e houbemos de xeoreferenciar máis dun cento de documentos, mais iso permitiunos comprobar sobre o terreo calquera suxestión planimétrica que se derivara desa revisión”, apunta Malde.
Entre finais de maio e principios de xuño executaron o traballo de campo, no que a toponimia resultou unha axuda máis, tanto como as novas técnicas de información xeográfica.
“O Castelo de Teodomorio existiu, mais non foi buscado. O que atopamos foi unha estrutura típica da Alta Idade Media composta por unha cerca elipsoidal na que parece que existiu no centro unha estrutura cuadrangular. No lugar comprobamos que a muralla estivo constituída por perpiaños regularizados, de certo tamaño, e cun largo que nalgún tramo excedía dun metro”.
Teodomorio foi un rei suevo importante que na segunda metade do século VI ordenou unha nova división administrativa: as parroquias. As Torres ou o Castelo estaban catalogadas. Mais, durante unha entrevista con responsábeis de Patrimonio, ás veciñas non lles quedou moi clara cal era a vontade da Xunta. Por se a consellería decidía mirar para outro lado, falaron con Malde.
O informe trata de contrarrestar o frouxo estudo da empresa sobre os impactos nos bens patrimoniais (“apenas vinte páxinas nun documento de máis de mil”, di Malde). Os restos do Castelo están fóra da poligonal, pero moi próximos. Ademais, a investigación sinalou outros xacementos e elementos a conservar como a Cruz de Campo Xaneiro e unha rede de vías históricas entre as que se atopa un Camiño de Santiago que aparece na Carta Xeométrica de Domingo Fontán de 1845.
“Neste estudo preliminar demos conta da metodoloxía e dos resultados planimétricos e por escrito. Mandamos máis de corenta planos á Xunta de Galiza, que é a que nos deu o permiso para a prospección e quen desde 1985 ten as competencias en cultura. Agora temos seis meses para elaborar o informe final. E espero que se publique e difunda. Isto é moi importante: que os datos se difundan”.
Malde espera ademais que a Xunta adíe calquera decisión no proceso de tramitación dos polígonos eólicos até que non se coñeza, contra finais de ano, o estudo completo; que o Castelo poida ser utilizado no futuro como un recurso social e cultural público; e que as Administración se comprometan na divulgación do coñecemento dos bens identificados no estudo e do propio estudo.
O Concello de Oza mostrou disposición a manter a parcela limpa. Parece que a Deputación da Coruña considera a publicación do informe final. Unha iniciativa veciñal redescubriu o Castelo de Teodomiro, hoxe xa algo máis que unha fortaleza virtual contra a invasión eólica.
Antón Malde deixa unha reflexión final: “Levo máis de trinta anos vendo e catalogando estas cousas nesta parte do territorio. E vexo con moita satisfacción que, finalmente, entre a poboación local callou ese sentimento de protección do patrimonio e de posta en valor, de non velo como algo negativo senón como un ben, como algo deles”.
Celanova, fronte a colonización, soberanía estética
En Celanova, un informe do arqueólogo municipal non publicado até agora constata a presenza de vestixios arqueolóxicos relevantes nos terreos onde a empresa alemá BayWa proxecta un polígono de explotación eólica a menos de tres quilómetros da vila.
O informe titúlase “Realidade arqueolóxica do Monte da Neve” e describe “os lugares primitivos fundacionais do mosteiro de Celanova e a necrópole megalítica dos Altos da Lagoa”. Tanto o Monte da Neve como os Altos da Lagoa están dento da poligonal do proxecto alemán que contempla sete aeroxeradores de case 180 metros de altura, unha subestación e máis unha liña de evacuación ocupando unha superficie dunhas 500 hectáreas entre aldeas e explotacións gandeiras e forestais.
O estudo documenta “dúas realidades históricas diferentes, aínda que ligadas xeograficamente”: por un lado, unha gran concentración de túmulos megalíticos; por outro, as propiedades pertencentes á familia de San Rosendo (fundador do mosteiro de Celanova) que datan do século X.
“Nunha observación superficial”, sinala o texto, “distínguese no chan, entre a carballeira, aliñamentos de derrubes de cachote nos que puntualmente sobresaen fiadas de perpiaños irregulares definindo muros de dobre cara de entre 0,8 e 1 metros de anchura. Nunha análise inicial, identifícanse até tres estruturas deste tipo, definindo espazos duns 7×7 metros, algunhas delas achegadas entre si formando conxuntos construtivos. Tamén se atopan restos de tellas por toda a superficie. Todo o conxunto aparece rodeado por un valado perimetral, a modo de cerca, que nalgún punto parece reaproveitar tamén restos de antigas construcións”.
O texto está debuxando o que foi a casa forte e pazo de don Hermenexildo, avó de San Rosendo, que a documentación sitúa na faldra noroccidental do Monte da Neve. É dicir, dominando todo o val do Vilar no que se asentou Celanova ao redor do mosteiro.
O redactor insiste neste detalle: “Pola situación topográfica de absoluto control tanto do val e actual vila de Celanova, ademais de cara aos montes e paraxes situados cara ao Sur, polo Alto da Lago e ramificacións da Serra do Leboreiro, xa no concello de Verea, é doado supor, en vista dos restos descubertos, a localización dun posto de control neste lugar, para a protección de acceso ao val e da propia casa forte. Puidera así relacionarse este sitio, en conxunto coa suposta situación do vello pazo, coas Torres de Valvís”.
A documentación analizada e o traballo de campo levan ao autor a avanzar que aí poden estar os restos da historia aínda por descubrir de Celanova. “En todo caso, a presenza de derrubes e fragmentos de tella en abundancia certifican a presenza dun sitio arqueolóxico no lugar sen ningún tipo de dúbidas”, certifica.
Nada diso aparece no documento inicial da empresa promotora do polígono eólico, con data de xuño de 2020 e que está en fase de tramitación.
Xosé Luis Méndez Ferrín, veciño e bo coñecedor da zona, lanzou en marzo pasado unha durísima invectiva contra o proxecto alemán.
“Unha entidade da que non se sabe máis ca a súa condición estranxeira, ten previsto violar brutalmente o espazo histórico-artístico de Celanova erguendo sobre as ruínas de Cachiquimbra e no outeiro da Casa da Neve unhas torres eólicas de altura desmesurada (…) A paisaxe arqueolóxica, artística e humana de todo o territorio afectado encóntrase severamente ameazada. Un movemento activo contra as máquinas que transformarán se llo permitimos o vento en quilovatios nunha operación colonial que non lle vai producir beneficio senón a inversores sen rostro que, seguramente, vivan ociosos a milleiros de quilómetros de Celanova, está en marcha”, advertía o escritor.
Nin as palabras de Ferrín nin o estudo arqueolóxico pareceron conmover o alcalde, Antonio Puga (independente), que co respaldo do PP e do PSOE negouse a aprobar unha proposta do BNG para solicitar a Patrimonio unha cata en condicións. Nun pleno que pasará a historia por esta e outras cuestións que teñen que ver coa memoria, a maioría de concelleiros da corporación celanovesa dixeron que non paga a pena gastar un peso en documentar a realidade arqueolóxica da Casa da Neve.
Mais as conclusións científicas, aínda que preliminares, son clamorosas. Ademais do pazo e as torres medievais, o estudo alude aos restos dunha explotación mineira romana a ceo aberto (a Cova da Moura), dun castro (en Cañón, xunto a vertente sur da poligonal), a camiños medievais e a propia Casa da Neve (estrutura en pedra utilizada polos monxes do mosteiro para conservar o xeo) que da nome o monte principal. Tamén ofrece a relación de 25 túmulos en tres conxuntos (Pozo da Lagoa, Altos da Lagoa e Monte Oural) dos cales nove aínda non figuran no inventario arqueolóxico da Xunta, e aconsella que as necrópoles megalíticas sexan “consideradas unha única área arqueolóxica” ao igual que “como conxunto deben ser concibidos os lugares vinculados ao pasado fundacional de Celanova”.
Para o autor do estudo, os elementos sinalados teñen “gran importancia para a historia de Celanova e para o seu presente e futuro desenvolvemento socioeconómico”, e recomenda enviar o propio estudo “á administración competente” para que se poña remedio á ausencia nos inventarios e se teñan en conta para a súa protección.
A finais de xullo constituíuse a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova que vén de convocar unha marcha para o 4 de setembro. A mobilización organízase en base a un chamamento a defender “a auga, a paisaxe e o patrimonio da Casa da Neve”.
Para Méndez Ferrín, é tempo de volver reclamar, como as Irmandades da Fala e máis Manuel Antonio, “a soberanía estética” de Galiza “como un dereito”.
Costa da Morte, megalitismo en terra regalada
A finais de xuño a asociación Petón do Lobo, unha das máis comprometidas fronte a invasión eólica, publicou unha lista dos vinte e dous polígonos de extracción de enerxía eólica –más de 150 novos aeroxeradores– que dez empresas tramitan na Costa da Morte. O informe dos ecoloxistas titúlase “Terra regalada”.
A lista dos proxectos é a seguinte (cos concellos afectados entre parénteses): Monte Tourado (Zas e Vimianzo); Soesto (Laxe); Pedrabante (Carballo, Tordoia, Val do Dubra, Trazo, Vimianzo, Ordes, Cerceda e Carral); Berdoias (Vimianzo, Muxía, Dumbría, Ordes, Cerceda, Santa Comba, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Zas e Carral); A Rula III (Mazaricos); Meirama (Cerceda e A Laracha); Alto Torreiro (Corcoesto e Coristanco); Orzar (Carballo e Tordoia); Tornado (Carballo, Tordoia, Val do Dubra e Trazo); Pena dos Mouros (Camariñas, Laxe e Vimianzo); Monte Agrelo e Muriño (Cabana de Bergantiños e Zas); Monte Chan (Laxe e Vimianzo); As Salgueiras (Ponteceso); O Cerqueiral (Coristanco, Cabana de Bergantiños e Santa Comba); Campelo (Coristanco e Santa Comba); Bustelo (Carballo e Coristanco); Baralláns (Cabana de Bergantiños e Coristanco); Toural (Coristanco e Santa Comba); Cabazo (Carnota e Muros); Patiñeiro (Vimianzo); e Sembra (Cee, Dumbría e Fisterra).
Greenalia Wind Power está detrás de seis destes proxectos. A filial española da portuguesa EDP Renovables, xa con forte presenza na zona, está detrás doutros seis. Iberdrola, dos dous máis grandes: Padrabante (20 aeroxeradores) e Berdoias (17).
A Costa da Morte, na que as autoridades locais e provinciais levan anos intentando consolidar o proxecto dunha gran área turística co megalitismo como fío condutor, vai camiño de se converter nunha gran plantación de muíños de enerxía eólica.
Cada un dos proxectos ten afeccións patrimoniais severas. O das Salgueiras suscitou unha oposición veciñal que asumiu o legado de Eduardo Pondal, natural de Ponteceso, para defender un espazo histórico, cultural e dunha enorme riqueza arqueolóxica. Desde finais do ano pasado, a Plataforma pola Defensa do Monte As Salgueiras puxo o foco nos elementos patrimoniais datados na idade de bronce e estirou o fío até “as paisaxes pondalinas”.
En Ponteceso ten a súa sede a Fundación Eduardo Pondal. O alcalde Lois García Carballido preside a entidade. E segundo denuncia a Rede galega por un Rural Vivo, nos últimos anos García Carballido vén asinando convenios con EDP para vender “propaganda verde da empresa enerxética” a través de becas escolares. A Rede quéixase de que nin a Fundación nin o Concello de Ponteceso se teñan pronunciado en contra os impactos dos polígonos, en funcionamento ou en proxecto, nin alertado a veciñanza.
A mesma queixa sinala os xestores do Parque do Megalitismo da Costa da Morte. Os ecoloxistas sosteñen que se a entidade, que agrupa dez concellos e debería protexer máis de 300 elementos entre mámoas, dolmens e outras construcións “como motor do turismo cultural”, non se opón aos polígonos é porque os representantes políticos, empezando polo alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón (PP), á cabeza do Parque, defenden outros intereses alleos aos da veciñanza.
En Vimianzo, a parroquia de Berdoias levantouse contra o megapolígono. En xaneiro pasado presentaron alegacións asinadas por tres entidades: a Asociación Parroquial de Berdoias, o Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte e o Colectivo A Rula.
O documento empeza sinalando “o impacto severo” do proxecto para o patrimonio arqueolóxico da parroquia como “o dolmen da Casota, a mámoa de Freáns e as dúas estacións de arte rupestre do outeiro de Pedrouzo”. E tamén “a excesiva proximidade da LAAT (Liña de Alta Tensión) de evacuación ó núcleo de Santa Cristiña e o seu patrimonio; así como a proximidade de diferentes tramos do Parque Eólico proxectado con rutas culturais coma o Vieiro Fidalgo, a Vía Mariana, ou o Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil”.
A continuación critica o estudo presentado pola empresa promotora no que non se mencionan nin a mámoa de Freáns nin as dúas estacións de petróglifos do Pedrouzo, onde “non se respecta a zona de afección do aeroxenerador B15”.
“Proxectan unha máquina a 150 metros dos petróglifos”, di Sonia Martínez, da plataforma veciñal contra os eólicos, que viven días de incerteza despois de que a Xunta de Galiza se opuxese ao proxecto, de tramitación estatal, aducindo que non está dentro de zona ningunha de aproveitamento eólico prevista no Plan Sectorial galego. “Non nos fiamos. Isto vai e vén. Do Ministerio de Transición Ecolóxica só temos a comunicación de que recibiron as nosas alegacións; da Xunta, nada. Oficialmente non sabemos en que situación están os trámites”.
O documento inicial da empresa contra o que alegaron ás veciñas apenas prestou atención aos impactos patrimoniais, conta Sonia. Conscientes da singularidade da parroquia, decidiron buscar axuda e recorreron a asociacións do ámbito cultural, “co tema medioambiental non tivemos a mesma sorte e non topamos ningunha bióloga ou biólogo disposto”.
As alegacións chaman a atención sobre camiños como o do Vieiro Fidalgo, o de Santiago a Muxía, ou a Vía Mariana que liga Braga con Muxía, e que tampouco ten en conta o proxecto da empresa malia que quedan dentro da poligonal. As veciñas demandan protección diante dos impactos do proxecto industrial para elementos patrimoniais que conservan as aldeas: cabazos, eiras, lacenas de abellas, fornos, muíños, cruceiros, pombais, pazos, pontes… nos núcleos de Boallo, Casanova, Santa Cristiña, Pedra do Frade, Berdoias, Romar, Bouza e Grixoa.
Demandan as veciñas que os xacementos arqueolóxicos e os diferentes bens etnolóxicos e naturais deste lugar sexan “considerados e valorados conxuntamente, non como elementos illados”.
“A presenza na parroquia de ata tres vieiros ou rutas de carácter cultural”, conclúen, “testemuña este singular valor etnográfico, histórico, arquitectónico e antropolóxico vinculados ás formas de vida e cultura tradicional galega que debemos preservar sen alteracións que desvirtúen este contexto”.