Incendios (II). Aprender de novo a utilizar o lume e o monte

Publicidade

Mentres o Mediterráneo oriental vive a peor vaga de incendios forestais en décadas, na Galiza a tempada de máximo risco comezou sen apenas sinistros. É tempo para que os actores reflexionen e vaian anotando cousas a mellorar para que a sorte do monte (e das veciñas) non dependa só do “tempo”.

Lume forestal. Imaxe: Bombeiros de Vilarmaior

O contexto

A media de idade do operativo de extinción de incendios que defende os montes galegos é de 55 anos. As torres de vixilancia están sendo substituídas por cámaras. Até hai uns anos o PLADIGA prevía un vixiante en cada área que conte cunha torre, hoxe un par de ollos atenden varias áreas a través da multipantalla. O persoal de combate contra o lume ten os mesmos problemas que cando a media de idade era de 35 anos. Son poucos, a contratación non é fixa e a prevención segue a ser un asunto secundario.

Así está o servizo.

O monte galego é un medio con alto risco de incendio. A estrutura forestal, especialmente na franxa de monte industrial que vai do norte de Lugo á desembocadura do Miño, está dominada por plantacións de eucalipto e de piñeiro. Aceite e resina. Altamente combustíbel. Cun potencial explosivo que se dispara en determinadas condicións climáticas. E as anomalías climáticas son cada ano máis habituais.

A estrutura poboacional é outro factor que aumenta os riscos. Dispersión e avellentamento. Dificultades crecentes para atender os labores de prevención: as franxas de seguridade e a limpeza. A tradición do manexo do lume como ferramenta no agro e na gandaría persiste con trescentas mil queimas autorizadas cada ano. E esas son as controladas.

Así está o rural.

Labores de enfriado dun incendio en Ourense. Fonte: Emerxencias Ourense

En Portugal, estes días, o Presidente da República Marcelo Rebelo de Sousa, manifestou a súa solidariedade con Grecia. Rebelo de Sousa coñece a dor que pode causar un incendio descontrolado en medio dun territorio forestal desordenado e cun servizo de resposta insuficiente. Até hai moi pouco, pasaba case cada ano do outro lado da raia.

No 2017 pasou deste lado. Un 15 de outubro cálido e ventoso.

E non porque na Galiza non estiveramos avisados. Dous anos antes o Larouco cuspiu lume coma un volcán contra Cualedro e as aldeas da contorna. Vinte e pico núcleos de poboación tiveron que ser desaloxados ás carreiras. “Menos mal que cadrou en domingo, porque se non aquí só estaríamos os vellos e ninguén paraba isto”, comentaba un veciño de Vilar de Lebres o día seguinte.

Aquel domingo arderon as primeiras mil hectáreas en menos de dúas horas e o servizo de extinción –rebentado dunha fin de semana de incendios ao redor de Ourense e no Macizo Central– tivo que desprazar efectivos desde o Barbanza e de distritos de Pontevedra e Lugo.

O 15 de outubro de 2017 morreron persoas no sur de Pontevedra. E veciñas de moitas localidades da área metropolitana de Vigo fixeron cadeas humanas para botar auga o lume. O Parlamento convocou unha comisión de expertos.

Imaxe: Bombeiros de Vilarmaior

Fóra de control?

“En cuestión de décadas, o cambio climático pode modificar os patróns meteorolóxicos e dos incendios. O quecemento no polo norte reduciu a brecha de temperatura co ecuador, diminuíndo o fluxo da corrente de chorro sobre o hemisferio norte, e isto está a provocar períodos húmidos máis longos que promoven un rápido crecemento da vexetación e ondas de calor máis longas que secan a vexetación. Con menor humidade atmosférica os ecosistemas son máis propensos ao lume”, di un informe de WWF do ano pasado.

O informe titúlase: Unha crise furiosa fora de control?

O 30 de agosto de 2015 o lume de Cualedro –onde se concentran varias das parroquias de maior actividade incendiaria da última década– arrasou 3.000 hectáreas. Os lumes que se sucederon desde o Baixo Miño cara o norte o 15 de outubro do 2017, tamén domingo, devastaron máis do triplo de superficie. No 2019 e no 2020 a incidencia diminuíu pero rexistráronse grandes sinistros en Rianxo, nas parroquias de Montes e San Millao en Cualedro, no Parque do Xurés en Lobios e no Macizo Central.

“O primeiro incendio con características de incendio de sexta xeración que lembro é un en Toén. Detectouse e tardamos só sete minutos en chegar a pé do lume. Mais, dous minutos despois, o incendio xa tiña creado un pirocúmulo, esa nube de fume denso que nun incendio normal adoita a formarse a partir dos 45 minutos ou unha hora… O fume e a calor concéntranse nas partes altas e caen en canto arrefría por abaixo. Caen e crean un efecto succión e ventos moi fortes. Crean as súas propias condicións para expandirse”, conta Eduardo González, bombeiro forestal con tres décadas de experiencia no servizo. 

Incendio en Rio Caldo (Lobios). Fonte: Educación Forestal

“Na miña opinión, o operativo é forte, comparto iso, pero penso que se están centrando moito en reforzar os medios aéreos, e con iso non é suficiente. Nunca o foi. E agora menos. Diante destes novos lumes, que aproveitan unhas condicións atmosféricas e da vexetación diferentes, os medios aéreos non son igual de efectivos. Para min son necesarios, pero a extinción é unha combinación de medios. Nestas condicións o buldozer son moi eficaces. Ao mellor os medios aéreos tiñas que facer non só ataque directo, que só é efectivo se traes unha carga grande, senón tamén faixas de defensa a base de polifosfato ou axente espumante”. 

“No inmediato non espero demasiados cambios despois da substitución de Fernández-Couto. En xeral, o operativo está consolidado. No período 2005-2009 démoslle un xiro copernicano en canto a dimensión e profesionalización. Tamén demos un salto teconolóxico. Despois do bipartito, recuperaron as brigadas municipais. E non se mellorou”, valora Alberte Blanco, ex director xeral de Montes no goberno PSOE-BNG e participante na comisión parlamentaria creada hai catro anos.

“Aquela comisión estivo case un ano traballando. Chegamos a algúns consensos e emitimos recomendacións. Unha delas foi que a Xunta mudase o sistema de selección desas brigadas municipais e que se encargase ela mesma do proceso de selección. Que eu saiba, aínda non se aplicou esa medida”.

Blanco asume que a adaptación do operativo será lenta, máis urxe. “Ten que haber un sistema de anticipación. Hai vontade, si. Verbalízase, si. Pero até o de agora non se correspondeu con feitos concretos nun prazo razoábel”.

Incendios na provincia de ourense do 13 ao 15 de setembro de 2020. Fonte: MITECO

Publicidade

Publicidade

Orde no caos e na resposta

Blanco, autor do ensaio O monte galego. Caos ou aproveitamento funcional?, sinala dúas liñas de acción a futuro. En canto o dispositivo: mellorar a capacidade de resposta. En canto á estrutura forestal: control e lei. Ademais, apunta un terceiro factor a non esquecer.

O dispositivo de extinción, considera, ten que avanzar cara a anticipación. “ A secuencia é: bo sistema de prevención meteorolóxica; vixilancia para a detección inmediata; e rapidez na intervención”, aconsella, e despois resume: “Se traballas esa secuencia, é moito mellor que ter moitos hidroavións”. Os cambios que propón exixirían unha vixilancia especial sobre as parroquias con maior incidencia e dispor brigadas móbiles de ataque rápido e medios aéreos áxiles para a primeira descarga. “Na fase inicial está a clave. Se non resolves nos primeiros minutos, o problema medra”. 

En canto á xestión do monte, Blanco é partidario dunha estrutura forestal que atalle o descontrol do eucalipto, “que ordene esta plantación se se considera necesaria, pero tendo en conta que é unha planta pirófita”; de aplicar a lexislación que xa existe para protexer os núcleos de poboación, con franxas de 50 metros “ben rozadas, como establece a norma, ou mesmo ampliando a cen metros”. Mais non se cumpre a lei, lamenta. Se se cumprise, di, e os gobernos tivesen a coraxe de expropiar as fincas que non se limpan ou fican abandonadas, este stock de terras poderían dotar o banco de terras. “A Administración debe ser capaz de vincular a protección dos núcleos e o cumprimento da lei cunha demanda social para poñer terras a producir”.

Despois da traxedia de Pedrógão Grande, que comezou o domingo 17 de xuño de 2017, as autoridades portuguesas empezaron a cambiar o modelo de prevención e extinción de incendios. A mudanza vai lenta. Mais unha das accións que activaron foi concienciar á poboación dos riscos dos lumes forestais. Este ano profesionais do servizo nacional de extinción gravaron unha serie de vídeos con mensaxes moi precisos para a poboación: que facer en caso de incendio, que cousas son útiles e onde e como poñerse a salvo. Unha campaña similar parece inviábel deste lado da raia.

“Pois non me parece mal. Nin alarmista. É sensata. A interacción coa xente que vive no medio é fundamental, ter unha boa comunicación coas zonas de alto risco, dotarse de elementos preventivos, promover un  comportamento e respostas colaborativas… A boa información é útil, que flúa… Aquí non se fai o suficiente”, opina Blanco.

Lumes. Fonte: BRIF Laza

Un consello para indíxenas

“Levamos un ano de chuvia e calor, polo menos no Sur do país, que é onde está o risco máis elevado porque é aquí onde se dan as temperaturas máis extremas. Nos montes hai máis biomasa, son un polvorín, pero nunca se sabe, se empeza a quecer forte, se se empeza a deshidratar a vexetación… e vén alguén e lle prende…”

Eduardo González leva unha campaña tranquila. Das máis tranquilas dos últimos anos a estas alturas. Pero sabe que as últimas semanas de agosto e as primeiras de setembro poden ser críticas. “Depende do clima. A climatoloxía é quen manda”.

Este ano o sur de Ourense conta de novo coa base de helicópteros do Xurés operativa. A Xunta adxudicou o contrato por trámite de urxencia despois de compensar os comuneiros, que o ano pasado se negaron a seguir cedendo os terreos de balde. A Xunta, ademais, proxecta para o ano que vén unha nova base. Unha base internacional na zona de Verín. Un proxecto herdado de Tomás Fernández-Couto que aos traballadores lles resulta estraño.

“Máis medios aéreos nunha zona que terá o 68% de operatividade en Portugal, onde están cubertos polo aeródromo de Chaves e teñen base en Montalegre? Outra base nunha área na que as isócronas demostran que está cuberta polas bases de helicópteros e avións que xa existen en Ourense e Zamora?”, pregúntase González. “Hai pasta de Europa para emerxencias, parece…”

González é moi crítico co labor de Fernández-Couto. “Despois del, calquera cousa, o que sexa, será mellor”. Mais aínda non apreciou cambios no operativo. “Estamos nós, os traballadores, veteranos, poucos, pero expertos; e está o clima… no operativo hai xente moi preparada, pero a xestión global deixa moito que desexar. Que o tempo fresco nos siga acompañando”.

A maior onda de calor en décadas mantén vivos a mediados de agosto os lumes no Mediterráneo oriental. Portugal mira con preocupación cara Grecia, Turquía, Albania, Macedonia do Norte. Os bombeiros lusos manteñen á veciñanza das aldeas en alerta. É verán, os incendios son cada ano máis agresivos, convén colocar a garda alta.

A asociación ecoloxista WWF anota un último consello: hai que ser quen de aprender de novo a xestionar o lume. “Nalgunhas rexións de clima temperado e mediterráneo manter a diversidade require a reintrodución do lume como e das paisaxes dependentes do lume. Cando se xestiona coidadosamente, isto tamén reduce a carga de combustible, potencia as comunidades indíxenas, xera mellores medios de subsistencia e mellora o almacenamento de carbono na vexetación e no solo”. Un consello para indíxenas.

Adestramento de extinción en Becerreá. Fonte: Medio Rural

Pode que che interese:

Quen é Francisco Fernández del Riego? Día das Letras Galegas 2023

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro do ano 1913 e faleceu en Vigo o 26 de novembro do ano 2010. Escritor, editor, crítico literario e militante do galeguismo, foi un activo loitador pola lingua e cultura galega até o seu falecemento.

Santa Clara: un tesouro de 750 anos

Até hai ben pouco o centro de Pontevedra contaba con 12.575,21 metros cadrados que estiveron pechados durante 750 anos á cidadanía. Este espazo do que falamos é o Convento de Santa Clara, recuperado a finais do ano 2021 polo Concello de Pontevedra por 3,2 millóns de euros. Esta operación foi unha das maiores en materia de recuperación de patrimonio das últimas décadas en Galiza.

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Ti fas que a rede en galego viva!

Ti podes contribuir a que este tipo de contidos e proxectos non desaparezan!

A túa axuda mantén esta páxina, a actualizar as redes sociais, as canles audiovisuais e a crear contido de calidade. Ademais, podes acceder a contido exclusivo para orgullosas e orgullosos do noso!