Todas as definicións do concepto “tradición oral” coinciden en que é a forma de transmitir coñecemento da cultura, tradición e experiencias das sociedades ao longo do tempo, xa sexa mediante refráns, lendas, cantos, relatos, fábulas, conxuros, mitos…
Fronte á postura de que a historiografía é a única fonte fiábel do coñecemento da historia, a tradición oral ergueuse como unha fonte de información que se vale das tradicións e que perdurou ao longo da historia, paralela á historiografía.
A tradición oral galega caracterízase pola súa riqueza, variedade e capacidade para transmitir e explicar a nosa historia. Contamos con moitísimas expresións típicas galegas, unha boa parte centradas na vida no rural e o que acontece no seu redor, mais tamén outras que explican as vivencias doutros momentos históricos.
Hai unha expresión popular moi estendida na nosa xeografía e, en concreto no sur do País, esta é “a chorar a Cangas”. Adoitamos empregala para recriminar ao noso interlocutor por “choromicas” ou por lamentarse por un suceso esperado. Mais, por que os mandamos a chorar a Cangas?
Durante moitos séculos e até finais do século pasado, no noso País existía unha profesión de nome “carpideiras, choronas, choradeiras ou plañideiras” e que consistía en chorar nun enterro por cartos ou comida. Segundo historiadores e a tradición oral, na vila de Cangas do Morrazo existían unhas carpideiras de renome, das máis afamadas da Galiza e que eran contratadas case sempre por persoas de alto poder adquisitivo para demostrar que o finado ou finada era unha persoa moi coñecida.
En moitas ocasións as capideiras non coñecían ao finado mais a súa profesionalidade era tal que mesmo chegaban a desvanecer ou arrincar pelos da cabeza para mostrar a dor provocada pola morte da persoa. Noutras ocasións estudaban a vida do finado para facer gala do seu coñecemento diante dos presentes.
Cómpre destacar que as capideiras teñen a súa orixe no antigo Exipto, debido a un tabú que prohibía aos parentes chorar en público. O seu uso tiña dúas funcións principais que eran contaxiar por imitación ao resto do público e destacar a importancia social do defunto. Tamén hai constancia da súa existencia na cultura de México, Inglaterra, norte de Portugal e no rito xudeu.
Sen embargo, aínda que a fama viña das choradeiras de Cangas do Morrazo, esta profesión estaba estendida por toda a xeografía galega. No século XIV a Igrexa tentou erradicar o uso destas mulleres, conservándose escritos dos obispos nos que lles entregaban todo o poder aos curas das distintas parroquias para prohibir ou entorpecer a súa presenza.
Así e todo, estas profesionais do choro adoitaban recibir alimentos polos seus servizos xa que a fame e as penurias eran constantes, aínda que en momentos de maior bonanza económica podían recibir até 2 ou 3 reais. De feito, aínda que no século XX a súa presenza era case testemuñal, algunhas persoas que lembran da súa existencia contan como nos anos posteriores ao golpe de estado franquista e coincidindo cos anos da fame, había mulleres que se adicaban a isto co obxectivo de poder alimentar ás súas crianzas.
Na actualidade, as capideiras xa non existen mais queda a tradición oral, encargada de lembrar a súa existencia e sobre todo de seguir enriquecendo unha lingua que ao contrario desta profesión, resístese a pasar ás follas da historia.
2 comentarios en “De onde vén a expresión popular “a chorar a Cangas”?”
Bos días-
A colación do dito “a chorar a Cangas” hai outro dito que me causou sorpresa e curiosidade cando mo mencionou unha amiga de Marín e que alí se usa.É “Ai eu non sei,son de Muros”,usase cando alguén se desentende ou non quer saber nada do que se trata,fala etc.
Eu son de Muros,no pueblo nunca o oín,penso que debe ter relación con que o ser pueblo de mariñeiros e éstos relacionarse cos de outros lugares saleu de ahí. Hai otro moi curioso tamén, é: Todos somos galegos menos o capitán que é de Muros.Gustariame que o poñades na páxina e asi saber a orixe.Moitisimas gracias. A seguir así.
Preguntaremos en redes sociais. Saúdos!