Cando vemos saír ao oso de Salcedo ou ao Oso de Sande vemos a representación da fin dun ciclo; cando vemos as figuras dos Felos ou dos Peliqueiros vemos uns traxes semellantes mais comportamentos radicalmente distintos. Na propia palabra entroido vemos que esta non é unha simple festa e que a lingua galega é parte fundamental desta festividade.
Hoxe falamos de oito datos que debes saber sobre o Entroido e recomendamos unha serie de contidos para saber máis:
Neste artigo falamos de...
O entroido galego
O entroido é posiblemente a festividade máis importante da cultura galega, un fenómeno cultural que marca vilas enteiras e a milleiros de persoas.
Nada concreto sabemos das súas orixes mais a teoría defendida polos principais antropólogos e antropólogas deste país é que é un rito de expulsión do inverno.
O entroido sería a derradeira mascarada ou festividade dun ciclo do inverno que inicia con defuntos e continúa cos magostos e nadal, de feito, en lugares coma Zamora ou o Norte de Portugal xa saen mascaradas no mes de decembro.
Arredor do Entroido temos numerosos ritos que representan a fertilidade, a rexeneración da terra, a fertilidade, o espertar da natureza ou dos animais.
Que significa a palabra entroido?
Esta palabra ten a súa orixe no latín introitus, isto é entrada a, da que no mundo da antropoloxía falan coma a entrada á primavera, deixando atrás ese período escuro do ano, onde fan presenza as ánimas dos nosos defuntos, o tempo é frío, os animais hibernan ou emigran e as terras apenas producen.
Ademais da palabra entroido, segundo a zona do país, podemos recoller diversos xeitos para denominar a este período. Por exemplo no norte do país é máis común a palabra Antroido aínda que tamén ten presenza antroito.
Na zona da Costa da Morte, o Morrazo ou no Baixo Miño din entruido mentres que no oriente de Ourense está recollida a palabra entrudio. Tamén están recollidas outras formas como introido, entroiro, antroiro ou entrudo.
Onde se celebra o entroido en Galiza?
O Entroido celebrouse sempre en todas os recunchos de Galiza e ningunha aldea deixaba de celebrar o seu propio, sendo polo tanto unha tradición estendida por todo o territorio galego e por toda Europa, non é algo propio de concellos ou aldeas concretas. Ao final as fronteiras son algo recente e a cultura non entende delas, véxase o sur de Galiza e Norte de Portugal mais tamén o Bierzo ou zonas limítrofes con Zamora e Asturias.
Quizais o illamento e a orografía foi o que provocou unha maior conservación de ritos e figuras no territorio ourensán mais existen entroidos por todo o país coma o Entroido do Courel, o Oso de Salcedo na Pobra do Brollón, Os Merdeiros e Maruxos de Vigo, as Madamas e Galáns repartidas por toda a ría de Vigo, o Entroido de Samede, o Entroido da Abelleira en Muros, os tan habituais choqueiros, o entroido de Cotobade, Xenerais do Ulla, etc.
A gastronomía do entroido
A gastronomía do entroido é rica e moi diversa e contamos coa bica de Trives, bica de Laza, rosquillas, filloas de sangue, caldo ou lazos de entroido. Por suposto non podemos esquecer o fundamental cocido, importantísimo nesta época xa que coincide co período de matanza, e é un alimento xunto coa androlla ou o butelo (ou botelo) que une a comunidades enteiras e fortalece os vínculos sociais.
Por suposto non podemos esquecer as orellas, follas de limón, as típicas Chaolas na zona de Cariño, as chulas, etc.
Deixamos os nosos artigos sobre as receitas de filloas e orellas.
Días máis importantes do entroido galego
Xa o primeiro de Xaneiro en lugares como Laza fan soar as chocas polo que o período de entroido é moi amplo e vai alén dos tres ou catro días grandes. Na actualidade hai varianzas dependendo dos entroidos xa que moitos non recuperaron todos os días, pero por sintetizar poderíamos contar coas seguintes datas principais:
- Domingo borralleiro ou fareleiro
- Domingo oleiro
- Xoves de compadres
- Domingo corredoiro
- Xoves de comadres
- Domingo de entroido
- Luns Borralleiro
- Martes de entroido
- Mércores de cinza
- Domingo de piñata
Recuperación do entroido
Nos últimos anos vivimos un boom en canto a procesos de recuperación do entroido, sendo Galiza un dos territorios con maior diversidade en todo o continente Europeo. Así podemos destacar entre outros os Farrumecos de Sobradelo, os Entroidos de Bande, Lobios ou Muíños, os Currumiños de Mos, os Entroidos de Aguasantas, Soutomaior, Samede e o Courel, etc.
Este impulso de tantos entroidos está contribuíndo a reforzar os lazos sociais, dinamizar lugares afectados polo despoboamento, xeran un incremento na identidade e contribúen dun xeito importantísimo coa cultura galega nun momento de aculturación a nivel mundial onde as pequenas culturas están desaparecendo para uniformizarnos baixo os mesmos produtos culturais.
Anímate a recuperar o do teu lugar!
Os problemas da masificación
O entroido transformouse nas últimas décadas, o que antes formaba parte das dinámicas e crenzas da xente, hoxe transformouse nun espectáculo cultural e mesmo económico. Isto ten como resultado a masificación de moitos entroidos e a alteración dos seus propios ritos, desenvolvéndose nestes comportamentos agresivos contra algunhas máscaras, resultado do descoñecemento do mesmo, de visualizalo como unha festa máis e coa promoción, nalgúns casos, desde un punto de vista turístico.
Por todo isto, animamos a todo o mundo a informarse do funcionamento de cada entroido, falar coa súa xente, visitalo con respecto porque para eles é moito máis do que unha festa, é un xeito de conectar cos seus antergos e é unha tradición que se leva moi dentro a un nivel que fai parte fundamental das súas vidas.
Todas e todos somos responsables de respectar os lugares aos que imos e conservar esta tradición.
Coñece máis entroidos
Para rematar, non podemos deixar de recomendar as Xornadas de Entroido que vimos a desenvolver desde Orgullo Galego, unhas xornadas nas que coñecemos diversos entroidos mais tamén analizamos esta festividade para poder comprender o seu significado, orixes, representacións, etc.
Tedes todo dispoñible nas nosas plataformas de Youtube, Ivoox e Spotify.