7 roteiros para coñecer Galiza (parte 2)

Despois do primeiro artigo sobre 5 roteiros para coñecer Galiza que foi todo un éxito, recibimos numerosas mensaxes pedindo que ampliaramos pouco a pouco esta lista de roteiros. Así, decidimos sumar outros sete que temos feito e polo tanto temos coñecemento sobre os mesmos.

Ao igual que na entrada anterior, antes de facer unha ruta é importante documentarse ben, prepararse e levar todo o necesario para realizalo. Seguimos a recomendar que, de ter posibilidade de facelo con guías locais, non o perdades, xa que é unha experiencia moi enriquecedora tanto pola tranquilidade que da ir con alguén que coñece o terreo como pola cantidade de información que nos aportan e que doutro xeito sería imposíbel saber.

Por suposto, seguimos o mesmo criterio aplicado no outro artigo e é non explicar o percorrido detalladamente por evitar algún erro que vos poida prexudicar no seu desenvolvemento. O importante é que vos fagades cunha ruta de Wikiloc do propio Concello e comprobedes previamente que o percorrido está indicado.

Así, comezamos con este percorrido polas montañas galegas!

Roteiro dos Chozos da Laxe

O Concello de Fornelos de Montes é un lugar no que podemos gozar da súa paisaxe mais tamén do seu patrimonio arquitectónico e etnográfico. Así, desde a área recreativa da Laxe, parte o roteiro dos Chozos, unha marabilla que combina paisaxe, gando, etnografía e lendas.

O roteiro acada case os 11 kms e no seu inicio hai un mapa co percorrido que recomendamos fotografar e ir seguindo xa que, aínda que a ruta está indicada, non hai as suficientes marcas e pode levar á confusión. A dificultade é media, quen vaia ao monte de xeito habitual non vai ter maior problema mais coma sempre, cada corpo é un mundo. A duración pode chegar ás 4 horas, se ben dependendo do que nos paremos e do ritmo que levemos, pode variar.

No comezo do percorrido poderemos ver a Fervenza de Casariños, non moi coñecida e unha das máis espectaculares de todo o país e máis tendo en conta que esta é unha das zonas con maior porcentaxe de precipitacións.

Despois desta fervenza poderemos atopar os chozos, numeroso gando, antigos camiños e lugares cargados de mitoloxía e lendas como a Pedra de Abalar ou o Coto dos Ladróns de quen din que foi o refuxio de Pepa a Loba.

Na metade do roteiro está a área de descanso Chan do Porto onde podemos parar a xantar, localizado ao carón doutra grande concentración de chozos. Xa na parte final están as vistas da Fervenza de Coto Grande, o miradoiro da Laxe e a derradeira subida até chegar novamente á Área Recreativa da Laxe.

Na zona non podes perderte lugares incribles como a Neveira e o Foxo do Lobo de Chan de Anduriña ou a cidade das Costas do Alén entre outros moitos.

Roteiro ao Pico 3 Bispos

Desde o Albergue Ancares parte un dos roteiros máis populares da zona e do noso país, a subida ao Pico 3 Bispos, localizado nunha altura de 1794 metros, no Concello de Cervantes. Este pico recibe o nome de 3 bispos porque conta a lenda que aquí tiñan as reunións os bispos de Galiza, León e Asturias.

A distancia é duns 12 kms, se facemos ida e volta de xeito lineal, mais se ampliamos na variante que vai pola Campa do Brego e o fermoso bosque de acivros, algo que recomendamos, esta ruta pode chegar aos 18 kms.

Aínda que o roteiro non ten maior dificultade, agás a subida final, e é perfecto para quen se quere iniciar na montaña nos Ancares, este é un percorrido recomendado para camiñantes habituais, non é un roteiro para todo o público. Ademais no tramo de baixada é onde podes castigar un pouco máis as pernas.

O percorrido total pode chegar até as 5-6 horas e non está completamente sinalizado se ben é certo até a Campa dos 3 Bispos non ten perda. Por isto recomendamos consultar en Wikiloc, no Concello de Cervantes ou nos locais da zona.

Roteiro Mustallar

A subida ao Mustallar é unha das máis populares da zona e máis se estás hospedado no Piornedo. Este é o pico máis alto da provincia de Lugo con 1930 metros de altura e un dos de maior altura do país.

O percorrido é duns 12 kms e tampouco é unha ruta para todo o mundo, de feito é bastante máis exixente que a subida ao Pico 3 Bispos e xa a nivel persoal, a subida final pareceume máis dura que a propia subida final ao Cumio de Trevinca. Temos que dicir que parte do tramo non ten maior dificultade que a que podes atopar na montaña, camiñas entre monte baixo, acivros, o popular chozo dos extremeños  así até que chegas aos pés do Mustallar, nun cruce onde podes enganchar con outras rutas e comeza unha alambrada que impide a caída do gando.

A subida final é o que ten maior dificultade, en poucos metros sorteas un desnivel enorme e non é apto para todo o mundo. De feito cando fixemos esta ruta atopamos varias familias que tiveron que dar a volta.

Para ter maior información podedes consultar na Cantina Mustallar onde degustar os ovos con chourizo despois deste percorrido é todo un luxo.

Tanto esta ruta como a dos 3 Bispos é perfecta se estás hospedado no Piornedo, de feito podes aproveitar para visitar esta vila prerromana e facer os roteiros etnográficos de Piornedo Anda.

Roteiro Tras os Pasos do Xesta

Segundo o Concello da Lama este é un roteiro duns 7,5 kms (a nós pareceunos un pouquiño máis) e parte desde a parte alta da aldea de Liñares. O certo é que é un roteiro moi fermoso, que percorre varias aldeas, monte, fragas, unha ponte espectacular e a fervenza de Liñares. En definitiva teno todo e a dificultade é media, baixa se estás acostumado a camiñar e, en liñas xerais, sinalizado. Iso si, coidado en épocas de choiva, pode ter zonas esvaradizas.

(Aproveitamos tamén para pedir a retirada dos carteis que poñen aberracións como “río Jesta”).

Estes son os puntos de interese:

  1. Liñares
  2. Ponte de Liñares
  3. Camiço Real
  4. Cortegada
  5. Río Xesta
  6. Paradela
  7. Muiños de Paradela
  8. Miradoiro
  9. Fervenza de Liñares

Roteiro Devesa da Rogueira (e variacións)

O roteiro da Devesa da Rogueira é un dos máis fermosos que podemos ter na nosa terra. Esta Devesa conserva un dos mellores bosques que hai en toda Europa Occidental polo que se estás no Courel non podes deixar de visitar o maior atractivo da zona.

No noso caso realizamos o roteiro da Devesa da Rogueira mais metemos as amplicacións ao Pico Polín e ao Pico Formigueiros. O máis habitual é realizar o roteiro da Devesa da Rogueira co desvío á Fonte do Cervo aínda que nos paneis que hai no inicio, na Aula da Natureza de Moreda, poderedes ver todas as variacións e decidir en base ao tempo e á dificultade se meter ou non ampliacións.

Este non é un roteiro para todos os públicos, se ben é certo que hai xente que camiña un pouco da Devesa e logo regresa xa que está moi ben indicado e a beleza comeza no km 0. A subida desde o Aula da Natureza é continua e bastante exixente, por iso na zona tamén recomendan saír desde o Alto do Couto. Sexa como for preguntade na propia Aula e tamén onde vaiades hospedarvos, hai multitude de opcións para percorrer un dos recunchos máis fermosos de Galiza.

A nosa ruta chegou case aos 20 kms mais fixemos todas as variacións. Se non queres dedicar todo o día, podedes facer o tramo da Devesa da Rogueira (uns 10 kms) mais o desvío duns 400 metros á impresionante Fonte do Cervo.

Roteiro dos Carranos

O roteiro dos Carranos parte da Casa Reitoral de Fofe (Covelo) e percorre a frondosidade do bosque autóctono que loita fronte á ameaza do eucalipto. Durante case 9 kms imos percorrer fragas, unha ponte medieval e tamén poderemos visitar o Serradoiro dos Carranos.

O roteiro é circular, levamos sempre a man dereita o río Tea e é perfecto para un paseo duns 8 kms sen excesiva dificultade. Iso si, debemos ter moito coidado en época de choivas, xa que atoparemos zonas anegadas e que poden esbarar, ademais hai unha zona de paso de poldros que pode complicar o itinerario.

En todo caso este é un dos roteiros máis fermosos e á vez menos coñecidos que podedes realizar a só 40 minutos da cidade de Vigo.

Roteiro das Fragas e Levadas do río Calvo e do Deva

Temos que recoñecer que non tiñamos nin idea da existencia deste roteiro, foi grazas á xente que nos seguides nas redes sociais que soubemos del e decidimos  facelo. E non podemos estar máis agradecidos xa que o tivemos diante dos nosos ollos non se resume con verbas.

Este roteiro conta cunha páxina de Facebook onde podedes obter toda a información. 

O roteiro ten uns 15-16 kms aproximadamente e parte desde a Ermida da Pena da Francia para percorrer o Camiño da Raíña e a frondosidade do bosque autóctono. Este percorrido ten como maior dificultade o desnivel mais non supón problema algún para quen vaia habitualmente ao monte.

As fragas que alberga o roteiro son unha xoia que merecen maior protección e divulgación porque as veces o que non se coñece pois non se protexe, como ben estamos acostumados. No tramo final temos un bidueiral e tamén un conxunto de muíños e pequenas fervenzas.

Ao igual que noutros roteiros, debemos ter coidado en época de choivas xa que o camiño pode estar enlamado e a auga pode cortar o paso nalgunhas zonas.

Ver primeira parte con 5 roteiros máis.

Publicidade

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Más artículos sobre Natureza e terra

16 lugares imprescindibles para visitar no Courel

A Serra do Courel é un dos lugares máis importantes do noso país xa non só a nivel ambiental senón tamén etnográfico, lingüístico e patrimonial. Nesta zona comezaron os traballos de recuperación dunha das figuras mitolóxicas do nadal galego, o Apalpador, mais tamén destaca pola

10 fervenzas para visitar polo menos unha vez na vida (parte 2)

Realizar unha lista de fervenzas para visitar require moitísimo tempo xa que en Galiza é raro o lugar que non teña unha ou varias fervenzas ou pozas. Por iso, despois do éxito da primeira parte na que tocamos algunhas das fervenzas máis populares, nesta segunda

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego