6 expresións galegas para non empregar castelanismos

En Orgullo Galego sempre dicimos que a fraseoloxía galega, entre outras moitas cousas, é ben rica e cómpre moito recoller a súa variedade para seguir coñecendo esa riqueza e seguir empregando as formas galegas fronte outras que se impoñen pola situación lingüística que vivimos.

É por isto que decidimos traer hoxe cinco expresións galegas para non empregar calcos do castelán, non porque morfolóxica ou gramaticalmente sexan incorrectas en galego (que algunhas tamén o son!) senón para que as coñezamos todas e todos e poidamos desfrutar delas. Aquí van:

Estar á rasca

Para substituír a frase “estar a dúas velas*”. Neste calco do castelán, en primeiro lugar temos que atender que a palabra “vela” non ten o significado que ten no castelán, en Galiza unha vela é un anaco de tea dunha embarcación ou un deporte náutico mais non unha candea. En segundo lugar, debemos atender o significado da expresión: estar sen cartos.

Ben, entón como dicimos en galego? Pois hai un montón de xeitos! Por exemplo: estar ou andar á rasca, estar/andar a velas vir, andar/estar descalzo/a de pé e de perna.

A auga derrama os camiños

Para substituír a frase “a auga cría ras” que é un calco do castelán. Que quere dicir? Pois quen cha diga probablemente non lle apetece beber moita auga e prefire beber algunha bebida alcohólica. Hai outras formas de dicilo como: a auga é para os peixes, a auga polo río abaixo vaia, pola gorxa non caia.

Quedou todo en auga de castañas

A forma galega correcta de dicir “en agua de borrajas” que vén dicindo que a cousa quedou en nada. En galego tamén podemos dicir que quedou en auga chirla, en auga de fregar e tamén expresións como quedou en fume ou en borralla.

Quedar para regar pirixel

Esta expresión emprégase para dicir que alguén xa ben adulto quedou solteiro ou solteira, antes empregábase sobre todo para as mulleres mais agora xa se emprega para todo o mundo. Se ben é certo que en galego “quedar para vestir santos” é moi empregada e correcta, hai varias expresións que non son exactas ao castelán que a nós tamén nos encantan: temos por exemplo quedar para regar pirixel, quedar para facer zocos ou quedar para cocer o carozo.

Vir con gaitas

É habitual a frase “non me veñas con contos” mais é tamén un calco do castelán. En galego cando alguén nos intenta vender escusas ou relatos inventados dicímoslle que non nos veña con gaitas, tamén se emprega vir con hostias ou andar con gaitas.

Andar con lerias ou andar con reviravoltas

É común empregar o calco do castelán “andar(se) polas ramas” mais nós preferimos reivindicar andar con lerias ou andar con reviravoltas! Emprégase para falar de xente que anda dando voltas co que quere dicir e non vai ao tema directamente.

As e os galegos temos frase para todo! De feito, hai un montón de estudos e revistas sobre fraseoloxía galega cunha ampla variedade de curiosidades, influencias doutras linguas, expresións… Isto só foi unha pequena mostra para abrir a túa curiosidade.

E a ti, que frases galegas se che ocorren? Queres que sigamos achegando expresións e fraseoloxía galega?

Publicidade

Publicidade

Publicidade

Deixa un comentario

Más artículos sobre Cultura, historia, tradicións e mitoloxía

Refráns e ditos do Entroido Galego

O Entroido é posiblemente a maior festividade da cultura galega, unha celebración que percorre todo o territorio galego e que une a milleiros de persoas. Esta festividade está ligada ao cambio de ciclo, a fin do inverno e inicio da primavera, e ademais coincide cos

8 datos que debes saber sobre o Entroido

Cando vemos saír ao oso de Salcedo ou ao Oso de Sande vemos a representación da fin dun ciclo; cando vemos as figuras dos Felos ou dos Peliqueiros vemos uns traxes semellantes mais comportamentos radicalmente distintos. Na propia palabra entroido vemos que esta non é

Crenzas e lendas asociadas con animais

Como indicamos noutro artigo sobre ditos e refráns de animais, unha parte importantísima do refraneiro representa o mundo rural, e iso ten todo o sentido do mundo xa que a sociedade galega foi amplamente rural até ben entrado o século XX. Isto é aplicable ás

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego

Descarga as infografías virais sobre animais, árbores e froitas en galego