Presentarvos 5 roteiros cando temos multitude deles e de gran beleza, é unha das tarefas máis complicadas á hora de redactar un artigo. Como é imposíbel escoller 5 sen deixar atrás outros igual ou máis fermosos, apostamos por darvos a coñecer cinco roteiros que fixemos a xente que conforma a administración de Orgullo Galego.
Actualización: podes ver máis roteiros na segunda parte do artigo.
Aproveitando este artigo tamén deixaremos algúns lugares para visitar na zona xa que estes lugares contan con moita riqueza paisaxística e arquitectónica e tanto podes pasar un día coma un fin de semana enteiro.
En canto as rutas, en cada unha indicaremos o seu nivel de dificultade mais non faremos unha explicación completa do roteiro xa que poderíamos dar unha indicación errónea polo que o noso consello é que preparedes previamente o voso roteiro, consultedes Wikiloc, as páxinas destes concellos e nas de maior dificultade facela cun guía da zona, unha experiencia incrible especialmente en Pena Trevinca e que che da a tranquilidade de ir por alta montaña cunha persoa que coñece o territorio.
Dito isto, comezamos.
Neste artigo falamos de...
Roteiro Cabenca-Cavadosa (Cerdedo-Cotobade)
No Concello de Cerdedo-Cotobade (a unha media hora de Pontevedra e a menos dunha hora de Ourense), atopamos moitísimos roteiros para facer en familia (ou non), de todas as dificultades e de enorme beleza. Entre eles destaca o roteiro Cabenca-Cavadosa que arranca na aldea de Cavadosa e ten unha duración de 13 kms e é circular.
Neste fermosa marcha atoparemos aldeas de arquitectura tradicional, muiños, fervenzas, animais, corredoiras, monumentos homenaxe aos fusilados polo fascismo e o tesouro da coroa, un bosque autóctono como os que non se atopan nestes tempos.
A dificultade do roteiro é sinxela aínda que tes que estar acostumado a camiñar xa que non deixan de ser 13 kms. O noso consello é que deixes o coche nas zonas de baño do río e comeces a camiñar xa que en todo momento está sinalizado.
En época de verán podes incluso pegarte un baño no pozo Saguento, unha das marabillas do lugar aínda que se por algo destaca esta zona é polo fermoso bosque autóctono e polo grande porte dalgúns carballos e castiñeiros.
Sen dúbida podemos afirmar que é un dos roteiros máis fermosos que fixemos e podedes aproveitar para pasar o día e coñecer o rico patrimonio da zona. Se apostades por pasar a fin de semana, podes visitar na zona lugares de moita beleza como a Ponte de Serrapio, a Ponte sobre o río Almofrei, o Menhir – Marco da Anta, as Eiras de Canastros de Pedre e Cerdedo, a aldea pantasma de Vichocuntín, os petróglifos de Fentáns ou o Portalén no Monte Seixo entre outras moitas cousas.
Subida ao Cumio de Pena Trevinca (A Veiga)
As Montañas de Trevinca son un dos lugares máis espectaculares do noso país, localizada a cima de Galiza e Zamora a 2127 metros e que conta con fondos glaciares e vexetación de alta montaña. Trevinca é un territorio natural altamente protexido e que se atopa dentro da Rede Natura 2000 aínda que isto non evita ameazas recentes como a da industria eólica ou outras máis antigas como a da lousa.
O roteiro pode partir desde a aldea da Ponte (Concello da Veiga), localizada a 1.100 metros de altitude e percorre impresionantes paraxes coma o val de Valmeladas, o Sextil Alto (1993 m), o Alto da Valigota (2000 metros) e xa o cumio de Trevinca, a 2127 metros. Durante este roteiro podes desfrutar dunhas vistas impresionantes, da flora propia de alta montaña e incluso de animais coma o voitre leonado, unha especie complicada de ver noutros lugares.
O noso consello é que levedes ben preparado este roteiro, consultedes rutas en Wikiloc ou incluso a fagades cun guía experto da zona xa que a tranquilidade de levar a unha persoa que coñece o terreo e que che pode aportar moitísima información, non ten prezo. No noso caso fixémola con Juanjo e Mónica e a experiencia foi inmellorable.
Na zona podedes visitar a Casa das Pedriñas, facer o roteiro das Lagoas da Serpe e de Ocelo das que temos un artigo nesta páxina e visitar as torres dos concellos veciños do Bolo e de Viana do Bolo entre outros.
Roteiro do Xabriña (Covelo)
O Roteiro do Xabriña é unha ruta circular que comeza e remata na parroquia de Paraños (Covelos) e cunha duración de 17 quilómetros. A dificultade é sinxela mais non deixan de ser 17 kms polo que son precisas unhas 5 horas camiñando.
Este roteiro destaca por estar ligado ao río Xabriña o cal percorres en case todo momento con diferentes saltos de auga e muiños en bo estado de conservación. Ademais chama a atención o lagar de cera restaurado ao comezo, esta era unha importante zona de fabricación de cera polo que atoparemos estas construcións en distintas zonas do roteiro.
Mais isto non é o único que atoparás no roteiro do Xabriña xa que a arquitectura tradicional é unha constante nas aldeas xunto aos petos de ánimas, fontes, pequenas pontes e un recuncho impresionante chamado o Pozo do Demo e que está localizado nos primeiros quilómetros.
Este lugar é moi accesíbel desde Vigo ao estar a uns 40 kms mais tamén desde Ourense, a menos dunha hora. Sen dúbida é un roteiro para toda a familia non tendo maior maior dificultade que superar os 17 quilómetros.
Se facedes o roteiro de mañá aínda tedes tempo a visitar outros lugares formidables como poden ser o Aserradoiro dos Carranos, un antigo aserradoiro hidráulico rehabilitado e que conta con visitas guiadas mais tamén lugares coma o Miradoiro do Faro de Avión, o cruceiro de Covelo, a Casa Rectorial de Barcia de Mera, a impresionante Ponte de Fofe ou a Ponte de Abuiña e a Fervenza de Parrelos.
Roteiro das Fragas de Catasós (Lalín)
Catasós é unha parroquia do Concello de Lalín e xa no ano 1368 aparece escrito como “Couto de Catasoes”. Este lugar agocha fantásticos castiñeiros e carballos de grande porte mais tamén a historia dunha loita veciñal para conservar este tesouro.
Na actualidade están protexidas como Monumento Natural e segundo indican no lugar, aquí atopamos os castiñeiros de maior porte de toda Europa. As Fragas de Catasós ocupan case 5000 hectáreas e contan cun pequeno percorrido de 1,6 kms con paneis informativos para coñecer a riqueza do lugar e por suposto accesible para ir con cativos.
Este fermoso lugar estivo a pouco de ser destruído, polo menos parcialmente xa que Unión Fenosa pretendía levar a cabo unha potente tala para instalar unha liña eléctrica de alta tensión entre Lalín e O Irixo. Para isto pretendían levar por diante máis de 200 carballos e castiñeiros aínda que a propia veciñanza indicaba que a cifra sería infinitamente maior. Por sorte a organización da veciñanza puxo freo a unha nova tentativa de destrución do noso patrimonio para lucro duns poucos.
Como este roteiro é de curto recorrecido podedes aproveitar para visitar a Fervenza do Toxa en Silleda, o Mosteiro do Aciveiro en Forcarei, o Mosteiro do Carboeiro tamén en Silleda ou un impresionante lugar que debería ser de obrigada visita, a Casa Museo do Patrón en Doade.
Roteiro dos muíños do Folón e do Picón (O Rosal)
O roteiro dos muíños do Folón e do Picón percorre durante 3,5kms os 60 muíños do Folón e do Picón, na Parroquia de Santa Mariña do Rosal, no Concello do mesmo nome. Estes muíños datan dos séculos XVII e XVIII e están declarados como Ben de Interese Cultural e mostran a importancia que tiveron no seu momento para a economía da zona, hoxe construción que representan un pasado non tan lonxano xa que no propio século XX algúns aínda estaban un funcionamento.
Estes muíños aproveitaban a forza da auga do río Folón para moer o gran e tamén para alimentar os serradoiros da zona. Décadas despois do seu abandono foron redescubertos e a finais dos anos 90 declarados Ben de Interese Cultural pola Xunta e posteriormente cedidos ao Concello do Rosal para a súa recuperación e aproveitamento turístico.
O roteiro non ten maior dificultade que subir e baixar o percorrido sinalizado baixo o nome PR G-94 e é un bo lugar para pasar a tarde, especialmente en época de choivas cando a forza da auga fai máis impresionante a zona.
Preto do Rosal tes lugares impresionantes para visitar como poden ser os cascos históricos de Oia, Baiona e A Guarda, o castro de Santa Trega, o paseo polo río Miño mais no propio Rosal tes o Muiño das Aceñas co seu Centro de Interpretación, as esculturas do Monte Torroso, os petróglifos do Alto da Campá, a igrexa de Santa Mariña e os miradoiros da Xunqueira, do Niño do Corvo e Cabezo Gordo.
2 comentarios en “5 roteiros para descubrir Galiza (parte 1)”
Moito fermoso! Creo que farei alguns deses roteiros. Sou de Brasil, pero quero ir à Galiza ese año. Moitas grazas!
Obrigado!