Durante séculos educáronnos de costas a Portugal, dixéronnos que non tiñamos que mirar para o sur do Miño, non existían oportunidades económicas e culturais e os nosos idiomas nada tiñan que ver.
A realidade é ben distinta, os vínculos entre Galiza e Portugal lévanos ao Reino de Galiza, ao nacemento do noso idioma, unha evidente semellanza cultural e mesmo un papel conxunto na construción de ambas nacións. Hai pouco falouse nun podcast portugués sobre a emigración masiva de galegos e galegas a Lisboa, o papel destes no Alto Douro Vinhateiro, etc. e é que esa fronteira que intentaron instalarnos nas nosas mentes non foi quen de destruír unhas relacións históricas, que nos últimos anos avanzan no campo económico e cultural e seguen a fortalecerse nunha mudanza na visión e perspectiva de boa parte da sociedade galega mais tamén da portuguesa.
As redes sociais e as novas formas de nos comunicar están a servir tamén para achegar ambos pobos.
O 25 de abril é posibelmente a data e o fenómeno máis importante do pasado século en Portugal e, como non pode ser doutro xeito, Galiza está enormemente ligada a unha revolución que transformou o país e derrotou unha ditadura que agonizaba mentres xeracións enteiras emigraban na procura dunha vida mellor. Unha emigración galega e portuguesa que coincidiu en países como Suíza, Francia, Inglaterra ou Alemaña.
No convencemento de levar todo o noso contido para a esta páxina web, facilitar o acceso ao mesmo e evitar a dependencia das redes sociais, publicamos oito datos que vinculan o noso país coa Revolución de Abril.
Neste artigo falamos de...
O Zeca Afonso e a lingua galega
Nun concerto en Viana do Castelo no ano 1980 o Zeca Afonso dedica unhas palabras a Galiza, concretamente sobre a situación dun idioma que ao contrario do que acontecía no outro lado da raia, era reprimido, perseguido e do que conseguiron deturpar a súa escrita.
“Infelizmente, há quem pense que os galegos são muito diferentes de nós e que falam uma língua chamada castelhano –outros dizem que falam uma língua chamada espanhol–. O que é certo é que na chamada Espanha existem, como toda a gente sabe, vários países, várias regiões, com uma personalidade própria, com uma cultura própria.
Ora, a Galiza, como bem foi destacado por um professor que era aqui do norte, que era o professor Rodrigues Lapa, pertence à mesma realidade cultural que Portugal, sobretudo que o norte de Portugal; mas por artes de berliques e birloques, partilhas, lutas entre senhores feudais, hoje existe uma fronteira a separar povos que têm praticamente a mesma língua e que são, aliás, muitíssimo semelhantes, até na sensibilidade.
Portanto, os galegos falam galego, ou seja, galaico-português, e não castelhano. Infelizmente, durante a ditadura franquista, tudo foi feito para que os galegos se envergonhassem da língua que falavam e a repressão a todos os níveis, mas a repressão à cultura e à forma de ser tradicional dos galegos foi de tal ordem, que o próprio galego foi definitivamente abolido das escolas: foi proibido falar galego.
Só muito recentemente é que, beneficiando de uma certa abertura que surgiu após a morte de Franco, do ditador, se está tentando recuperar a língua e falá-la nas escolas, mas enfim, entretanto, a língua sofreu deturpações, não é?, e já muito dificilmente pode ser restituída a sua pureza original”.
Homenaxe galega ao Zeca Afonso
Galiza é un pobo solidario, empático e o que se celebrou o 31 de agosto do 1985 ratifica isto, é un exemplo dun evento único no mundo e que mostrou definitivamente a importancia e o peso do Zeca Afonso na sociedade galega. Galiza a José Afonso é o nome dunha homenaxe feita na Galiza ao cantor portugués e que tiña un obxectivo claro, xuntar cartos para entregarllos á Associação José Afonso(AJA).
Un Zeca xa moi enfermo deu o permiso para celebrar esta homenaxe, pedindo, iso si, que participaran artistas dun Timor Leste que sofría a ocupación indonesia. O obxectivo era axudar economicamente co tratamento que precisaba para a súa enfermidade, a cal lle impediu estar presente no mesmo. O evento decorreu nun Auditorio de Castrelos ao que o propio Zeca mandou unha mensaxe, unha mensaxe de afirmación da súa profunda amizade co pobo galego e a súa solidariedade coa loita pola lingua galega.
O concerto foi un grande éxito, xuntou case a vinte mil persoas durante máis de doce horas en Castrelos, probabelmente sendo a maior homenaxe feita no mundo ao cantor portugués. Nel participaron figuras portuguesas como Amélia Muge e Vitorino, figuras galegas como Miro Casabella, Suso Vaamonde, Benedito, Ricardo Portela e Fuxan os Ventos, entre outros, mais tamén numerosos poetas e poetisas.
A galega dos cravos
En novembro do ano 2024 faleceu aos 91 anos Celeste Martins, unha galega-portuguesa protagonista do 25 de abril. Celeste Martins Caeiro foi a muller que o 25 de abril de 1974 distribuíu os cravos entre os militares que estaban a dar un golpe de Estado para derrubar a ditadura fascista, e é por este xesto seu que este acontecemento histórico é coñecido como Revoluçión dos Cravos.
Esta filla de galegos traballaba no gardarroupa dun restaurante chamado Sir. O restaurante, inaugurado o 25 de abril de 1973, facía un ano desde a apertura ese día e o patrón pensou agasallar con cravos ás mulleres e vinho porto aos homes. Porén, cos sucesos que estaban a acontecer decidiron non abrir e levaron os cravos para casa para que non se estragaran.
Cando voltaba para a casa, colleu o metro para o Rossio e dirixiuse ao Chiado, onde se atopou inmediatamente cos tanques dos revolucionarios. Celeste preguntou o que pasaba e un soldado respondeulle: “Nós imos cara o Carmo para deter o Marcelo Caetano. Isto é uma revoluçao!”
Celeste quería comprarlles algunha cousa para xantar, pero as tendas estaban todas fechadas. Un deles pediulle un cigarro mais como non tiña, deulle a única cousa que tiña para dar: un cravo, dicindo: “Se quere tome, un cravo ofréceselle a calquera persoa”, e deulle un cravo vermello. O soldado aceptouno e puxo a flor no cano do fusil. Así foi repartindo cravos desde o Chiado até perto da Igreja dos Mártires.
O Zeca e o cancioneiro popular galego
O Zeca compuxo a canción “Achégate a mim, Maruxa” que foi recollida no cancioneiro popular galego. Foi grazas a súa visita pola Baixa Limia, onde puido escoitar as músicas do pobo, como podedes ver, fai referencia ao Concello de Lobeira, localizado no sur de Ourense.
Achégate a min, Maruxa
Achégate ben, moreniña
Achégate ben, moreniña
Quérome casar contigo
Serás miña mulleriña
Serás miña mulleriña
Adeus, estrela brilante
Compañeiriña da lua
Compañeiriña da lua
Moitas caras teño visto
Mais como a tua ningunha
Adeus Lobeiriña triste
De espaldas te vou mirando
De espaldas te vou mirando
Non sei que me queda dentro
Que me despido chorando
Que me despido chorando
Estas cantigas están recollidas no Cantigueiro Popular de Xaquín Lorenzo “Xocas” do ano 1973.
Compostela e o Grândola
A cidade de Compostela conta co Parque José Afonso, xa que di a memoria colectiva que o 10 de maio de 1972 no Burgo das Nacións foi interpretado por primeira vez a xa mítica Grândola Vila Morena, canción símbolo da Revolución de Abril do ano 1974. Este concerto, organizado polo estudantado da Universidade de Compostela e, no que actuou tamén Benedito, estivo rodeado pola Guardia Civil e controlado pola censura franquista.
Na entrada deste espazo hai unha placa que recolle o seguinte: “ O 10 de maio de 1972 no Burgo das Nacións, que ocupaba estes terreos, cantouse por vez primeira o ‘Grândola, Vila Morena’ himno da liberdade, a fraternidade e a igualdade”.
Cada ano na capital de Galiza cántase este himno, nun xeito de unir a ambos pobos por unha arela común, e é que o propio Zeca tiña manifestado que foi na Galiza onde cantara o Grândola por primeira vez e que a emoción e participación do público foi moi intensa.
Entrevista ao Zeca Afonso
No ano 1985 o xornal A Nosa Terra da man de Xan Carballa entrevistou ao Zeca, quen deixou frases destacadas como as seguintes:
“Hai unha gran confusión en Portugal sobre Galiza, e xa estou farto de falar e explicar por todo lugar que Galiza non é España, que é un país diferente, cunha cultura propia, unha lingua semellante á nosa… pero a xente non quer comprender, non se dá por inteirada”
“Galiza sempre foi unha patria de poetas…coñezo pouco o momento actual da música galega pero sei de Emilio Cao, de Milladoiro…antes ía frecuentemente por Galiza, e sei perfeitamente que hai unha presión lingüística e unha opresión política, naqueles anos era unha minoría quen defendían a cultura galega”
“A lingua ten que ser defendida nas rúas, en todos lados; introducir o galego en todos os hábitos cotiáns é a única maneira de resistir”
Associaçom José Afonso – Galiza
No ano 1987 naceu en Setúbal a Associaçom José Afonso (AJA), unha entidade que procuraba manter viva a memoria, a vida e o exemplo militante do Zeca. Recentemente, no ano 2018 naceu na Galiza a AJA Galiza, una delegación ligada á AJA que ten como obxectivo dar a coñecer a figura do Zeca Afonso no noso país, as súas relacións con Galiza e visibilizar a nosa situación como nación en Portugal.
Ao longo destes anos está a desenvolver un traballo fundamental na popularización da figura do Zeca no noso país, na reafirmación deses vínculos entre ambos pobos e tamén en achegar a nosa modesta e importante loita ao pobo portugués.
Capitáns de Abril
Na Revolución de Abril o papel do MFA (Movimento das Forças Armadas) foi fundamental para restaurar a democracia. Entre os militares sublevados estaba o galego Manuel Durán Clemente, un dos capitáns de abril que tivo un papel fundamental para tombar a ditadura de Salazar, tanto el coma os seus compañeiros ocuparon puntos críticos de Lisboa que serviron para neutralizar a resistencia dos partidarios da ditadura.
Como vemos, a emigración galega en Portugal foi moi importante e desa emigración naceron descendentes que tiveron un papel importante na construción do país veciño. Neste caso falamos do Manuel Durán Clemente, con pai militar e a nai, Aldina Durán Chamadoiro, natural de Pazos do Borbén. Durán Clemente tivo un papel importantísimo na Revolución dos Cravos sendo un dos organizadores e posteriormente deputado na Assembleia da República de man do Partido Comunista Português (PCP).
Durán Clemente quedou para sempre como un dos rostros máis coñecidos de Abril, cando foi entrevistado na RTP para informar da revolución despois dunha ocupación da canle de información que buscaba impedir as decisións de recondución do VI Goberno Provisional. Este feito tan coñecido del obrigouno a se exiliar a Angola, onde foi recibido como un heroe.
Aquí a histórica entrevista en RTP.PT
Se coñeces algún dato que poidamos incorporar ao artigo, deixao nos comentarios!





