Despois do éxito do artigo das 7 palabras galegas vinculadas ao mar adaptadas doutro idioma fostes moitas as persoas que nos pedistes outra parte con outras novas palabras.
O certo é que a nosa lingua ten moitísimas palabras propias dalgunhas zonas e outras adaptadas doutros idiomas. Nestes meses fomos recollendo as vosas achegas e elaboramos unha nova lista.
Se coñeces outras, deixa a túa proposta (coa súa explicación) nos comentarios para unha terceira parte no futuro.
Comezamos!
Neste artigo falamos de...
Chacueco
Chacueco é unha palabra de uso exclusivo na zona de Monforte de Lemos aínda que o seu uso tamén está recollido nos concellos da contorna (se ben non ten tanta forza). Esta palabra non ten unha orixe clara, de feito non está recollido no dicionario da RAG. Só se sabe que no Dicionario Galego Da Rima de José Ibáñez vén recollido como “palabra de etimoloxía descoñecida, pero moi usada na comarca de Lemos”. O seu significado é o de persoa falabarata, persoa que di tonterías e que non sabe o que di.
O curioso é que está recollida tamén en Venezuela co significado de “Persoa débil, enferma e con pouca forza”. Tamén está recollida nalgunhas partes de Puerto Rico co significado de “persoa débil, cabalo fraco”. Por último, destacar tamén que se usa na fala local de Lanzarote para definir a unha persoa débil e enferma.
Moumelo/Moumela
Esta palabra é froito da aportación dun dos nosos seguidores e indicounos que ten moito uso na zona de Viana do Bolo mais tamén na súa contorna, incluído as zonas de Zamora de fala galega como pode ser Lubián.
De feito en Lubián teñen recollido moumelo e sinónimos como marandelo e maranxeco. Moumelo e as súas variantes veñen a referirse a unha persoa simple, pouco espelida pero tamén dise dunha persoa débil, con moi pouca forza.
Mouca/Mouco
Mouco é unha palabra con moito uso na zona de Viana do Bolo se ben é certo que tamén se emprega noutros lugares do país. Unha persoa mouca é aquela de poucas palabras, con quen é imposíbel manter unha conversa. Nas súas variantes segundo indica o Estraviz tamén pode servir para referirse a un boi/vaca que ten roto un dos cornos ou tamén referido ao tempo escuro e gris.
Por exemplo:
O Manuel é mouco de carallo, no bar nunca fala con ninguén.
A vaca do noso veciño é mouca, desde o accidente só ten un corno.
O tempo está mouqueante.
Guarisnais
Para coñecer o significado da palabra Guarisnais temos que viaxar á cidade de Ferrol, aínda que tamén foi recollida noutras vilas galegas de porto de mar. Esta é un anglicismo derivada da expresión en inglés “War is nice”.
Aínda que a súa orixe non está clara, o que se pensa é que deriva dos brindes dos militares ingleses que estiveron no porto de Ferrol durante a guerra contra Francia.
Tamén se fala da presenza habitual dos ingleses nos asteleiros da zona e dos brindes dos mariñeiros deste país. A fala local adoptouna a “guarisnais” que vén a significar saír pola noite tomar uns combinados.
Brus
Brus é unha palabra que usamos para definir a un cepillo. Esta é outra adaptación da palabra inglesa “brush” e como dicimos, era un cepillo que se utilizaba para fregar as cubertas dos barcos, polo tanto cunha clara orixe mariñeira. Logo foi adaptado tamén para fregar a casa.
Como sucedeu con outras palabras, a presenza tan importante dos mariñeiros galegos polo mundo adiante e de mariñeiros doutros países na nosa terra, fixo que entraran en contacto con outras palabras e fosen adaptadas ao galego local.
Bighai
Volvemos ao mar, lugar que como dicimos conecta portos de todo o mundo.
Un seguidor da páxina contounos que esta palabra aprendeuna na descarga do atún no porto de Ribeira. Bighai, pronunciado con gheada, deriva da palabra inglesa “big eye”, termo que serve para darlle nome a un tipo de túnido que se descarga na zona da Pobra do Caramiñal e Ribeira.
O seu nome científico é Thunnus Obesus, atún patudo e é similar ao Atún Vermello.
Matalote
Matalote é outra desas palabras que foron adaptadas doutro idioma.
Un matalote é unha persoa que realiza a parte máis dura dun traballo segundo indica a RAG mais tamén pode usarse para falarlle despectivamente a alguén “es un matalote”. Seica as orixes veñen da palabra francesa “matelot” que significa “camarada mariñeiro” e pensan que esta pode derivar do neerlandés “mattennoot”, o compañeiro de cama dun camarote.
Voltamos outra vez ás palabras relacionadas co mar.
Cricada
Unha crica é un molusco bivalvo que vive enterrada na area.
Tamén é a palabra popular para denominar a vulva. Sen embargo, cando falamos de cricada ou cricadas pode referirse a unha persoa débil, que con pouca cousa xa esaxera. Nalgúns lugares tamén serve para referirse a un capricho ou algo innecesario.
Changüí
Un changüí refírese a unha oportunidade, facer cartos cun traballo e pensan que pode vir do inglés. O certo é que un changüí é a parte do peixe que lle corresponde aos tripulantes do barco (tamén a parte económica) mais esta acabou por estenderse a calquera outro traballo.
Un dato curioso é que nalgunhas rexións de Cuba non usan a palabra “guateque” para definir a certos bailes e ritmos propios. Esas festas de carácter labrego que contan con sons ancestrais e que se celebraban en distintas épocas do ano, reciben o nome de Changüí.
Lonche
Seguimos coas aportacións que nos fixestes na publicación nas nosas redes sociais.
O lonche deriva da palabra inglesa “lunch” e serve para referirse ao xantar. Tamén era a comida que levaban os mariñeiros que traballaban na baixura e pasaban boa parte do día no mar e no porto. Ten moita forza nas zonas costeiras, como é habitual, ten que ver coa presenza dos mariñeiros galegos noutros portos europeos. Segundo nos contou xente da zona de Muros-Noia existe tamén a palabra loncheira que é o recipiente onde levan a comida.
Como curiosidade, esta palabra é moi popular en toda Latinoamérica, incluído no Brasil.
2 comentarios en “10 palabras galegas que igual non coñecías”
Na zona de Redondela en vez mouco decimos Camouco e co mesmo significado
Non sabía esta, anoto. Graciñas!